Casa Bailly

antigo complexo hosteleiro no Graxal, na parroquia do Temple, no concello de Cambre

A casa Bailly é unha mansión de estilo modernista localizada na vila galega do Graxal (O Temple, Cambre). Foi abandonada en 1981, e atópase nun estado completamente ruinoso.

Casa Bailly
A casa Bailly en 2007.
Edificio
EstiloModernismo
LocalizaciónO Graxal (O Temple, Cambre)
Coordenadas43°19′20″N 8°21′30″O / 43.32221673649, -8.3584618974188Coordenadas: 43°19′20″N 8°21′30″O / 43.32221673649, -8.3584618974188
Construción
Construción1920-1924
Equipo
Arquitecto(s)Antonio Tenreiro Rodríguez e Peregrín Estellés
editar datos en Wikidata ]

Descrición editar

A casa Bailly é unha vivenda modernista con dous corpos divididos en dúas alturas, de andar case cadrado, con faiado e soto.[1] Orixinalmente a mansión, que posuía 22 habitacións, formaba parte dun complexo que se atopaba dentro dun terreo con 30.000 metros cadrados.[2] Contaba tamén cunha vivenda para o chofer e o xardineiro.

Os chans do primeiro andar tiñan uns luxosos mosaicos, parte dos cales aínda se conservan, e tamén se conservan algúns azulexos nas paredes. Actualmente a mansión é o único que aínda se mantén en pé do complexo.

Historia editar

O complexo da casa Bailly construíuse entre 1920 e 1924 por encargo do empresario Julio López Bailly.[3] Orixinalmente, a mansión foi concibida como un hotel de 22 dormitorios, mais finalmente usouse como residencia de veraneo. A casa deseñárona o arquitecto galego Antonio Tenreiro Rodríguez e o arquitecto valenciano Peregrín Estellés.[4]

Por mor da súa ideoloxía republicana e de esquerdas, a familia Bailly viuse obrigada a abandonar Cambre após o triunfo en Galiza do golpe de Estado de 1936 e a mansión foi incautada pola Falanxe. O soto da casa usouse para recluír presos republicanos, así como Escola de Mandos do Movemento, e a partir do ano 1951 os seus andares superiores foron usados polo Sindicato Vertical.

En 1969 a mansión sufriu un incendio na súa á dereita por mor dun cigarro mal apagado,[3][5] e en 1981 o complexo foi pechado e abandonado, iniciándose así a súa deterioración.

A ampliación da estrada N-VI causou a destrución da vivenda do chofer e o xardineiro, así como a varanda e mais o muro que delimitaba o terreo da mansión.

En 2012 a casa sufriu outro incendio, de novo por mor dun cigarro, sufrindo danos graves, como a caída de parte do tellado.[6] Nese mesmo ano tabicáronse as entradas e xanelas do andar baixo para evitar que entrase máis xente,[7] unha medida que resultou inútil, pois aínda continúan os actos vandálicos no interior da mansión.

En 2015, Cambre elaborou o Plan Xeral de Ordenación Municipal que outorgou ao conxunto o nivel de protección ambiental, o máis baixo dos previstos.[8] Fixéronse varios plans de restauración, mais ningún deles foi levado a cabo. O concello de Cambre estima que son necesarios uns 4 millóns de euros para restaurar a casa Bailly.[9]

Filmación de películas editar

En outubro de 2011, na casa Bailly rodouse parte do filme Todo é silencio dirixido por José Luis Cuerda.[10]

Notas editar