Acordo de Cotonou

O Acordo de colaboración entre os estados de África, o Caribe e do Pacífico e a Comunidade Europea e os seus estados membros asinado en Cotonou,[1][2] o 23 de juño de 2000, máis coñecido como Acordo de Cotonou, é un tratado entre a Unión Europea e o Grupo de Estados de África, Caribe e Pacífico (países ACP). Foi asinado en xuño de 2000 en Cotonou, a cidade máis grande de Benín, por 79 países ACP (47 países en África, 16 no Caribe e 15 no Pacífico, e mais a República das Maldivas; Cuba non asinou) e os daquela 15 Estados membro da Unión Europea,[3] totalizando máis de 700 millóns de persoas, e estaba previsto que durase vinte anos.[4]

Países ACP
     Grupo do Caribe     Grupo do Leste e Sur de África     Grupo do Pacífico     Grupo de África do Oeste     Grupo Surafricano     Grupo Centroaficano     Grupo do Leste de África

Entrou en vigor en 2003 e foi posteriormente revisado en 2005 e 2010. Finalmente, asinouse un novo acordo, denominado post-Cotonou, o 15 de abril de 2021[5]

Obxectivos editar

O Acordo de Cotonou ten como obxectivo a redución e eventual erradicación da pobreza así como contribuír ao desenvolvemento sustentábel e á integración gradual de países ACP á economía mundial.[6] O Acordo de Cotonou revisado tamén se preocupa pola loita contra a impunidade e a promoción da xustiza penal a través da Corte Penal Internacional.

Institucións editar

Hai tres institucións principais: o Consello de Ministros, o Comité de Embaixadores e a Asemblea Parlamentaria Paritaria.[7]

Principios fundamentais editar

O Acordo de Cotonou substituíu a Convención de Lomé, que foi a base para o desenvolvemento da cooperación ACP-UE dende 1975. Con todo, o Acordo de Cotonou ten un alcance moito maior do que calquera convenio anterior. Foi deseñado para ter unha vixencia de 20 anos e baséase en catro principios fundamentais:

  • Igualdade entre os socios e propiedade das estratexias de desenvolvemento. En principio, depende dos países ACP determinar como as súas sociedades e as súas economías deberían desenvolverse.
  • Participación. Ademais do goberno central como actor principal a colaboración dentro do Acordo de Cotonou está aberto a outros actores (p. ex. sociedade civil, sector privado e gobernos locais).
  • Diálogo e obrigas mutuas. O Acordo de Cotonou non é só un bote de cartos. Os asinantes asumen obrigas mutuas (p. ex. respecto aos dereitos humanos) que serán controladas a través do diálogo continuo e a avaliación.
  • Diferenciación e rexionalización. Os acordos de cooperación variarán segundo o nivel de desenvolvemento de cada socio, das necesidades, do rendemento e da estratexia de desenvolvemento a longo prazo. Os países considerados menos desenvolvidos ou vulnerábeis (sen saída ao mar ou estados insulares) recibirán un trato especial.

Dimensión política editar

O Acordo de Cotonou agarda dar un apoio político forte á cooperación para o desenvolvemento ACP-UE. Por tanto, o diálogo político é un dos aspectos chaves dos acordos e trata novos asuntos que anteriormente estiveran fóra do ámbito da cooperación para o desenvolvemento; como son a paz e a seguranza, o comercio de armas e a migración.

Ademais, o elemento do "exercicio do bo goberno" foi incluído como un "elemento esencial" do Acordo de Cotonou , a violación do cal pode levar á suspensión parcial ou completa da cooperación para o desenvolvemento entre a UE e o país infractor. Foi amplamente consensuado que os casos serios de corrupción, incluíndo actos de suborno, poderían chegar a provocar un proceso de consulta e tamén levar a unha suspensión da axuda.

Novos actores editar

Unha segunda nova característica do Acordo de Cotonou era a da participación de actores non estatais e gobernos locais na cooperación para o desenvolvemento. Estes, daquela, foron considerados actores complementarios aos gobernos centrais, que tradicionalmente foron os actores chave de cooperación entre a UE e os países ACP.

Aínda que os gobernos ACP seguen a ser responsábeis de determinar a súa propia estratexia de desenvolvemento, os actores non estatais e as autoridades locais participaron sendo consultados respecto á formulación de dita estratexia. Ademais, tamén se lles proporcionou acceso a recursos financeiros e participaron na súa implementación e, igualmente, recibiron axuda á capacitación. O Centro Técnico de Cooperación Agrícola e Rural ACP-UE (CTA) levou a cabo a súa función dentro do esquema do Acordo de Cotonou ACP-UE coa misión de "fortalecer a capacidade política e institucional de desenvolvemento e a información e as capacidades de xestión da comunicación das organizacións agrícolas e rurais ACP para o desenvolvemento". Isto faise, en parte, a través da revista Spore, de ampla difusión nos países ACP.

O Acordo de Cotonou céntrase especialmente no sector privado como un instrumento para o desenvolvemento económico sustentábel. Un novo programa abranguente presentouse en Cotonou para apoiar o sector privado dos países ACP con novas ferramentas; como o acceso a financiamento a través do Banco Europeo de Investimento (EIB, polas súas siglas en inglés).

Cooperación comercial editar

Probabelmente o cambio máis radical presentado polo Acordo de Cotonou sexa en cooperación comercial. Dende a primeira Convención de Lomé en 1975, a UE concedeu preferencias comerciais non recíprocas a países ACP. Baixo o Acordo de Cotonou este sistema foi substituído polos Acordos de Asociación Económica (EPAs, polas súas siglas en inglés), un novo sistema que entrou en vigor en 2008. Este novo acordo proporciona acordos recíprocos, o que significa que a UE non só proporciona acceso libre de impostos aos seus mercados para as exportacións ACP, senón que os países ACP tamén proporcionan acceso libre de impostos aos seus propios mercados para as exportacións da UE.

Con todo, seguindo o principio de diferenciación de Cotonou, non todos os países ACP teñen que abrir os seus mercados a produtos da UE após 2008. O grupo de países menos desenvolvidos pode continuar baixo os acordos asinados en Lomé ou da iniciativa "Todo agás armas". Os países que non entren na categoría de menos desenvolvidos e que decidan que non están en posición de entrar nos EPAs poden pasar, por exemplo, ao Sistema Xeneralizado de Preferencias (GSP, polas súas siglas en inglés) ou ao Acordo Especial de Estímulo para o Desenvolvemento Sustentábel e o Bo Goberno (GSP+).

Planificación editar

O Acordo de Cotonou incorporou a idea de colaboracións baseadas nos resultados e abandonou os repartimentos fixos tipo "axuda directa" que non estaban vinculados aos resultados. Baixo o novo acordo, a UE puido ser máis selectiva e flexíbel no xeito en que repartía e usaba os seus recursos de desenvolvemento. As axudas baseábanse nunha avaliación das necesidades e resultados do país e incluía a posibilidade de axustar os recursos financeiros de forma regular. Na práctica, significou que podían dirixirse máis cartos cara aos "países con bos resultados" e que a proporción de "países con malos resultados" podía reducirse. A axuda foi repartida aos países ACP en ciclos de cinco anos baixo o Protocolo Financeiro do Acordo de Cotonou. así, baixo o 9º Fondo Europeo de Desenvolvemento (FED) (2002–2007) repartíronse 13 500 millóns de euros á rexión ACP.

O 10º FED (2008–2013) tivo un orzamento significativamente maior, de 22 700 millóns de euros; con 5 600 millóns de euros destinados a apoiar programas rexionais, especialmente investimentos en proxectos de infraestruturas rexionais africanas a través da Asociación UE-África en materia de infraestruturas, que foi posto en marcha en outubro de 2007 en Adís Abeba, Etiopía, pola Comisión da Unión Africana (AUC, polas súas siglas en inglés) e a Comisión Europea.[8][9]

Grazas á flexibilidade proporcionada polo Acordo de Cotonou, o 10º FED permitiu á UE canalizar máis cartos de axudas (chamados "importes de incentivación") a países que mellorasen a súa gobernanza, especialmente os seus sistemas financeiros, impositivos e legais.[8] Mentres algúns fondos do 10º FED reserváronse para necesidades imprevistas (p.ex. axuda humanitaria e de emerxencia ou para compensacións FLEX), a maioría foron programados para o período plurianual 2008–2013.[10]

Na primeira metade de 2012, comezou o traballo de programación para o 11º FED nos que, para os programas xeográficos, participaron por primeira vez o Servizo Europeo de Acción Exterior así como a Comisión Europea. A comezos de 2012, a maioría dos detalles do proceso de programación figuraban en documentos internos das institucións europeas, pero unha análise independente e unha descrición do proceso foron proporcionadas pola fundación independente Centro Europeo para a Xestión da Política de Desenvolvemento (ECDPM, polas súas siglas en inglés).[11]

Loita contra a impunidade editar

En recoñecemento de que a impunidade era un dos factores que contribuían aos ciclos de violencia e inseguridade, o preámbulo e o artigo 11.7 do Acordo de Cotonou revisado incluíu un compromiso claro dos estados ACP e da UE para combater a impunidade e promover a xustiza a través da Corte Penal Internacional. Xa que a Corte Penal Internacional baséase no principio de complementaridade, o Acordo de Cotonou revisado de 2005 introduciu a obriga de asegurar a persecución dos delitos máis graves a nivel nacional e a través da cooperación global. Ademais, o artigo 11.6 do Acordo incluíu tamén unha disposición aclaratoria que obrigaba aos países participantes a:

(a) Compartir a experiencia na adopción de axustes legais requiridos para permitir a ratificación e implantación do Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional e (b) Loitar contra os delitos internacionais de acordo co dereito internacional, coa debida consideración do Estatuto de Roma. As partes procurarán avanzar na ratificación e implantación do Estatuto de Roma e dos instrumentos con el relacionados.

Revisión editar

Seguindo a cláusula de revisión, o Acordo de Cotonou foi revisado dúas veces para mellorar a efectividade e calidade da colaboración ACP-UE. A primeira revisión rematou en Luxemburgo o 25 de xuño de 2005 e o Acordo revisado entrou en vigor o 1 de xullo de 2008.

A segunda revisión do Acordo de Asociación ACP-UE foi asinada durante a 35ª reunión do Consello de Ministros ACP-UE celebrado en Uagadugú, Burkina Faso, o 22 de xuño de 2010 e entro en vigor de maneira provisional o 1 de novembro de 2010.[12]

Debido a que expiraba en 2020, un acordo de substitución comezou a ser negociado en setembro de 2018.[13] Posteriormente, en decembro de 2020 alcanzouse un acordo político sobre o contido desta nova asociación entre a UE e a Organización dos Estados de África, o Caribe e o Pacífico.[14] Este novo acordo post-Cotonú asinouse o 15 de abril de 2021 e o Consello da Unión Europea deulle luz verde o 20 de xullo de 2023.[15]

Críticas editar

Existe o debate de que, mentres o principal piar do Acordo de Cotonou era a redución da pobreza, a axuda dirixida a África no 9º EDF tivo un impacto limitado na maioría da poboación pobre.[16]

Notas editar

  1. VV.AA. (2006). "Cotonou". Diciopedia do século 21. I (A-D). Vigo: Do Cumio, Galaxia e do Castro. p. 608. ISBN 978-84-8288-942-9. 
  2. "Cotonou". egu.xunta.gal. Consultado o 15 de agosto de 2023. 
  3. "The Cotonou Agreement". Comisión Europea (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 3 de febreiro de 2011. Consultado o 7 de febreiro de 2022. 
  4. "Questions and answers: Reaching a political deal at chief negotiators' level on the EU's new Partnership Agreement with members of the OACPS". ec.europa.eu (en inglés). 3 de decembro de 2020 {actualizado o 4 de decembro de 2020]. Consultado o 16 de agosto de 2023. 
  5. "Accord post-Cotonou". consilium.europa.eu (en francés). [actualizado o 24 de xullo de 2023]. Consultado o 16 de agosto de 2023. 
  6. "Accord de Cotonou". eur-lex.europa.eu (en francés). [derradeira actualización 30 de agosto de 2022]. Consultado o 16 de agosto de 2023. 
  7. Nugent 2010, p. 396
  8. 8,0 8,1 "European Development Fund (EDF)". Comisión Europea (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2013. Consultado o 7 de febreiro de 2022. 
  9. "EU-Africa Partnership". Unión Africana (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2011. Consultado o 7 de febreiro de 2022. 
  10. "2006/608/CE: Decisão n. o 1/2006 do Conselho de Ministros ACP-CE, de 2 de Junho de 2006 , que define o quadro financeiro plurianual para o período de 2008-2013 e que altera o Acordo de Parceria ACP-CE revisto". EUR-Lex (en portugués). 9 de setembro de 2006. Consultado o 7 de febreiro de 2022. 
  11. Görtz, Simone; Keijzer, Niels (Abril de 2012). "Reprogramming EU Development Cooperation for 2014-2020: Key Moments for Partner Countries, EU Delegations, Member States and Headquarters in 2012" (PDF). Discussion Paper do Centro Europeo para a Xestión da Política de Desenvolvemento (ECDPM) (en inglés) (129): 26. ISSN 1571-7577. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de xaneiro de 2022. Consultado o 08 de febreiro de 2022. 
  12. "ACP - The Cotonou Agreement". Comisión Europea (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2016. Consultado o 8 de febreiro de 2022. 
  13. Firtion, Pierre (7 de xuño de 2020 [actualizado o 8 de xuño de 2020]). "Accords post-Cotonou: les négociations entrent dans le dur". rfi.fr (en francés). Consultado o 16 de agosto de 2023. 
  14. Dirección Xeral de Asociacións Internacionais (3 de decembro de 2020). "Post-Cotonou: Negotiators reach a political deal on a new EU/Africa-Caribbean-Pacific Partnership Agreement". europa.eu (en inglés). Consultado o 16 de agosto de 2023. 
  15. "Accord post-Cotonou". consilium.europa.eu (en francés). 24 de xullo de 2023. Consultado o 18 de agosto de 2023. 
  16. Practical Action e PELUM (2005). "The crisis in African agriculture: A more effective role for EC aid?", SARPN (en inglés): 32

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Nugent, Neill (2010). The government and politics of the European Union (en inglés). Nova York: Palgrave MacMillan. ISBN 978-0-230-24118-3. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar