Avespa do castiñeiro

especie de insecto que parasita os castiñeiros
Avespa do castiñeiro
Dryocosmus kuriphilus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Hymenoptera
Suborde: Apocrita
Superfamilia: Cynipoidea
Familia: Cynipidae
Xénero: Dryocosmus
Especie: D. kuriphilus
Nome binomial
Dryocosmus kuriphilus
Yasumatsu, 1951

A avespa do castiñeiro,[1] Dryocosmus kuriphilus, é unha especie de avespa formadora de bugallos (familia dos cinípidos).

Orixinaria da China, atópase distribuída por moitas outras partes do mundo, especialmente no hemisferio norte; a súa área de distribución abrangue diversos países de Asia, América do Norte e Europa.

Ataca moitas especies de castiñeiros (xénero Castanea), incluíndo a maioría de variedades cultivadas. Está considerada como a peor peste mundial que afecta os castiñeiros.[2][3]

A presenza de bugallos desta especie tamén incrementa a probabilidade de que a árbore sexa infectada polo cancro do castiñeiro, causado por un fungo. Os bugallos abertos deixados por estas avespas poden seren usados como vía de entrada para que o fungo infecte os tecidos do castiñeiro. Aínda que a avespa pode voar, distribúese por novos territorios máis frecuentemente grazas a actividades humanas, como a plantación de novas árbores e o transporte de madeira infectada.

Nun principio considerouse unha especie pertencente ao xénero Biorhiza. Posteriormente foi formalmente descrita en 1951 co seu actual nome. Daquela invadira os castiñeiros do Xapón.[4]

Características editar

A femia adulta mide entre 2,5 e 3 milímetros de longo e é de cor negra brillante coas patas acastañadas. Produce uns ovos brancos duns 0,2 milímetros de longo e as larvas, tamén brancas, miden uns 2,5 milímetros. O macho adulto da especie nunca foi observado.

Reprodución editar

A femia deposita os seus ovos nos xermolos dos castiñeiros e chegan a producir ao redor de 100 ovos. A avespa produce ovos fértiles mediante un tipo de partenoxénese coñecida como telitoquia, sen a participación dun macho. As larvas eclosionan pero non se desenvolven inmediatamente. Inician o seu crecemento á seguinte primavera, cando comeza o desenvolvemento dos rebentos da árbore. É entón cando as larvas inducen a formación dos bugallos ou carrabouxos, de cor averdada ou rosada e de máis de 2 centímetros. Ditas larvas desenvólvense no interior do bugallo protector e emerxen del como adultos. Os bugallos secan e vólvense leñosos. Poden resultar moi daniñas para a árbore, pois interfiren na formación do froito e reducen a colleita máis dun 70 %.

Distribución editar

As especies de castiñeiro (xénero Castanea) afectadas pola avespa do castiñeiro son C. sativa, C. dentata, C. crenata, C. mollissima, C. seguinii e C. henryi. Por agora non foi observada en C. pumila.

Esta especie atópase distribuída por varios países de Asia, América do Norte e Europa tal e como se mostra na seguinte táboa.[5]

Continente País Status
América EEUU[6] Presente, distribución restrinxida
Asia China[7] Presente, estendida
Asia Xapón[8] Presente, estendida
Asia Corea do sur Presente, sen detalles
Asia Nepal Presente, sen detalles
Europa Austria Presente, poucos casos
Europa Bélxica Presente, distribución restingida
Europa Croacia Presente, distribución restingida
Europa República Checa Temporal, en proceso de erradicación
Europa Dinamarca Ausente, confirmado por sondaxe
Europa Finlandia Ausente, sen rexistro de peste
Europa Francia[9] Presente, distribución restrinxida
Europa Alemaña Presente, distribución restrinxida
Europa Grecia Presente, distribución restrinxida
Europa Hungría Presente, distribución restrinxida
Europa Italia[10] Presente, estendida
Europa Países Baixos Presente, distribución restrinxida
Europa Portugal Presente, distribución restrinxida
Europa Eslovenia Presente, poucos casos
Europa España[11] Presente, distribución restrinxida
Europa Suíza Presente, distribución restrinxida
Europa Turquía Presente, distribución restrinxida
Europa Reino Unido Presente, poucos casos

Distribución na Península Ibérica editar

A especie foi localizada por primeira vez en 2012 na zona oeste de Cataluña (comarcas de Alt Empordà, Baix Empordà, Garrotxa, Gironès, A Selva, Maresme, Osona, Vallès Oriental).[12] Posteriormente foi localizada en Cantabria (2013) e Galicia (2014).[13]

Medidas de control editar

As medidas de control inclúen a poda de xermolos infectados e o uso de mallas. Estes métodos non son aplicables a un gran número de plantas, como é o caso de plantacións comerciais. Os pesticidas adoitan non resultar efectivos debido a que o insecto se atopa protexido dentro dos bugallos. Un método de control que resultou exitoso é a introdución da avespa Torymus sinensis, da familia dos torímidos.[14] Este parasitoide é usado como un axente de control biolóxico de pragas contra as avespas formadoras de bugallos no Xapón. Existe unha investigación en marcha para determinar outras localizacións onde puidese ser apropiado liberar este parasitoide. Varios outros parasitoides foron relacionados coas avespas formadoras de bugallos, incluíndo aos torímidos Torymus beneficus, T. sinensis, T. geranii e Megastigmus nipponicus, os ormíridos Ormyris punctiger e O. flavitibialis, e os euritómidos Eurytoma brunniventris e E. setigera.[15] Estas especies non resultan axentes de control efectivos debido á súa non moi elevada taxa de parasitismo.

Asentamento de Torymus sinensis en Galicia editar

O 5 de maio de 2021 na Fraga de Areosa (Mesía), xestionada pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, despregouse un exército de Torymus sinensis, o grande inimigo natural da avespa do castiñeiro. Desde que en 2018 emnpezaron a soltarse en Galicia estes insectos, por primeira vez comezaron a recibirse notificacións de particulares que os ven nos montes. «Podemos dicir que o T. sinensis xa é galego ou, polo menos, empeza a asentarse en Galicia», en palabras de José Martel, xefe do Servizo de Súde a Vitalidade do Monte. Esta noticia aliviou un pouco a ameaza da avespa do castiñeiro, aínda que non é para relaxarse: está en xogo o futuro dun sector que, só comercializando o froito, move na Comunidade, segundo datos de Medio Rural, máis de 50 millóns de euros. Os insectos despregados en Areosa chegaron de Italia, país pioneiro do seu emprego na loita contra esta avespa, e son só unha parte das moitas lexións (desde abril lévanse soltando en Galicia 1,6 millóns de individuos, e o investimento previsto por Medio Rural par a combater a praga este ano de 2021 é de 2,2 millóns de euros). Actualmente hai máis de 20 persoas soltando espécimes de T. sinensis nesta época, porque é xusto cando comezan a brotar os castiñeiros. Onde e cando facelo é un labor dos rastrexadores que, axudados por asociacións, cooperativas e membros da "IXP Castaña de Galicia", van comprobando cando comezan a despertaren as árbores do seu letargo invernal. O grande obxectivo é que este loitador quede en Galicia. Nun 42 % do territorio da Comunidade superouse xa a porcentaxe de parasitación de Dryocosmus kuriphilus nun 5 %. Isto é bo, pero hai que continuar combaténdoo.[16]

Notas editar

  1. Avespa do castiñeiro, (PDF). [Díptico] Xunta de Galicia.
  2. "CABI.org". Dryocosmus kuriphilus 
  3. Junta de Andalucía, Consejería de Agricultura, Pesca y Medio Ambiente (ed.). "Dryocosmus kuriphilus (Avispilla del Castaño)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de febreiro de 2015. Consultado o 17 de xuño de 2017. 
  4. "A history of studies on the chestnut gall wasp in Japan" (PDF). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 20 de xuño de 2017. 
  5. "EPPO Global Database, Dryocosmus kuriphilus(DRYCKU)". 
  6. "Datos de distribución en EEUU". 
  7. "Datos de distribución en China". 
  8. "Datos de distribución en Japón". 
  9. "Datos de distribución en Francia". 
  10. "Datos de distribución en Italia". 
  11. "Datos de distribución en España (EPPO)". 
  12. "Nota entomológica. Primeres troballes a la península Ibèrica de Dryocosmus kuriphilus (Hym., Cynipidae), una espècie de cinípid d’origen Asiàtic altament perillosa per al castanyer (Fagaceae)" (pdf). Universidad Autónoma de Barcelona, Dpto. de Biología Animal, Vegetal y Ecología. 
  13. "El cinípido del castaño Dryocosmus kuriphilus Yasumatsu, 1951 llega a Galicia" (pdf). Carácter salto de liña en |título= na posición 62 (Axuda)
  14. "El Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente presenta a la Red Estatal del Castaño una iniciativa para combatir la plaga de la avispilla que afecta a los bosques de castaños". Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2017. Consultado o 20 de xuño de 2017. 
  15. Viéitez Cortizo, Ernesto (1996). "4. El árbol herido". El castaño (en castelán). León: Edilesa. p. 213. ISBN 84-8012-134-3. 
  16. Cedrón, María (6 de maio de 2021). "El insecto que combata la avispilla del castaño comienza a asentarse en Galicia". La Voz de Galicia. Consultado o 6 de maio de 2021. 

Véxase tamén editar