Blue Ribbon (banda de Providence)

Blue Ribbon foi unha banda estadounidense de synthpop e post-punk revival formada na cidade de Providence, capital do estado de Rhode Island, no ano 1997 baixo o nome de How to Draw Robotech. Estivo formada por Steve Goodman (voz e sintetizadores), Jon Erikson (batería, sintetizador analóxico e vocais), Jesse Carter (sintetizadores) e Eric Smith (baixo e sintetizadores).

Blue Ribbon
OrixeProvidence, Rhode Island, Estados Unidos
Período1997 - 2012
Xénero(s)música electrónica, synthpop, post-punk revival, shoegaze
MembrosSteve Goodman
Jon Erikson
Jesse Carter
Eric Smith
Antigos membrosDawn Bossman
Ben Gworek
Bryan Robertson
Artistas relacionadosantigos nomes: How to Draw Robotech (1997-2001) e Sky Lion (2004)
Na rede
blueribbonmusic.com

Historia editar

Blue Ribbon deu comezo cando Steve Goodman e Jon Erikson xuntáronse en 1997 para escribir música baixo o nome de How to Draw Robotech. Nese momento Goodman tocaba a guitarra eléctrica e os teclados (unha Farfisa), así como a voz; mentres, Erikson ocupouse da percusión e un teclado Yamaha. Ao pouco uniuse á banda Dawn Bossman para tocar un sintetizador (o Korg Ms-10) e participar nos coros[1].

En 2001 a banda decidiu cambiarlle o nome para Blue Ribbon. O nome ten relación cunha pelexa que Goodman tivo nunha noite cun DJ no que rematou cun ollo morado[2]. Ao longo do ano seguinte comezaron a tocar con asiduidade na cidade de Nova York. Axiña engadiuse á banda na primavera do 2003 Bryan Robertson, tocando o baixo, e pouco despois fíxoo na percusión Ben Gworek. Ao longo do ano 2003 a banda deu algúns concertos esporadicamente, contando coa metade dos seus membros residindo en Nova York e a outra metade en Providence.

En xuño de 2003, o selo discográfico con base en Wheaton, Maryland, Ninthwave Records publicou o segundo volume do compilatorio que baixo o nome xenérico de "WXJL Presents Music For The Masses" reunía catorce temas de música electrónica, nos que incluíuse o tema "Radar", de Blue Ribbon. Un mes despois, o selo de Rock Hill ([[Carolina do Sur) Plastiq Musiq, publicou o cuarto volume do compilatorio de synthpop "Unheard Artist Compilation" (de dezanove cancións), no que incluíuse o tema "We Reflect". Por fin, o 27 de xaneiro de 2004, un novo selo discográfico con base en Sacramento (California), chamado Blue Bell Records, publicou un novo Cd compilatorio de música electrónica con dezasete temas, entre os que incluíu a canción "Eagles Fly". Ao mesmo tempo que se publicou este álbum, Blue Ribbon entrou nun breve paréntese na súa actividade[3] que saldouse co traslado de Goodman e máis Erikson desde Nova York a Providence e cunha reconstrución da formación, que abandonaron Bossman e Gworek ao tempo que ingresaba Jesse Carter para reforzar o xogo de sintetizadores.

Tras pechar a actual formación no 2004, Blue Ribbon ofreceu un concerto cun estilo máis rock baixo o nome de Sky Lion, pero non callou e volveron ao anterior, que xa non abandonarían. Ao lonfo de 2005 deron varios concertos en Providence.

O seu primeiro traballo, editado tamén por Blue Bell Records, foi publicado o 18 de xaneiro de 2005 baixo o título Another Time[4], que constou de doce temas cun marcado estilo synthpop, aínda que con influencias do primeiro post-punk electrónico que lle confiriu un aire retro ao conxunto. Neste traballo Robertson tocou o baixo e os sintetizadores Korg Ms-10 e Roland Jupiter-6; Carter, os sintetizadores Roland Juno-60 e Korg Mono/poly; Erikson, a batería, o sintetizador analóxico Korg Mono/poly e os coros; e, por fin, Goodman encargouse da voz e os sintetizadores Roland Jupiter-6 e Korg Ms2000.

A finais da primeira década do século XXI, a banda deu saída a Bryan Robertson, incorporándose ao baixo Eric Smith[5]. Desde o 2012 semellan estar noutro paréntese na súa actividade[6].

Entre as influencias que reclaman como propias están Shattered Fixtures, Roxy Music, Hall and Oates, Figurine, Wire, The Wake, The Human League, Sweden, Ride, McCrorie[7], Joy Division, New Order, hollAnd, Men Without Hats, Hall And Oates e Psychedelic Furs[8].

Discografía editar

  • WXJL Presents Music For The Masses Volume Two - 2003 (Ninthwave Records, NW10025-2; álbum compilatorio no que incluíuse o tema "Radar", de Blue Ribbon)
  • Unheard Artist Compilation Volume 4 - 2003 (Plastiq Musiq, PM023; álbum compilatorio no que incluíuse o tema "We Reflect", de Blue Ribbon)
  • Hear You Soon: Part One - 2004 (Blue Bell Records, bbr001; álbum compilatorio no que incluíuse o tema "Eagles Fly", de Blue Ribbon)
  • Another Time - 2005 (Blue Bell Records, bbr002; álbum de 12 temas)

Notas editar

  1. Blue Ribbon en Soundclick, cunha curta entrevista (en inglés).
  2. "Why this name? «Long night... Steve head butts the DJ... Jon drops his glasses in the toilet... wake up and your blue ribbon»" (Blue Ribbon en Soundclick).
  3. A maioría das fontes sinalan que este paréntese produciuse no 2004, aínda que o blog Hand in Glove sinalou que sucedeu tal no 2003 (Hand in Glove: "Blue Ribbon" (en inglés)).
  4. Another Time en Discogs (en inglés).
  5. Véxase a formación que figura na súa páxina de Facebook (consultada o 24-11-2015).
  6. Na súa páxina de Facebook non se rexistraron máis comentarios desde setembro de 2012.
  7. Myspace de Blue Ribbon (en inglés).
  8. Blue Ribbon en Soundclick, nunha curta entrevista (en inglés).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar