Esterco

materia orgánica derivada de feces de animais

O esterco,[1] cuito[2] ou argueiro[3] é o resultado da mestura dos excrementos dos animais domésticos e mais da cama de palla ou molime que estra a corte. Utilízase para fertilizar os cultivos, sobre todo nos cultivos tradicionais e na agricultura ecolóxica.

Esterco nun campo dinamarqués.

O valor do esterco débese á achega de materia orgánica para recupera-los nutrientes da terra extraídos polos cultivos.

Na agricultura emprégase principalmente o esterco procedente das cortes de gando vacún, pero tamén o de cabalo ou outras bestas, de ovella, de galiña etc. O esterco de porco proveniente de granxas ten consistencia líquida e denomínase zurro. En tempos, mesmo os excrementos humanos aproveitábanse para formar esterco:

Vai coller o gasto
cun sacho e cun cesto,
o gasto das bestas,
dos homes e cerdos [4]

Cos fertilizantes sintéticos, o esterco deixou de empregarse bastante na agricultura intensiva, manténdose o seu uso nas leiras pequenas. A agricultura ecolóxica recuperouno porque ese enriquecemento da terra se fai sen o uso de produtos químicos. O esterco, e igualmente a compostaxe, é a base do chamado humus na agricultura ecolóxica.

Chámase esterqueira o lugar onde se deposita o esterco ata o momento de botalo nas terras; e estercadura a acción e efecto de estercar.

O esterco na cultura popular galega editar

 
Montes de esterco preparado para estendelo nas terras
  • A herba que come o teu gado ca esterca faiche bo pago.
  • A sacha á mes en xaneiro válelle por un esterqueiro.
  • Antes falte a palabra na praza que o esterco na corte.
  • Auga de xaneiro medio esterqueiro.
  • Ben cheira o diñeiro, inda que veña dun esterqueiro.
  • Bo esterco, bo feito.
  • Bota esterco ó pan que as terras cho pagarán.
  • Canto máis gando, menos esterco.
  • Carro de folla, montón de esterco.
  • De millor palla fixen eu esterco.
  • Esterco de charamela, todo é candea.[5]
  • Esterco de charamela, todo é purrela.
  • Esterco de fieito, grao polo peito.
  • Esterco de folla, grau pola trolla.
  • Esterco de palla, esterco de nada.
  • Esterco de palla, grau pola barba.
  • Esterco de silva, grau pola crisma.
  • Esterco de xesta, grau pola testa.
  • Esterco de xesta, grau por enriba da testa.
  • Foches á folla, perdeches o tempo, carro de folla, cesto de esterco.
  • Foches á folla, perdéche-lo tempo: un carro de folla, unha cesta de esterco.
  • Moito gando, pouco esterco.
  • Nin de malva bon vencello nin de esterco bon olor, nin de mozo bon consello nin de puta bon amor.
  • No estercar e no sachar non debes reparar se queres colleitar.
  • O diñeiro e o esterco, onde están, pulan.
  • O esterco non é santo, pero onde cae fai milagros.
  • O que naceu no esterco, sempre cheira a el.
  • O trigo coa xesta, pola testa; co toxo, polo ombro, e coa folgueira, pola caralleira.
  • Onde moito gando, pouco esterco.
  • Quen na corte se criou, sempre a esterco ha de cheirar.
  • Si estrumas con rebola, dareiche pola gorra.
  • Si estrumas con xesta, dareiche pola testa.
  • Vaca de pouca herba, pouco leite e mala esterca.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar