CS Mackay-Bennett

O CS (Cable Ship) Mackay-Bennett foi un barco británico encargado de arranxar os cables submarinos, pertencente á Commercial Cable Company. Tivo unha longa traxectoria no arranxo de cables no océano Atlántico norte. Aínda que con base en Halifax (Nova Escocia, Canadá), era utilizado con frecuencia para as operacións na zona europea. O seu porto de amarre era entón Plymouth en Inglaterra. É coñecido por ter sido contratado en 1912 para recuperar os corpos das vítimas do Titanic.

CS Mackay-Bennett

O Mackay-Bennett visto de perfil.
Historial
Estaleiro John Elder and Co., Govan, Glasgow (Escocia, Reino Unido)
Tipo Barco cableiro
Operador Commercial Cable Company (1884-1922)
Botado 18 de setembro de 1884[1]
Asignado 1884
Viaxe inaugural 1884
Baixa 1922
Destino Despezado en Gante (Bélxica) en 1965[1]
Características xerais
Desprazamento 2000 toneladas de rexistro bruto[2]
Eslora 79 m (259,3 pés)[3]
Manga 12,2 m (40,1 pés)[3]
Calado 6,6 m (21,8 pés)[3]

Historia editar

O Mackay-Bennett foi construído en Glasgow (Escocia) en 1884 para a Commercial Cable Company, e foi bautizado cos apelidos dos dous fundadores da empresa: John W. MacKay e William G. Bennett, Jr. O barco fixo as súas probas o 21 de outubro de 1884; durante as seis horas de probas acadou os 12,4 nós.[1] Foi posto en servizo pouco despois e utilizouse para a instalación e o arranxo de cables submarinos durante numerosos anos.

En abril de 1912, a White Star Line contratou os seus servizos para recuperar os corpos das vítimas do naufraxio do Titanic, pagando 550 dólares por día.[3] O barco, baixo o mando do capitán Frederick Harold Larnder, partiu cun equipo de embalsamadores a bordo (dirixido por John R. Snow Jr.),[3] e con importantes reservas de xeo, mortallas e cadaleitos.

O Mackay-Bennett comezou as procuras o 17 de abril de 1912, e en 13 días recuperou 306 cadáveres, incluíndo o do multimillonario John Jacob Astor[4] e o de Wallace Hartley, director da orquestra do Titanic.[5] Máis adiante, o barco foi axudado nas súas procuras polo Minia, o Montmagny e o Algerine.

Dos 306 corpos recuperados polo Mackay-Bennett, 116 deles, principalmente de terceira clase, foron devoltos ao mar por mor do seu estado de descomposición avanzado.[4] Na mañá do 30 de abril de 1912, o Mackay-Bennett chegou ao porto de Halifax con 190 corpos a bordo, a maioría deles eran de primeira e segunda clase.[3] [6]

Após rematar a procura dos corpos, o buque seguiu despois coas súas funcións de cableiro. O autor canadense Thomas Head Raddall serviu un tempo como operador de radio a bordo do Mackay-Bennett,[7] e algunhas das súas novelas están baseadas na súa experiencia a bordo.

O Mackay-Bennett foi retirado do servizo en 1922, e após ser parcialmente despezado usouse como almacén flotante no porto de Plymouth (Inglaterra).[1] Na segunda guerra mundial foi bombardeado e afundido polos alemáns durante a Blitz. Máis tarde foi reflotado, e o seu casco foi finalmente despezado en Gante (Bélxica) en 1965.[1]

Referencias editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 MacKay-Bennett (1884). Maritimequest.com.
  2. History of the Atlantic Cable & Submarine Telegraphy - Commercial Cable Company 1886 (en inglés). Atlantic Cable.com.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Mackay-Bennett (en inglés). Encyclopedia Titanica.
  4. 4,0 4,1 La recherche des victimes (en francés). Titanic.pagesperso-orange.fr.
  5. Mr Wallace Henry Hartley. Encyclopedia Titanica
  6. El barco de la muerte (16/08/2018). ABC.es.
  7. Thomas Head Raddall fonds Arquivado 26 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (en inglés). Library.dal.ca.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar