Circunscricións electorais de Asturias
O Principado de Asturias divídese para as súas eleccións autonómicas en tres circunscricións electorais que agrupan varios concellos. Xunto a Murcia é a única comunidade autónoma peninsular española que utiliza como circunscrición electoral unhas zonas inferiores á provincia. A lei que regula o proceso electoral é a 14/1986, do 26 de decembro, sobre réxime de eleccións á Xunta Xeral do Principado de Asturias, modificada pola Lei 3/1991, do 25 de marzo.
Corresponden a cada circunscrición electoral un mínimo inicial de 2 deputados dos 45 que conforman a Xunta Xeral do Principado de Asturias, distribuíndose entre as mesmas os 39 restantes en proporción á súa poboación de dereito segundo os seguintes criterios:
- Adxudícaselle a cada circunscrición tantos deputados como resulten en números enteiros de dividir a súa respectiva poboación de dereito pola cota de repartimento que se obtén de dividir a poboación total de dereito de Asturias por 39.
- Distribúense os restantes deputados asignando un a cada unha das circunscricións cuxo cociente resultante na operación anterior teña unha fracción decimal máis grande.
Na I, II e III lexislaturas, as circunscricións Central, Occidental e Oriental tiñan asignados, respectivamente, 32, 8 e 5 deputados. A partir da IV a distribución cambiou a 33, 7 e 5. Na VII lexislatura a distribución volveu cambiar a 34, 6 e 5. Os escanos asígnanse en base ao sistema D'Hondt.
Circunscrición | Concellos | |
Central | Ayer, Avilés, Bimenes, Carreño, Casu, Castrillón, Corvera, Asturias, Xixón, Gozón, Illas, Langreu, Llaviana, Ḷḷena, Llanera, Mieres, Morcín, Noreña, Oviedo, Proaza, Quirós, Les Regueres, La Ribera, Riosa, Samartín del Rei Aurelio, Santo Adriano, Sariegu, Siero, Sobrescobiu e Sotu'l Barcu. 888.293 habitantes (2010). | |
Occidental | Allande, Boal, Candamu, Cangas del Narcea, Castropol, Coaña, Cudillero, Degaña, Eilao, El Franco, Grau, Grandas de Salime, Ibias, Miranda, Muros, Navia, Pezós, Pravia, Salas, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Somiedo, Tapia de Casarego, Taramundi, Teberga, Tinéu, Valdés, A Veiga, Vilanova de Ozcos, Villaión e Yernes y Tameza. 121.903 habitantes (2010). | |
Oriental | Amieva, Cabrales, Cabranes, Cangas de Onís, Caravia, Colunga, Llanes, Nava, Onís, Parres, El Valle Altu de Peñamellera, El Valle Baju de Peñamellera, Piloña, Ponga, Ribadeva, Ribeseya e Villaviciosa. 73.511 habitantes (2010). |