Abrir o menú principal

Abdullah I de Xordania

(Redirixido desde "Abd Allah ibn Husayn")

Abdullah bin al-Hussein (en árabe عبد الله بن حسين), nado na Meca en 1882 e finado en Xerusalén o 20 de xullo de 1951, foi o primeiro rei de Xordania.

Abdullah I de Xordania
Kingabdullahbinhussein.jpg
Rei de Xordania
25 de maio de 1946
20 de xullo de 1951 (5 anos)
PredecesorEstablecemento do reino
SucesorTalal I
Emir e rei de Transxordania
1 de abril de 1921
25 de maio de 1946 (25 anos)
PredecesorEstablecemento do emirato
SucesorSubstituído polo reino de Xordania

Nacemento1882
A Meca (Arabia Saudita)
Falecemento20 de xullo de 1951
Xerusalén
Cónxuxe/sMusbah bint Nasser (esposa principal),
Suzdil Khanum
Nahda bint Uman
Casa realHaxemí
ProxenitoresHusayn ibn Ali
Abdiya bint 'Abdu'llah

TraxectoriaEditar

Abdullah era fillo do xerife da Meca, cabeza da dinastía dos haxemís, a quen o Reino Unido prometerá recoñecer a independencia dos territorios árabes de Asia nun único estado a cambio da súa axuda na loita contra o Imperio Otomán.

Antes da Primeira Guerra Mundial Abdullah foi vicepresidente do parlamento de Istambul. O seu irmán, Faysal, deputado na mesma cámara, dirixiu a rebelión árabe que combateu os turcos dende Hiyaz ata tomar Damasco en 1918, dous anos despois de que o xerife Husayn se proclamara rei. Unha vez acabada a guerra os aliados desfixeron o embrión de Estado que se creara dende Damasco e a cambio colocaron a Faysal e a Abdullah á cabeza de dous países creados artificialmente, Iraq e Transxordania.

Abdullah recibiu Transxordania como feudo en 1921.[1] Tratábase en realidade dun corredor a través do deserto que comunicaba as dúas zonas de influencia británicas, Iraq e Palestina. O 25 de maio de 1923 Transxordania obtivo a independencia coa denominación de emirato.

O rei foi unha personaxe pouco popular entre os árabes de Oriente Medio debido á súa política clientelar respecto dos Estados Unidos e o Reino Unido, á súa proximidade a Israel e á represión que desatou contra os seus detractores. Por outra banda, nunca abandonou a ambición haxemí de ser rei dun reino árabe unificado, o que lle provocou a inimizade das capas dirixentes doutros estados, especialmente os saudís. En setembro de 1949 converteuse no primeiro sefe de estado estranxeiro que visitou a España franquista, pasando tres días na cidade da Coruña.[2][3]

O 20 de xullo de 1951 Abdullah morreu nun atentado na mesquita de Al-Aqsa de Xerusalén. Catro días antes fora asasinado en Amán o primeiro ministro líbanés Riad Bey al-Solh, e Abdullah atopábase na cidade para participar nunha cerimonia fúnebre na súa honra. Estaba a agardar a que dese comezo a oración do venres co seu neto Hussein bin Talal (futuro rei) cando un activista palestino, Mustafa Shukri, abriu fogo contra el alcanzándoo na cabeza. Abdullah e al-Solh morreron baixo a acusación de estar levando a cabo negociacións secretas con Israel para firmar unha paz á marxe dos acordos acadados na Liga Árabe. A investigación xordana sinalou dous dirixentes palestinos como cerebros do complot, o doutor Abd Allah Husayni e o coronel Abd Allah Tell, antigo gobernador militar de Xerusalén.

Liña do tempoEditar

Abdullah II de XordaniaHussein I de XordaniaTalal de Xordania 

NotasEditar

  1. "Amir Abdullah's Bodyguard on Camels with Red, Green and White Standard at Far Left". World Digital Library (en inglés). abril de 1921. Consultado o 14 de xullo de 2013. 
  2. Correyero Ruiz, Beatriz (2003). "La propaganda turística española en los años del aislamiento internacional". Historia y Comunicación Social (en castelán) (8): 47–61. 
  3. Rodríguez, Ana (13-9-2009). "Un rey que llegó de Oriente". La Opinión (en castelán) (A Coruña). Consultado o 27-5-2017. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar