Convento do Carme de Padrón

construción relixiosa en Padrón

O Convento do Carme de Padrón é un mosteiro católico edificado no século XVIII en Padrón (A Coruña). Pertencente orixinariamente á Orde dos Carmelitas Descalzos, actualmente acolle a Orde dos Predicadores.

Convento do Carme de Padrón
Fachada principal do Convento do Carme en Padrón.
PaísEspaña
Coordenadas42°44′20″N 8°39′48″O / 42.739025819729, -8.6634657545877Coordenadas: 42°44′20″N 8°39′48″O / 42.739025819729, -8.6634657545877
Orde relixiosaOrde dos Predicadores
Estiloarquitectura neoclásica
editar datos en Wikidata ]

Situación editar

Construído sobre a rocha, accédese culminando a chamada Costa do Carme na parroquia de Santiago de Padrón. O conxunto está situado nunha aba do monte de San Gregorio, moi próximo o curso do río Sar aínda que nun paraxe elevado que permite albiscar a vila de Padrón e os seus arredores.[1]

Descrición editar

O Convento do Carme foi construído en estilo neoclásico entre 1729, cando se colocou a primeira pedra, e 1762. Ten tres alturas, a planta é rectangular e foi edificado con pedra de cantaría. A fachada principal do convento e da igrexa ábrense o adro, que pechado cunha balaustrada domina o val do Sar.

A fachada consiste nun corpo central flanqueado por outros dous corpos laterais que serven de campanarios. Estes están coroados por dúas espadanas e dous vans para as campás, aínda que estaban previstas unhas torres que non se chegaron a realizar.[2] O seu corpo central imita a disposición da fachada do Real Mosteiro da Encarnación de Madrid, agás das dúas fiestras, que no caso madrileño ábrense a cada lado da fornela sobre a entrada central e que no padronés están ocupadas por dous escudos.[3] A portada deste corpo central é ampla, con tres arcos sobre pilastras. Sobre o friso e entre dous escudos destaca a imaxe en pedra de San Xosé, obra de Xosé Ferreiro.[4] Cinco fiestras ábrense á fachada que culmina nun frontón recto con óculo.

A igrexa conventual está consagrada a San Xosé, consta de tres naves e destaca o retablo da Nosa Señora do Carme obra de Francisco de Lens, peza considerada como unha das pioneiras do rococó galego.[5]

Historia editar

A finais do século XVII o clérigo padronés Alonso de la Peña Montenegro, bispo de Quito, legou ao seu sobriño, Juan Domínguez Fabeiro, a cantidade de 40 000 pesos para que se patrocinase o establecemento dun convento da Orde dos Carmelitas Descalzos en Padrón. Esta sería a primeira comunidade carmelitana descalza en Galicia, aínda que de la Peña xa apoiara a súa difusión en América.[2][5]

Os freires chegaron en 1715 para rexentar un hospicio, as obras do convento non comezaron ata 1729. Estas foron iniciadas pola cabeceira da igrexa e e estiveron dirixidas por arquitectos da propia orde, como frei Juan de Santa Teresa, frei José de los Santos e frei José del Espíritu Santo.[5] As obras demoráronse ata 1762, aínda que dez anos antes xa se completara a igrexa.[4]

No século XIX a Guerra de Independencia supuxo importantes perda para a súa biblioteca. En 1835, o Convento do Carme foi exclaustrado vítima da desamortización de Mendizábal. O Concello de Padrón empregou o recinto como teatro, xulgado de primeira instancia e almacén.[2] A principios do século XX, instaláronse nel frades dominicos, que nos anos seguintes abriron un centro de ensino. Actualmente (2022), o convento segue baixo a orde dominicana e custodia unha biblioteca especializada en libros de relixión e filosofía.[6]

Notas editar

  1. "Convento do Carme". Padrón Turismo. Consultado o 2022-09-27. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Convento do Carme". obaixoulla.gal. 2019-10-07. Consultado o 2022-09-27. 
  3. 4,0 4,1 "Igrexa do Convento do Carme". obaixoulla.gal. 2019-10-07. Consultado o 2022-09-27. 
  4. 5,0 5,1 5,2 Rega Castro, Iván; Beiró Piñeiro, Xosé Carlos (2007-2008). "La introducción del Rococó en el arzobispado de Santiago de Compostela y los retablos del antiguo convento de los Carmelitas de Padrón". IMAFRONTE (19-20): 365–394. 
  5. "Biblioteca del Convento de los Padres Dominicos de Padrón". CCB (en castelán). Consultado o 2022-09-27.