Celeirós, Pedrafita, A Teixeira
Celeirós é un lugar da parroquia de Pedrafita, no concello ourensán da Teixeira, na comarca da Terra de Caldelas.[1] Segundo o IGE,[2] en 2023 tiña 22 habitantes (11 homes e 11 mulleres).
Celeirós | |
---|---|
Parroquia | Pedrafita |
Concello | A Teixeira |
Coordenadas | 42°21′44″N 7°29′06″O / 42.362264560528, -7.4849464167879 |
Poboación | 22 hab. (2023) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía
editarAtópase a unha altura duns 790 metros sobre o nivel do mar e o asentamento presenta unha estrutura de casarío pechado denso sobre unha pequena ladeira rochosa orientada ao nacente. En canto aos ámbitos singulares dentro do conxunto da poboación atopamos a fonte e o lavadoiro público adxacente, a capela do San Ramón na zona máis elevada, e a denominada casa do Conde, que se supón que sería unha antiga construción de almacenamento de produtos do campo (celeiro) e que isto sería o que lle daría nome ao pobo. Outros espazos singulares eran as airas de mallar os cereais, que aproveitaban espazos con solo de pedra ou se barraban para evitar que se perdera o produto. A maior parte das edificacións son de tipoloxía tradicional con muros de carga de fábrica de granito, carpintería de madeira e cubertas a varias augas rematadas mediante tella cerámica do país. Polo xeral as construcións agrupáronse en medianeira para aproveitar o espazo agrícola e para protexerse da climatoloxía. A casa de Celeirós adoita ter dous andares, a planta baixa, que polo xeral se empregaba como corte ou almacén, e a planta primeira que adoitaba ser a vivenda e á que se accede normalmente por unha escaleira exterior que remata nun patín descuberto. Non houbo moitos exemplos de solainas ou elementos arquitectónicos moi elaborados, e si foron moi comúns os corredores de madeira sustentados sobre canzorros de granito. A parte da edificación residencial, e dado que se precisaban espazos específicos para os labores do campo, tamén se edificaron outras tipoloxías como cortes, palleiras para a herba e a leña, etc. No caso das adegas, posto que as viñas dos veciños deste asentamento se atopaban, polo xeral, preto do río Mao, construíronse maioritariamente na aldea de Cristosende, a cal se atopa a uns tres quilómetros en dirección noroeste e a uns catrocentos metros menos de altitude.
Con respecto ás canles de auga, a unha certa distancia atópanse dous ríos, cara ao leste o río dos Vaos, e cara ao oeste o río Mao.
Economía
editarA economía local estivo baseada case exclusivamente na produción de alimentos agrícolas para a subsistencia, e a venda cando era posible, dos pequenos excedentes co fin de mercar outros produtos necesarios que era preciso obter de fóra, pago de impostos, etc. Dado que as capacidades de produción da terra teñen un límite en relación coa poboación que poden manter, durante o século XX o incremento no número de habitantes fixo que moitos deles optaran por emigrar en busca dun futuro mellor, a principio de século cara América principalmente e con destino a Europa nos anos 60 e 70, o que tivo como consecuencia unha paulatina e constante diminución no número de residentes. En distintas épocas houbo tamén algunha tenda, así como persoas que se adicaban, a tempo parcial, a oficios relacionados coas necesidades básicas, como xastres, costureiras, tecedoras, zoqueiros, ferreiros, etc. Houbo escola en Cabo de Vila, aínda que os veciños tamén acudiron ás da Lama e posteriormente á de Pedrafita. Dispón de varios agros onde se cultivaba principalmente centeo e trigo e con outras terras que permitían recoller millo, nabos, patacas e produtos da horta. Dado que existe unha importante presenza de arboredo tradicional, como é o caso de castiñeiros (dos que tamén se aproveitaban as castañas) e carballos, a súa madeira empregábase tanto como combustible como para a realización de ferramentas, mobiliario ou elementos construtivos.
Lugares e parroquias
editarLugares de Pedrafita
editarLugares da parroquia de Pedrafita no concello da Teixeira (Ourense) | |
---|---|
Alende | A Cabana | Celeirós | A Lama | Parafita | Quintela de Abaixo | Quintela de Arriba | A Veiga |
Parroquias da Teixeira
editar
Notas
editar- ↑ Nomenclátor de Galicia. Busca directa (ed.). "Lugares da parroquia de Pedrafita, A Teixeira". Consultado o 18 de maio de 2023.
- ↑ "Instituto Galego de Estatística, consulta do nomenclátor". Xunta de Galicia.