Armando Picchi
Armando Picchi, nado en Livorno o 20 de xuño de 1935 e finado en Sanremo o 26 de maio de 1971, foi un futbolista e adestrador italiano, que xogaba como defensa. Está considerado como un dos mellores líberos da historia do fútbol italiano.[1]
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 20 de xuño de 1935 Livorno, Italia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 26 de maio de 1971 (35 anos) Sanremo, Italia (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Causa da morte | cancro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lugar de sepultura | Livorno | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 171 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 71 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista (–1969), adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Italia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Comezou a súa carreira nas filas do Livorno, no que xogou durante cinco anos (de 1954 a 1959) consolidándose como lateral dereito, antes de pasar ao SPAL. En 1960 ingresou no Inter de Milán, onde Helenio Herrera o recolocou como líbero. Militou no club lombardo ata 1967, acumulando un total de 257 partidos e 2 goles. Capitaneou o club na conquista de tres ligas italianas, dúas Copas de Europa e outras tantas Copas Intercontinentais. Rematou a súa carreira en 1969 xogando no Varese. Menos afortunada foi a súa experiencia coa selección italiana, coa que disputou 12 partidos, pero sen participar en ningún Mundial ou Eurocopa.
Como adestrador dirixiu primeiro o Varese (na dobre función de adestrador e xogador) e máis tarde o Livorno. En 1970 foi contratado pola Juventus, á que dirixiu con bos resultados ata a súa prematura morte en 1971.
Traxectoria
editarNacido en Livorno, criouse en Vada, unha fracción do concello de Rosignano Marittimo. Comezou a xogar ao fútbol seguindo os pasos do seu irmán máis vello, Leo.
Debutou co Livorno na Serie A na tempada 1954/55, facéndose axiña coa titularidade, despois de pasar do posto de mezzala ao lateral. Permaneceu no club da Toscana durante cinco tempadas, xogando 105 partidos e anotando 5 goles. En 1959 foi contratado polo SPAL, tamén da Serie A.[2] Militou unha soa tempada no equipo de Ferrara, acadando o quinto posto no campionato, o mellor resultado da historia do club.
Para a seguinte campaña foi adquirido polo Inter de Milán, que pagou por el uns 24 millóns de liras, ademais das venda definitivas de Oscar Massei, Enzo Matteucci e Ambrogio Valadè. No equipo nerazzurro comezou a xogar como lateral dereito, posición que xa ocupara en Livorno e Ferrara. Tralo remate da tempada 1961/62, Helenio Herrera moveuno ao centro para que actuase como líbero, e acabou por converterse nun dos máximos expoñentes mundiais de dita posición. En 1962 sucedeu a Bruno Bolchi como o capitán do equipo e levantou tres títulos de liga, dúas Copas de Europa e dúas Copas Intercontinentais. Foi titular e capitán do equipo nas tres finais da Copa de Europa que o club disputou na década de 1960: as gañadas ante o Real Madrid de Di Stéfano e o Benfica de Eusébio, e a perdida contra o Celtic dos Lisbon Lions.
Disputou un total de 257 partidos co Inter, nos que marcou 2 goles. Nos seus últimos tempos no club, a súa relación con Helenio Herrera foise deteriorando, e no verán de 1967 o técnico díxolle ao presidente Angelo Moratti que debía escoller entre os dous.[2]
Deste xeito, Picchi foi traspasado ao Varese, co que xogou dous anos máis na Serie A, no segundo deles exercendo a dobre función de xogador-adestrador. Colgou finalmente as botas en 1969.
Selección italiana
editarDebutou coa selección italiana en Xénova o 4 de novembro de 1964, nunha goleada por 6-1 sobre Finlandia. Con todo, apenas contou para o seleccionador Edmondo Fabbri e non foi convocado para o Mundial de 1966 en Inglaterra.
Máis tarde, xa con Ferruccio Valcareggi e Helenio Herrera á fronte da selección, foi convocado para todos os partidos de clasificación para a Eurocopa de 1968. Con todo, o 6 de abril do mesmo ano, nun partido ante Bulgaria, sufriu unha fractura de pelve que o deixou fóra do torneo continental do que Italia se proclamou campioa. A súa grave lesión puxo fin á súa carreira internacional.[3]
Adestrador
editarA súa carreira nos bancos comezou no Varese durante a parte final da tempada 1968/69, na que actuou como xogador-adestrador xunto con Sergio Brighenti trala destitución de Bruno Arcari. Non conseguiron manter a categoría e o equipo acabou descendendo á Serie B. Para a tempada seguinte colgou definitivamente as botas e colleu as rendas do Livorno na Serie B, tralo cesamento de Aldo Puccinelli. Conseguiu sacar o equipo da zona de descenso, grazas ás súas 12 xornadas como invicto, e acabou no noveno posto final. A partir destas primeiras experiencias, Picchi amosaba nos bancos unhas hábiles calidades presaxiaban unha carreira como adestrador de alto nivel.[3]
Despois de deixar o equipo amaranto, foi chamado polo seu antigo adestrador e naquel momento director deportivo da Juventus, Italo Allodi, para poñerse á fronte do club piemontés na tempada 1970/71.[4] O club estaba inmerso nunha profunda renovación,[5] e contaba con prometedores xogadores como Bettega, Capello e Causio. Aos seus 35 anos, Picchi era o adestrador máis novo da Serie A.[6]
A campaña comezou de xeito irregular na liga, pero contando por vitorias todos os seus encontros na Copa de Feiras. Con todo, os síntomas da enfermidade que o levarían á súa prematura morte obrigárono a abandonar o banco da Juve xa nos primeiros meses de 1971,[7] sendo substituído polo checoslovaco Čestmír Vycpálek.[8] O último partido que dirixiu foi o 7 de febreiro, en Boloña, no que acabou expulsado por protestas. A nova Juve que montou -que, de feito, sentou as bases do triunfante equipo dos anos 70- pechou o torneo de liga en cuarta posición, e acadou a final da Copa de Feiras (perdida ante o Leeds United), á que Picchi xa non puido asistir, pois faleceu o día antes do partido de ida.
Morte
editarMorreu o 26 de maio de 1971, pouco antes de cumprir os 36 anos, por mor dun tumor na columna vertebral.[2] O seu irmán Leo, doutor en farmacia, argumentou que a causa da súa enfermidade fora un tratamento incorrecto trala fractura da pelve que sufriu en 1968.[9]
O día do funeral, que tivo lugar en público a pesar da vontade contraria da familia, houbo unha numerosa participación da cidadanía de Livorno. Un mes despois da súa morte, creouse na súa honra o Torneo Picchi. En 1971 fundouse en Livorno o Armando Picchi Calcio, club de fútbol que xoga os seus partidos no Campo Sportivo Armando Picchi. Ademais, en 1990 o estadio do Livorno foi rebautizado como Stadio Armando Picchi.
Características técnicas
editarComezou a súa carreira xogando como dianteiro ou centrocampista, ata que o adestrador Mario Magnozzi atrasou a súa posición ata a defensa. Máis tarde estableceuse como lateral dereito, posto no que se mostrou duro e áxil, distinguíndose tamén pola súa facilidade para o ataque.[2]
Coa súa chegada ao Inter de Milán foi gradualmente reconvertido á posición de líbero polo adestrador Helenio Herrera, e colocado no mando da retagarda. Porén, este estilo de xogo limitou considerablemente as súas saídas ofensivas, e esta foi unha das causas das súas poucas internacionalidades coa selección. O seleccionador de Italia entre 1962 e 1966, Edmondo Fabbri, considerábao demasiado defensivo.[10]
Tamén estaba dotado dunha gran personalidade que, sumada á habilidade para ler os partidos, converteuno nunha especie de "adestrador no campo".[11][12]
Vida persoal
editarCasado con Francesca, tivo dous fillos: Leo e Gianmarco.[13]
Palmarés
editar- Inter de Milán
- Serie A (3): 1962/63, 1964/65, 1965/66.
- Copa de Europa (2): 1963/64, 1964/65.
- Copa Intercontinental (2): 1964, 1965.
Notas
editar- ↑ Sconcerti, Mario (23 de novembro de 2016). "Il volo di Bonucci e la classifica degli 8 migliori difensori italiani di sempre". Corriere della Sera (en italiano). Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Gherarducci, Mario (25 de maio de 2001). "Picchi, il battitore libero che mandava in crisi il Mago" (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2015. Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 Monti 2002, p. 795.
- ↑ "Picchi trainer della Juventus". La Stampa (en italiano). 18 de maio de 1970. p. 8. Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ (Monti & p. 795.)
- ↑ "Picchi: Alla Juve senza timori". La Stampa (en italiano). 24 de maio de 1970. p. 18. Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ "Picchi è morto a 36 anni". La Stampa (en italiano). 28 de maio de 1971. p. 18. Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ "Vycpalek in panchina per sostituire Picchi". La Stampa (en italiano). 13 de febreiro de 1971. p. 16. Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ "Il fratello di Picchi: ombre sulla morte di Armando, , , pag.1". Il Tirreno (en italiano). 17 de outubro de 2003. Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2022. Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ Pezzotti & Vietti 2002.
- ↑ Monti 2002, p. 794.
- ↑ A.A. 2004, p. 501.
- ↑ Schiavina, Antonietta (27 de maio de 2010). "Carattere d'acciaio e un cuore tenero: ecco chi era Picchi" (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2022. Consultado o 9 de xuño de 2022.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Monti, Fabio (2002). "PICCHI, Armando". Enciclopedia dello sport (en italiano). Istituto dell'Enciclopedia Italiana.
- Pezzotti, Gianluigi; Vietti, Rita (2002). Dizionario della grande Inter (en italiano). Roma: Newton Compton. ISBN 88-8289-496-7.
- A.A., V.V. (2004). Almanacco illustrato del calcio 2005 (en italiano). Módena: Panini.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Datos do xogador no sitio web do Inter de Milán (en italiano).
- Datos do xogador coa selección italiana (en italiano).