Boaventura de Bagnoregio

Boaventura de Bagnoregio nado na Toscana en 1221 e finado en Lión en 1274 foi un filósofo e teólogo, profesor da Universidade de París, superior da Orde franciscana e cardeal da Igrexa católica.

Boaventura de Bagnoregio
Nome completoGiovanni Fidanza
Nacemento1221
Lugar de nacementoBagnoregio
Falecemento15 de xullo de 1274 e 1274
Lugar de falecementoLión
RelixiónIgrexa católica
Alma máterUniversidade de París
Ocupaciónteólogo, presbítero regular, filósofo, escritor, clérigo católico romano, Clérigos regulares, profesor de educación superior, profesor universitario, pastor, Freira e místico
Na rede
Galiciana: 34553
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria Editar

 
San Boaventura nunha pintura de Francisco Herrera el Viejo, 1628, Museo do Prado.

O seu primeiro nome foi Giovanni da Fidanza. Obtivo o diploma en Arte. En 1243 pediu o ingreso na Orde franciscana ou de Freires Menores e asumiu o nome de Boaventura. Matriculouse na Facultade de Teoloxía de París obtendo os títulos de bacharel bíblico e bacharel sentenciario. A súa tese defendida para poder adicarse ao ensino versou sobre Cuestións verbo do coñecemento de Cristo.

Sufriu unha forte oposición por parte das autoridades académicas e relixiosas. Agromou unha violenta polémica debido a que círculos eclesiais moi influentes eran radicalmente contrarios ás innovacións que supoñían as ordes mendicantes seguindo os exemplos de Domingos de Guzmán e Francisco de Asís, non inseridos directamente na xerarquía eclesial e tendo a pobreza como eixo da súa vida. Neste conflito mediou o propio Papa Alexandre IV, que apoiou a presenza dos mendicantes na Universidade. Así, en 1257 acadou o título de doutor xunto co dominico Tomé de Aquino. Moi cedo, renunciou a ese cargo ao ser elixido como ministro xeral da Orde franciscana.

Boaventura dirixiu a Orde nun momento de grande expansión desta dende Marrocos ata China. Loitou por preservar o espírito de pobreza da Orde e conseguiu neutralizar os riscos de fractura debido as maneiras diferentes de interpretar a mensaxe do fundador. En 1260 o capítulo xeral de Narbona aceptou os seus principios e regras.

O Papa Gregorio X confioulle a preparación do II concilio de Lión cuxo principal obxectivo era conseguir a unidade da Igrexa Católica e a Igrexa Ortodoxa.

Pensamento Editar

Deus, orixe do universo, fonte de amor, é a verdade esencial e transcendente. Para chegar a el propón a vía iluminativa. As criaturas, animais, plantas e obxectos son coma unha linguaxe que manifestan vestixios do divino. O mundo expresa a Deus, é un libro escrito para ser lido polo home e lembrarlle sen cesar o amor do seu autor. A beleza de cada cousa e do universo enteiro convídanos a percibir directamente a Deus. As cousas fálannos da súa causa eficiente, formal e final. Porén onde atopamos unha auténtica imaxe do creador é no fondo da nosa interioridade, na alma mesma.

O entendemento do home non capta plenamente os obxectos se non a partir do ser puro absoluto e total. Isto permítenos coñecer os obxectos como o imperfecto e o relativo. A noción mesma de Deus implica a súa existencia. Boaventura concorda con Agostiño de Hipona en que o home encontra a Deus afondando en si mesmo. Isto non significa que o home poida comprender a esencia divina que sempre será para el inalcanzable. Pola súa parte, ningunha criatura é por si mesma unha razón suficiente da súa existencia

Aínda que defendeu o espírito de pobreza e o igualitarismo propios da orde franciscana, Boaventura saíu ao paso da idea en voga naquel momento dun ritmo trinitario da historia. Moitos franciscanos vían en Francisco de Asís o inicio dunha era do Espírito que superaba ás dúas eras anteriores: a do Antigo Testamento ou era do Pai, e a do Novo Testamento ou era do Fillo. Para Boaventura Deus é un e trino ao longo de toda a historia e é a Santa Trindade quen a conduce en todo o seu percorrido.

Porén, non renuncia a sacar conclusións da novidade que supuxo Francisco de Asís, o que lle leva a defender que, en teoloxía e nos acontecementos históricos, pode xurdir o novo. A historia conducida por Deus é renovación e progreso. Francisco de Asís pon de manifesto que a Palabra encarnada en Xesús de Nazaret e a acción do Espírito son inesgotables. A partir de Boaventura, os Pais da Igrexa, aínda que seguen a ser os grandes mestres no eido da teoloxía cristiá, xa non son considerados como o cumio ao que hai que ancorarse, senón que se empeza a admitir que poden agromar outras luces, que pode abrollar o novo. A obra de Cristo non retrocede senón que avanza.

Significación Editar

Foi canonizado o 14 de abril de 1482 e en 1588 foi nomeado doutor da Igrexa.

Obras Editar

  • Itinerarium mentis in Deum
  • Quaestiones disputatae
  • De reductione artium ad theologian
  • Breviloquium
  • Commentarii in Quattuor Libros Sententiarum Petri Lombardi
  • De scientia Christi
  • Legenda Maior
  • Legenda Minor

Véxase tamén Editar

Bibliografía Editar

  • Schauber-Schindler, Bildlexikon der heiligen. Múnic 1999
  • Étienne Gilson, La Philosophie au moyen age. París, 1952
  • Etienne Gilson, La Philosophie de Bonaventure, París, 1924
  • Pedro R. Santidrián, Diccionario de pensadores cristianos. Estella, 1999
  • Buenaventura, biógrafo e intérprete de Francisco de Asís, en José Antonio Guerra: Francisco de Asís, Escritos, Biografías, Documentos de la época, Madrid, 1995
  • Bissen, L´exemplarisme divine selon Bonaventure, París, 1929
  • Opera Omnia, trad. castellana en 6 vols, Madrid, 1955