Costa dos Esqueletos

costa de Namibia

Coordenadas: 21°36′44″S 14°32′24″L / -21.61222, -14.54000

A costa dos Esqueletos (en alemán Skelettküste, en inglés Skeleton Coast) é un treito da costa occidental de África que se localiza no norte de Namibia,[1] onde a chegada da corrente fría de Benguela produce densas néboas oceánicas durante a maior parte do ano, que constitúen a única fonte de humidade do ecosistema.

Costa dos Esqueletos, imaxe desde un satélite da NASA.
Nótense as linguas de po do deserto arrastradas cara ao océano polo vento do leste.
Ondas na Costa dos Esqueletos.

Natureza da costa

editar
 
Restos do Eduard Bohlen, que naufragou o 5 de setembro de 1909 na Costa dos Esqueletos.

A característica básica desta costa reside no feito de que o deserto do Namib chega até o océano Atlántico. Os ventos sopran desde o interior do continente cara ao mar, polo que cae moi pouca chuvia (as precipitacións raramente superan os 10 mm anuais), e o clima é sumamente inhóspito. Por outro lado, hai unha constante e intensa ondada nas praias.

Nos días en que se usaban botes a remo era posíbel desembarcar atravesando a marea, pero imposíbel volver a levar áncoras. A única forma de saír do sitio era camiñar centos de quilómetros a través do árido deserto. Isto, e os numerosos restos de barcos naufragados que poden acharse ao longo da costa, consecuencia da néboa, os ventos e o forte ondada (un dos últimos naufraxios ocorreu o 22 de marzo de 2018, cando un barco pesqueiro xaponés afundiu preto da baía de Durissa, ao sur da desembocadura do río Ugab, a uns 200 km de Walvis Bay, a 2 km das praias da Costa dos Esqueletos),[2] a gran cantidade de osos de baleas e de focas dispersos polas súas praias, deron a esta zona o seu macabro nome.

O relevo é xeralmente baixo, ocasionalmente interrompido por rochas emerxentes. A zona sur está formada por planicies de grava, mentres que ao norte de Terrace Bay a paisaxe está dominada por altas dunas.

A baía de Skeleton é agora coñecida como un excelente lugar para practicar o surf nas súas praias.[3]

Parque Nacional

editar

Namibia declarou unha zona de 16 000 km² como Parque Nacional, desde a desembocadura do río Ugab, no sur, até o río Cunene no norte. A parte norte do Parque está declarada como área intanxíbel. Entre os puntos destacábeis desta zona encóntranse os castelos de arxila dos Hoarisib, a montaña de Ágata (Agate Mountain), salinas, e unha gran colonia de pinnípedes no cabo Fria.

 
Colonia de focas no cabo Cross.

No Parque Natural non existen os grandes mamíferos, que fan célebres outras zonas da África. A vida animal esta composta, sobre todo, por aves mariñas, a colonia de focas do cabo Cross e innumerábeis especies de insectos, como os escaravellos tenebriónidos. Porén, hai tamén pequenas poboacións de órices e Antidorcas marsupialis (que raramente beben) e de leóns e hienas, de hábitos alimentarios necrófagos.

A vexetación, case inexistente debido á baixa humidade, está composta por diversas especies de arbustos halófilos e plantas herbáceas. Non existe ningunha árbore ao longo dos mais de mil quilómetros de costa. O principal atractivo biolóxico da Costa dos Esqueletos son os liques, que aparecen en grande abundancia e diversidade.

A costa foi obxecto de numerosos documentais sobre a vida salvaxe, en particular sobre a adaptación á aridez extrema, como un da National Geographic de 1965, "Survivors of the Skeleton Coast".[4]

Moitas das plantas (como a extremadamente lonxeva Welwitschia mirabilis) e insectos do sistema de dunas de area dependen da humidade das mestas néboas marítimas que cobren a costa e dos detritos comestíbeis traídos desde o interior polo vento. A adaptación dos paxaros estudouse desde o punto de vista da súa capacidade de termorregulación, estratexias de cría, nomadismo e da súa adaptación cromática.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar