Lisbon Lions é o cualificativo que recibiron os xogadores que fixeron realidade o soño de acada-la Copa de Europa para o conxunto de Celtic de Glasgow ó gañarlle na final xogada no Estadio Nacional de Lisboa o 25 de maio de 1967 por 2-1 ó Inter de Milán.

Nese encontro os xogadores escoceses poñían o punto derradeiro a unha tempada na que gañaran todo o que tiveran xogado xa que ademais do cetro europeo, quedaran campións da Liga de Escocia, da Copa de Escocia, da Copa da Liga escocesa e mais da Copa de Glasgow.

Falan as crónicas dun partido no que o Celtic non parara de atacar durante os 90 minutos que durou o encontro e dunha demostración de moita vontade, ataques continuos e dun bo fútbol o amosado polos escoceses. Foi o que Helenio Herrera, que era o adestrador dos italianos, definiu en verbas de seu coma "unha vitoria para o deporte".

Integrantes

editar
Velaquí tódolos integrantes partícipes do triunfo final adestrados polo tamén escocés Jock Stein:
  1. Ronnie Simpson.
  2. Jim Craig.
  3. Tommy Gemmell. Autor do tanto que puña o 1-1 provisional.
  4. Bobby Murdoch.
  5. Billy McNeill. Capitán.
  6. John Clark.
  7. Jimmy Johnstone.
  8. Willie Wallace.
  9. Stevie Chalmers. Autor do gol da vitoria.
  10. Bertie Auld.
  11. Bobby Lennox.
  12. John Fallon.

Todos estes futbolistas naceron nun radio de 30 millas (algo máis de 55 quilómetros) con respecto á casa do club, Celtic Park. Este feito supón que, aínda na actualidade, o Celtic siga a se-lo único conxunto europeo en gaña-la Copa de Europa cun equipo sen estranxeiros.