Conrad Heinrich Küchler

medallista e gravador de moeda alemán

Conrad Heinrich Küchler, nado en Flandres cara a 1740 e finado en Handsworth, Midlands do Oeste, en 1810, foi un medallista alemán que desde 1793 ata a súa morte traballou como deseñador e gravador de moedas e medallas para Matthew Boulton na Ceca de Soho.

Infotaula de personaConrad Heinrich Küchler
Biografía
Nacemento1740 Editar o valor em Wikidata
Morte1810 Editar o valor em Wikidata (69/70 anos)
Lugar de sepulturaSt Mary's Church (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Ceca de Soho Editar o valor em Wikidata
Ocupacióngravador , medallista Editar o valor em Wikidata

Traxectoria

editar

Küchler naceu en Flandres ca. 1740,[1] e inicialmente traballou en Alemaña como gravador de cuños en Darmstadt, entre 1763 e 1772, en Mannheim en 1766 e en Frankfurt en 1775, e logo tamén en Francia.[2]

 
Moeda de dous peniques de 1797.[3]
 
Dólar (5 xilins) do Banco de Inglaterra (1804).[4]
 
Penique da Illa de Man (1813).[5]

Küchler Chegou a Inglaterra cara a 1790 e en 1793 foi contratado por Matthew Boulton como medallista e gravador de moedas para a súa compañía Soho Mint,[6] probablemente para ocupar o posto que deixara vacante o francés Jean Pierre Droz.[1] El foi o único artista do que se valeu Boulton para o deseño e o gravado dos cuños, e foi o creador de moi diversas moedas, medallas e fichas comerciais privadas (tokens), entre elas as moedas de cobre oficiais a nome de Xurxo III (1760-1820) —desde o farthing ata os dous peniques—, o dólar do Banco de Inglaterra[6]cuñado sobre reais de oito españois— e as medallas emitidas en conmemoración da batalla de Trafalgar, ou na honra de Luís XVI e María Antonieta.[1][7]

Durante a súa etapa na Soho Mint de Birmingham, Kiichler gravou os cuños para un gran número de moedas e medallas non só inglesas, senón tamén irlandesas, dinamarquesas, rusas, portuguesas e doutros países.[7][8] Nos seus traballos adoitaba gravar as súas iniciais a modo de sinatura de artista, con distintas formas: H.C.; KUCHLER FEC. ; C. H. K. FECIT ou C. H. K, entre outras.[9]

Küchler foi o creador de polo menos tres dos retratos do anverso utilizados na moeda británica ao longo do reinado de Xurxo III. Máis tarde deixou a Ceca de Soho, mais seguiu a traballar para a empresa de Boulton en Londres ata a súa morte.[1]

Conrad Heinrich Küchler finou en Handsworth, na periferia urbana de Birmingham en 1810, e o seu corpo foi soterrado no cemiterio desa Localidade.[10]

Samuel Timmins referíase así en 1866 á figura de Conrad Heinrich Küchler:[11]

Küchler gravou case a totalidade dos cuños para as célebres moedas de Soho, e en particular, para a coñecida peza de dous peniques; traballou principalmente no estilo francés. Viviu no 22 de Bride Court, Fleet Street, Birmingham, onde traballou como gravador de medallas e gravador de cuños. Despois de pasar moitos anos en Soho, tivo desencontros con Boulton e parece que terminou os seus días en circunstancias difíciles. Xace no cemiterio de Handsworth, sen unha lápida que sinale o seu lugar de descanso.
— Sammuel Timmins, 1866.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Dickinson ,H. W. (2010). Matthew Boulton. Cambridge University Press. Páxina 147. ISBN 978-1-108-01224-9
  2. Forrer, L. (1907). Páxina 234.
  3. "2 Pence - George III". Numista.com
  4. "1 Dollar - George III Bank of England Token". Numista.com
  5. "Isle of Man. 1 Penny - George III". Numista.com
  6. 6,0 6,1 "Küchler, Conrad Heinrich". En Münzen Lexikon (Reppa.de).
  7. 7,0 7,1 Forrer, L. (1907). Páxinas 235-243.
  8. Moedas creadas por Küchler. Numista.com
  9. Forrer, L. (1907). Páxina 242.
  10. Harman, T. T. (1885). Páxina 184.
  11. Timmins, S. (1866). Páxina 564.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
Predecesor:
Lewis Pingo
 
Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

1797
Sucesor:
Benedetto Pistrucci