Colombo
Coordenadas: 6°55′00″N 79°50′00″L / 6.9166666666667, 79.833333333333
Colombo (en cingalés: කොළඹ; en támil: கொழும்பு) é a principal cidade de Sri Lanka con 642.163 habitantes (2001) e máis de 2 millóns na área metropolitana. Está situada na costa suroccidental do país e, durante seiscentos anos, foi unha das capitais do país. En 1977 a capitalidade foi transferida para a próxima Sri Jayawardenapura-Kotte, mais Colombo segue a ser o centro económico do estado.
Colombo | |
---|---|
කොළඹ கொழும்பு | |
![]() | |
Vistas da cidade | |
Localización | |
País | ![]() |
Provincia | Provincia Oeste |
Distrito | Distrito de Colombo |
Xeografía | |
Altitude | 1 msnm |
Superficie | 37,31 km² |
Demografía | |
Poboación | 555.031 hab. (2011) |
Densidade | 17.344 hab/km² |
Outros datos | |
Código postal | 0xxxx |
Alcalde | Mohommad Muzammil |
Páxina oficial de Colombo |
XeografíaEditar
O espazo da cidade é unha mestura de terra e auga, pois posúe numerosos canais e, no mesmo corazón do casco urbano, conta co lago Beira de 65 ha de superfice, que constitúe un dos lugares emblemáticos da localidade. O norte e nordeste da cidade están bordeados polo río Kelani, que desauga no mar no barrio denominado Modera (Mōdara en cingalés), que significa "delta de río".
O clima de Colombo é de temperaturas relativamente moderadas: 31 °C entre marzo e abril e 22 °C nos meses invernais. A maior alteración ocorre durante as estacións do monzón, entre maio e agosto, e entre outubro e xaneiro, nos que se poden esperar fortes chuvias. A media anual de precipitacións é de 2.400 mm.
NomeEditar
O nome Colombo foi introducido polos portugueses en 1505. Semella derivado do termo cingalés clásico kolon thota, que significa "porto sobre o río Kelani". Outra teoría supón que deriva da expresión cingalesa kola-amba-thota, que significa "porto con árbores frondosas de mango".
EconomíaEditar
Colombo é un dos portos máis activos do océano Índico, a través do cal transitan boa parte dos produtos de exportación da illa: té, caucho, aceite de coco, copra e pedras preciosas.
Posúe industrias de trasformación (manufacturas de tabaco, fabricas téxtiles etc) e un complexo siderúrxico.
HistoriaEditar
Colombo foi xa coñecida polos mercadores romanos, chineses e árabes hai centos de anos. Foi durante séculos un porto frecuentado polos navegantes árabes, pois acabaron por ocupala desde o século VIII, e controlaban desde a cidade o tráfico para o interior da illa. No XVI os portugueses botaron da cidade os musulmáns, levantando unha fortaleza para protexer o tráfico de especias.
Os holandeses conquistárona en 1656, logo dun épico asedio, ao termo do cal os portugueses sobreviventes recibiron un salvoconduto. Colombo foi entón a capital dos territorios marítimos da Compañía Holandesa das Indias Orientais até 1796.
Os británicos fixéronse con ela e convertérona na capital da nova colonia de Ceilán. Sri Lanka obtivo a independencia pacificamente en 1948, e Colombo tornouse a capital do novo estado.
As distintas ocupacións estranxeiras tiveron un enorme impacto na cultura local, ben visíbeis na arquitectura da cidade.