Boteiro

Personaxe do Entrudio da comarca de Viana do Bolo

O boteiro é un personaxe do folclore de Galiza vinculado ás festas de entrudio[1] da comarca vianesa; está presente nos concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e A Gudiña[2]. Agora ben, segundo a zona de procedencia, a súa vestimenta e comportamentos mudan[3].

Boteiro de Vilariño de Conso

Características editar

A diferenza máis evidente entre os boteiros de Vilariño de Conso e os de Viana do Bolo está na careta.

A máscara de Vilariño está feita con pel de cabra ou de cartón, de cor rosa, e leva barba e bigote; en cambio, a vianesa é tallada en madeira de bidueiro e de cor negra[4]. A pantalla da de Vilariño adoita ser cadrada e de cartón, mentres que a de Viana está feita sobre un armazón de ferro recuberto por papel de seda de cores.

O traxe está composto por[5][6]:

  • Unha camiseta de cores feita con fitas cosidas pregadas en acordeón
  • Camisa branca e gravata
  • Luvas
  • Un pantalón con flocos nos laterais
  • Un cinto con esquilas
  • As legues, polainas de coiro, negras
  • Unhas botas negras
  • A monca, un pau coroado por un rabo de raposo ou por unha borla, que o boteiro emprega a modo de pértega para dar saltos.
  •  
    Boteiro de Viana do Bolo

Funcións editar

O boteiro é o líder da comitiva de entrudio coñecida como fulión. As súas funcións, a maiores de dar botes e carreiras como forma de animación, son:

  • Pedir permiso na entrada das aldeas visitadas.
  • Abrir paso entre a multitude ó fulión[7].
 
Detalle das esquilas e da camiseta dun boteiro de Viana do Bolo

Notas editar

  1. Álvarez Pousa, Concepción (2023). A lingua de Viana do Bolo: descrición e textos. Universidade de Vigo. Servizo de Publicacións. p. 164. ISBN 978-84-8158-948-1. A celebración que ten lugar antes da Coresma, consistente en desfile de folións, comparsas e foliadas, recibe o nome das formas tradicionais de Entrudio e Intrudio, que se substitúen habitualmente na xente nova por Carnaval como solución maioritaria fronte a Entroido do galego común. 
  2. González Fernández, Óscar J. (2014). Mascaradas de la península Ibérica. Autoedición. 
  3. Basalo Bembibre, Pedro (2019). "Chama-las cousas polo nome". Entroido en Galicia. Onde ir, que ver (monográfico do periódico O Sil): 44–45. 
  4. As caras do entroido ourensán, ed. Deputación de Ourense, p. 232
  5. As caras do entroido ourensán, ed. Deputación de Ourense, p. 223
  6. Informativos Telemiño (21 de febreiro de 2020). Entroido 2020. Os Boteiros De Viana do Bolo (Telemiño). 
  7. Informativos Telemiño (20 de febreiro de 2023). Entroido. Antroido. Entrudio. O Boteiro, Vilariño de Conso. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar