Abrir o menú principal

Cristino Mallo

escultor galego (1905-1989)

Cristino Gómez González, nado en Tui o 23 de agosto de 1905 e finado en Madrid o 11 de xaneiro de 1989, foi un escultor galego, coñecido artisticamente como Cristino Mallo.

Cristino Mallo
Nome completoCristino Gómez González
AlcumeCristino Mallo
Nacemento23 de agosto de 1905
 Tui
Falecemento11 de xaneiro de 1989
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterReal Academia de Belas Artes de San Fernando e Escola de Artes e Oficios de Avilés
Ocupaciónescultor e mestre
IrmánsMaruxa Mallo
Coñecido/a porMonument to Eugenio d'Ors Rovira, Madrid e Fuente de los Delfines
PremiosPremio Nacional de Escultura, Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e sen etiquetar
editar datos en Wikidata ]
Monumento a Eugenio D'Ors, en Madrid, fronte ao Museo do Prado.

Índice

TraxectoriaEditar

Naceu no seo dunha familia de artistas. Usou como nome artístico o segundo apelido do seu pai, Justo Gómez Mallo, ao igual cá súa irmá maior, a pintora Maruxa Mallo[1].

En 1923 foi a Madrid a estudar na Academia de Belas Artes de San Fernando, con José Capuz e Mateo Inurria. Acudiu, xunto coa súa irmá, que tamén estudaba na Academia, ás charlas da Granja del Henar, onde entrou en contacto con Rafael Alberti, Federico García Lorca e Ramón María del Valle Inclán. Durante a Ditadura de Primo de Rivera e a Segunda República frecuentou outras charlas artísticas e colaborou con prestixiosos intelectuais doutros ámbitos, realizando maquetas para os arquitectos Luis Lacasa Navarro, Manuel Sánchez Arcas e Agustín Aguirre (Xeración do 25) e figuras para a obra de Federico García Lorca Títeres de cachiporra, por encargo de María Teresa León.

 
Fuente de Los Delfines, na praza da República Arxentina de Madrid.

En 1931 estivo entre os asinantes do manifesto da Agrupación Gremial de Artistas Plásticos (-AGAP-). En 1933 gañou o Premio Nacional de Escultura coa obra Desnudo con pez. En 1935 obtivo praza de profesor na Escola de Artes e Oficios de Salamanca[2]. Durante a Guerra Civil Española implicouse no bando republicano, participando na Alianza de Intelectuais Antifascistas, para a que realiza carteis, e na revista El Mono Azul.

Terminada a guerra, mentres a súa irmá marchaba exiliada, el permaneceu en España no coñecido como "exilio interior", incluíndo unha estancia no cárcere[3]. Relacionouse cos artistas que renovaron a estética da posguerra (a denominada Escola de Madrid). Frecuentaba a charla do Café Gijón e acadou sona no ambiente artístico, participando no quinto Salón dos Once (1947) e expoñendo na galería Theo.

En 1954 volveu obter o Premio Nacional de Escultura con Muchacha caminando. En 1973 foi elixido Académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, e en 1983 concedéuselle a Medalla de Ouro das Belas Artes.

ObraEditar

Estilisticamente está relacionado co mediterraneísmo propio do novecentismo (influencia de Aristide Maillol, Manolo Hugué, das teorías estéticas de Eugenio D'Ors e de escultores italianos como Marino Marini ou Giacomo Manzù), incorporando algunhas das innovacións formais da escultura abstracta.

Realizou a súa obra en boa parte en formatos reducidos[4], se ben tamén realizou escultura de grandes dimensións para monumentos urbanos (Monumento a Eugenio D'Ors, Fuente de los Delfines -ambos os dous en Madrid-).

Trala súa morte, a súa familia depositou gran parte do seu legado na Fundación Eduardo Capa[5][6].

NotasEditar

  1. Biografía Arquivado 08 de marzo de 2011 en Wayback Machine. en Fundación Mapfre (en castelán).
  2. Biografía en Artespain (en castelán).
  3. "Cristino Mallo: El intimismo escultórico", artigo en Taller Ediciones (en castelán).
  4. Necrolóxica en El País, por Fernando Huici, 13 de xaneiro de 1989 (en castelán).
  5. Ficha na web da Fundación Capa.
  6. "La Fundación Capa muestra 180 obras del taller del escultor Cristino Mallo", artigo de Ezequiel Moltó en El país, 16 de marzo de 2003 (en castelán).

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar