Casa del Pueblo (España)

Casa del Pueblo (en galego Casa do Pobo) é o nome que se lle deu en España ás sedes das agrupacións políticas do PSOE.[a][1] O nome segue o modelo orixinal francés do século XIX para centros obreiros («Maison du peuple»), e tomando como exemplo a aberta en Bruxelas en 1898. Quedou documentada a existencia de aproximadamente 900 Casas do Pobo en España con anterioridade á Guerra Civil, dato que situaba a ese país no quinto lugar europeo en número de centros. Ao longo do século XX foi substituído en moitos casos por «Casa da Cultura».

Casa del Pueblo (sede local da Unión Xeral de Traballadores e do Partido Socialista de Euskadi - Euskadiko Ezkerra) de La Arboleda, Trápaga, Biscaia. A agrupación local foi fundada en 1888.

Ademais de centro de reunión, proxectouse como espazo pedagóxico contra o analfabetismo obreiro e base de transición para o acceso ás universidades populares.

Historia

editar

O precedente social e físico das casas do pobo serían os centros obreiros que a finais do século XIX acompañaron ao proceso de propagación do socialismo en España, sendo así habitual que alí onde había unha agrupación política ou sindical desta liña ideolóxica se constituíse unha Casa do Pobo. A primeira -no contexto enunciado- foi fundada en Montijo (Badaxoz) en 1901, e a segunda en Alcira en 1903.[2]

En 1908, Pablo Iglesias inaugurou o local de Madrid instalado nun antigo palacio ducal na rúa do Piamonte. Alí domiciliáronse diversas asociacións obreiras afiliadas á Unión Xeral de Traballadores, e como propiedade conxunta dos obreiros de Madrid.[3] Dispuña de servizos como unha mutualidade obreira (primitivo seguro médico para traballadores con dispensario gratuíto de medicamentos para os afiliados), biblioteca, orfeón, cadro artístico, grupo deportivo, cooperativa, teatro e salón-café. Acolleu a preto de 35.000 obreiros e campesiños da capital de España e os pobos contiguos. O edificio foi demolido en 1953.[4] O modelo madrileño foi pronto imitado noutras cidades españolas, sobre todo en Asturias e País Vasco (onde aínda se conserva a denominación na forma éuscara herriko etxea).

Financiamento

editar

A diferenza doutros países europeos, a fundación de casas do pobo en España, a través de cooperativas, sociedades benéficas ou bolsas de traballo, representou soamente pouco máis do 10%. Máis dun terzo xorden das agrupacións sindicais do mundo rural, mentres que a segunda opción en importancia corresponde ás federacións locais e ás agrupacións de oficios diversos. A Unión Xeral de Traballadores (UXT) ostentou a propiedade do 8% das casas do pobo, cifra que podería elevarse ao dobre se se engaden as que xurdiron en asociación da UXT co PSOE.

Ademais das organizacións sindicais ou cooperativas promotoras, creáronse tamén as "juntas pro Casa del Pueblo". Outro medio de sostemento e crecemento posterior foron as asociacións de "Amigos da Casa do Pobo". A forma máis utilizada de financiamento foi a venda de accións e obrigacións entre os afiliados e simpatizantes, e cuxo achegue económico podía ser substituído co traballo persoal na construción ou reforma do edificio, recursos comúns ás Casas do Pobo de toda Europa. Con todo, en España recorreuse a todo tipo de métodos, dende o endebedamento hipotecario, até o investimento dos beneficios obtidos por outro tipo de actividades e propiedades dos sindicatos, pasando pola celebración de lotarías, rifas ou sorteos. En poboacións como Valladolid ou Baeza, chegouse a alugar parte do edificio para sufragar a súa construción e mantemento.

  1. "Las Casas del Pueblo y sus implicaciones Geográficas". 15 de agosto de 2010. Consultado o 30 de maio de 2016. 
  2. "La Casa del Pueblo de Montijo". 8 de marzo de 2010. Consultado o 31 de xaneiro de 2008. 
  3. "La Casa del pueblo de la calle Piamonte de Madrid". Consultado o 5 de agosto de 2016. 
  4. "En la Casa del Pueblo". 30 de xaneiro de 2008. Consultado o 30 de maio de 2016. 
  1. A denominación tamén foi usada por centros anarquistas como a Confederación Nacional del Trabajo e a AIT, aínda que o término máis habitual neses casos era Ateneo libertario.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Angulo Egea, María. Comunidad de Madrid, Consejería de Educación, ed. Guía de las bibliotecas de Madrid (en castelán) (2001 ed.). Madrid. ISBN 8445119710.