Agontano

antiga moeda da República de Ancona
Agontano
San Ciriaco.

PP.SQVIRIACVS

Cruz.

DE ANCONA

Agontano (S. XV). AG. Ceca: Ancona.[1]

O agontano ou anconetano foi a moeda utilizada pola República de Ancona entre os séculos XII e XVI, durante a súa época de esplendor.[2]

Caracterización editar

O agontano ou anconetano era unha moeda de prata de gran tamaño, con diámetro de entre 18 e 22 mm e un peso de entre 2,04 e 2,42 gramos. O seu valor era próximo ao do soldo milanés (12 diñeiros).[1][3]

No seu anverso aparece representado San Ciriaco, protector da cidade, vestido como bispo grego, rodeado pola lenda P.P.S. QUIRIACUS. A cabeza do santo, coa auréola, interrompe o círculo que encerra o resto do corpo. Pola súa banda, o reverso desta moeda amosa unha cruz encerrada nun círculo, arredor do cal está a lenda DE ANCONA.[1][3][4]

Historia editar

As primeiras mostras de cuñaxe medieval de Ancona datan do século XII, cara a 1170, cando a cidade aumentou a súa independencia e comezou a bater a súa propia moeda sen supervisión imperial nin papal.​ Consonte a tradición, a cidade comezou a cuñar moeda por concesión do Imperio Bizantino, logo da fidelidade demostrada durante o asedio de 1173, o que tamén levou a dispor da súa bandeira da cruz de ouro nun campo vermello. Esta hipótese non está apoiada por fonte contemporánea ningunha.[5]

Esta moeda, chamada tamén grosso agontano, acadou un grande éxito e a súa tipoloxía foi imitada por outras cidades das Marcas e tamén en Emilia-Romaña, Toscana, Lacio e os Abruzos.[4][6] ​​

O ducado agontano editar

Con menos sona que a de prata, cuñouse en Ancona un ducado de ouro coñecido tamén como agontano, ao que fan referencia algúns documentos do século XIV, aínda que os exemplares conservados datan dos séculos XV e XVI, antes da perda da independencia da cidade en 1532. Esta moeda foi emitida durante os pontificados de Paulo II, Sisto IV, Inocencio VIII, Alexandre VI, Xulio II, León X e Hadrián VI.[4][7]​​

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Grosso Agontano". Numista.com.
  2. "Anconetano". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  3. 3,0 3,1 Travaini, L. et al. (2003).
  4. 4,0 4,1 4,2 "Anconetano". En Enciclopedia Italiana (1929). Treccani.
  5. Dubbini, M.; Mancinelli, G. (2009).
  6. Sozzi, M. (2001).
  7. "Ducato papale". LaMoneta.it

Véxase tamén editar

Bibliografía editar