Carro galego
Un carro galego é un tipo de vehículo de tracción animal propio do pobo galego, xeralmente bois, vacas, cabalos ou machos, provisto de varas para enganchar o tiro máis un bastidor de táboas e listóns de madeira sobre un rodado, para levar a carga. Carro é unha palabra de orixe celta.

Os primeiros carros están ligados ó invento da roda e apareceron hai máis de 5.000 anos.
HistoriaEditar
A representación máis antiga coñecida dun carro en Galiza atopouse en 2010 nunha estela da Idade de Bronce en Castrelo do Val, Ourense.[1] Na pedra erixida entre 1200 ou 1000 anos antes da era actual vese a un guerreiro co seu armamento e un carro de guerra con rodas de dous eixos tirado posiblemente por dous cabalos.
Partes do carroEditar
O chedeiro é unha plataforma na que se deposita a carga. Está composto por:
- As chedas (do celta *cleta),[2] largueiros que dan forma ao carro e sobre as que se arman as restantes pezas do chedeiro. A súa composición varía dunhas zonas a outras dando lugar a diferentes tipos de carros.
- A cabezalla, tamén chamado botoallo, cazualla ou lanza que é a parte dianteira do carro na que van inseridas as chavellas que serven para amarrar o xugo. Nalgúns tipos de carro a cabezalla é independente das chedas, noutros forma parte da mesma peza.
- As cadeas son as travesas que unen as dúas chedas conformando, xunto con elas, a estrutura do chedeiro. O seu número pode variar dependendo da lonxitude e a robustez do carro.
- As chumaceiras están na parte inferior do chedeiro, ancoradas nas chedas. Son os conxuntos de pezas que serven de apoio e guía ao eixo. Cada unha delas está constituída polo cloucón, treitoras e apeladoira.
- Os fungueiros, tamén chamados fueiros ou estadullos.
- O mozo ou tentemozo.
- A galga, freo do carro.
O rodado está composto por:
- As rodas, moi robustas, están formadas por tres pezas de madeira e reforzadas por pezas de ferro. Van unidas ao eixo cun axuste con forma de tronco de pirámide cadrada e xiran xunto con el.
- O eixo, constituído por unha soa peza, móbil, é un dos elementos diferenciadores do carro con respecto a outros sistemas de transporte. Debe ser moi robusto e resistente ao desgaste. É o responsable do cantar característico dos carros.
Galería de imaxesEditar
- Artigo principal: Galería de imaxes de carros de Galicia.
NotasEditar
- ↑ Dentro do universo dun guerreiro. Cultura Galega
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chedeiro.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carro galego |
Outros artigosEditar
Ligazóns externasEditar
- O carro e o home Documental de Antonio Román e Xoaquín Lorenzo (1941).
- O carro galego en Tecnoloxía.com