Carnaval Castro Barreiro

celebración do Entroido en Salceda de Caselas

{{ Proxecto escolar }} O Carnaval do Castro Barreiro é a Feira é un dos eventos culturais máis recoñecidos na parroquia de Salceda de Caselas. A  festividade comeza luns de Entroido e remata o martes pola noite.

O Carnaval do Castro Barreiro é un acontecemento diferente ao resto de carnavais que se celebran na contorna de Vigo. Dende os seus inicios os dous barrios do Castro Barreiro e a Feira enfróntanse nunha batalla por lucir a mellor carroza, comparsa, música en directo e por acadar as mellores festas. A rivalidade chega a tal punto que ambos os barrios argallan para degradar a festa dos seus contrincantes.

Descoñécense os primeiros rexistros sobre a celebración desta festa, aínda que se ten constancia dunha carta escrita no 1888 na que se lle pide a un migrante do Brasil unha prenda para lucir na festa. Será a partir desta data, finais do século XIX, cando se comece a  rexistrar información.

Historia editar

Orixe editar

O Entroido é unha festa universal que ten os seus antecedentes nas festas pagás que se realizaban na honra a Baco, deus romano, ou ao touro Apis en Exipto. Algúns historiadores remontan a orixe desta festividade á Sumeria e ao Exipto antigo, con celebracións moi parecidas na época do Imperio Romano, desde onde se estendeu por toda Europa.

En Galicia deixou tradición dun Entroido rural xunto aos peliqueiros de Laza, as pantallas de Xinzo ou os boteiros de Viana.Tamén destacan os xenerais do Ulla e o baile de damas e galáns de Cobres, xa que ambas as dúas manifestacións teñen relación cos cabaleiros e co rancho do Entroido, elementos protagonistas do Carnaval de Salceda de Caselas na antigüidade.

Por outra banda están os seráns, reunións de carácter festivo que terán moita influencia no desenvolvemento desta tradición xa que a partir deles nacerá a rivalidade entre estes dous barrios veciños nun contexto no que o Entroido xa existía. Esta rivalidade naceu en dous seráns, un na Fonte da Pedra e outro na carballeira do Barral.

Xunto a estes acontecementos sumáselle a migración como unha influencia clave para o desenvolvemento do mesmo. Os migrantes retornados foron moi activos na introdución dos bailes e da música.

Coa chegada do franquismo en 1936, o Carnaval estivo prohibido, o que provocou a desaparición desta tradición en moitos concellos. En Salceda esta prohibición durou ata 1939. Antes de 1942 xa se volvía celebrar o Entroido, daquela sen gaiteiro e pouco a pouco seguiu dun xeito disimulado empregando como pretexto a festa da xuventude, primavera ou do santo que cadrase no martes.

En 1955, o Barreiro fixo a súa última celebración do Carnaval ata trece anos despois. Mentres tanto, a Feira seguiu coa comparsa e a carroza, pero abandonou o rancho ao desaparecer o seu contrincante.

Evolución editar

En 1968 volve o Carnaval ao Barreiro cun crecemento da comparsa, mellora das infraestruturas, megafonía, roupas e a antiga rivalidade entre as aldeas. Aínda así, previo ao seu regreso, xa apareceran os altofalantes e as regueifas pola megafonía ás cinco da mañá, ao igual que os chistes, algo que se segue mantendo como tradición clave da festa, nos que se parodia sucesos que ocorreron no barrio contrario.

Actualmente séguense mantendo todas estas tradicións pero quizais cun pouco menos de rivalidade entre eles. A pesar disto, seguen a esperar ata o último momento para anunciar as festas, asexan o barrio rival para intentar pescudar como é a súa carroza ou música, colocan grandes grellas de altofalantes dirixidas á festa do barrio rival para arruinar a súa verbena ou “vacilar” aos rivais, entre outras moitas argalladas.

Eventos editar

Luns de Entroido editar

As parroquias do Castro Barreiro e da Feira comezan a festividade do Entroido cunha noite de festa en ambos os barrios. Por tradición a xente que acode esa noite á festa debe ir disfrazada para que non os recoñezan e non se expor así ás bromas dos disfrazados.

Algo tamén moi característico desa noite son os paseos dunha verbena a outra polos camiños que unen os dous barrios, nestes atopas xente facendo o mesmo percorrido e continuando a troula con bromas e charlas.

A festa alóngase ata altas horas da madrugada e ata que remata a orquestra de tocar segue a loita entre os dous barrios.

Martes de Entroido editar

O martes é o día do verdadeiro Entroido. Neste día os veciños de cada barrio prepáranse para o desfile no centro de Salceda de Caselas, na Esfarrapada.

A primeira hora da tarde, os barrios reúnense no cruzamento onde se xuntan as estradas que vén de cada barrio para seguiren xuntos o seu camiño ata o casco urbano de Salceda. Cada barrio desfila coa súa carroza e comparsa acompañada por músicos en directo. Ao chegaren a Salceda, as comparsas dan a volta á praza do Concello e, diante deste, cada barrio fai unha pequena representación relacionada co tema que simboliza a súa carroza, ademais de ler o famoso discurso, que recolle parte daqueles chistes expostos no pasquín onde se mofan dos veciños do barrio contrario.

Ao finalizar o desfile, cada comparsa volta ao seu barrio facendo unha última parada no Cruceiro, a encrucillada que une os dous barrios, onde volven repetir o seu discurso e baile atribuíndose a vitoria sobre o barrio rival, recitando mensaxes de sarcasmo e mofa. Coa chegada da noite, ambos os barrios volven repetir unha noite de verbena en cada barrio dando por rematado o Entroido.

Fontes editar

Carnaval Castro Barreiro. (s.f.). Obtido de [1]

Xosé Ramón Paz Antón (2012). A tradición oral en Salceda de Caselas. Deputación de Pontevedra.