Arte móbel

(Redirección desde «Arte moble»)

A locución arte móbel, arte moble e tamén, ás veces, arte mobiliar, emprégase dentro do campo de estudo da arte prehistórica para designar a calquera obra de arte (en sentido amplo) realizada sobre un obxecto de dimensións limitadas e manexábeis, é dicir, que poden ser transportadas polo ser humano.

Historia e características editar

O concepto de arte móbel está relacionado, por tanto, co de arte parietal, pero non é o mesmo concepto, xa que este non se pode trasladar porque está realizado sobre os muros ou as rochas (arte rupestre). Tampouco debe considerarse arte móbel as pezas de grandes proporcións como as estelas ou as estatuas-menhir do Neolítico e da Idade dos Metais.

Na arte móbel utilízanse as pedras, os ósos ou o marfil.

Consecuentemente, a arte móbel é moi diversa, xa que non só comprende creacións exclusivamente artísticas (como estatuíñas ou ornamentos), senón tamén obxectos funcionais, ferramentas e útiles decorados. Así, podemos encontrar a arte moble paleolítica que inclúe plaquetas gravadas, Venus paleolíticas, adornos, arpóns, azagaias, bastóns perforados ou propulsores decorados, por exemplo. No Epipaleolítico europeo son moi característicos tamén os cantos pintados Azilienses.

No Neolítico aparecen, ademais, obxectos de barro cocido (é dicir, vasillas decoradas, figuriñas de cerámica...), ídolos, tecidos, esteiras con motivos xeométricos ou figurativos etc.

Na Idade dos Metais a todos estes elementos engadíronse obxectos metálicos, pezas suntuarias e rituais, broches e armas; todo elaborado con técnicas decorativas enormemente sofisticadas como a do nielo en prata, as filigranas, o repuxado, o damasquinado, o moldeo á cera perdida e outras.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Bahn, Paul (1998): The Cambridge Illustrated History of Prehistoric Art. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-45473-5.
  • Scarre, Chris (2009): The Human Past. Londres: Thames and Hudson. ISBN 978-0-500-28780-4.