Carlos Varela Veiga
Carlos Varela Veiga, nado en Lugo o 29 de outubro de 1945 e finado en Malpica de Bergantiños o 20 de agosto de 1980, foi un cineasta galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de outubro de 1945 Lugo, España |
Morte | 20 de agosto de 1980 (34 anos) |
Actividade | |
Ocupación | director de cinema |
Traxectoria
editarVida
editarNace no barrio Feixoo de Lugo. Estudou na Universidade Laboral de Xixón, onde se titulou como mestre industrial. En 1965 obtivo o título de delineante naval pola Universidade da Coruña. Logo dunha breve estadía en Barcelona, onde traballou como técnico publicista, instalouse en Lugo, traballando como profesor de debuxo sucesivamente no colexio dos Irmans Maristas, nas Josefinas e no Colexio Fingoi de Lugo, onde comezou a traballar no ano 1975.
En 1972 inicia a súa militancia na UPG, ao tempo que comeza a súa traxectoria como deseñador gráfico, cineasta e promotor do cine. Cofunda o cineclube Valle Inclán de Lugo, e logo, en 1976 cofunda a produtora cinematográfica Nós.
Faleceu en Malpica, nun accidente provocado por unha bombona de butano.
Traxectoria artística
editarDende comezos dos anos setenta traballou pola súa conta no deseño gráfico, na cerámica, co macramé e co liño. Tamén colaborou co pseudónimo Dourado en El Correo Gallego e en El Progreso facendo crítica cinematográfica. Os seus documentais, non editados en vida, foron filmados cunha cámara de súper 8, e centráronse na recollida dos movementos de protesta da época da transición en Galicia: as manifestacións universitarias de Compostela en setembro de 1976, a constitución do Consello de Forzas Políticas Galegas, as protestas contra a expropiación das Encrobas, contra a instalación da central nuclear de Xove, no areal de Baldaio, ou contra a cota empresarial da Seguridade Social Agraria.
Colaborou na organización das Xornadas de Cine de Ourense e a partir de 1977 traballou de reporteiro gráfico para o refundado semanario A Nosa Terra, co pseudónimo "Brais".
Homenaxes
editarNa súa memoria, creouse en Santiago o Cineclube Carlos Varela Veiga, que se mantivo en activo entre 1982 e 1987. En 2005 o director de cine Ramiro Ledo dirixiu o filme Cine Clube Carlos Varela, onde se recollen parte das súas gravacións.