A borracheira na cultura popular galega

Artigo principal: Embriaguez.

A acción de emborracharse, como os termos borracheira e borracho, reciben en Galicia numerosas denominacións, descritivas ou eufemísticas. Nesta sinonimia tan ampla inflúen diversos factores, como o rexistro do falante (culto, coloquial, vulgar) ou os distintos graos que se poden presentar, desde o resultante do consumo de pequenas cantidades, que conseguen achispar ou causar contenteira, ata a borracheira absoluta. Inclúense tamén algúns castelanismos que, por razóns eufemísticas, adoitan utilizarse para referirse a determinados feitos como o que nos ocupa, e como tamén acontece con realidades de carácter sexual ou escatolóxico:

  • Aballoarse, acamballarse, achisparse, afumarse, embebedarse, embriagarse, empiparse, encherse, enchisparse.

Do mesmo xeito, son numerosísimas as formas de designar a un borracho (insistimos, nos seus diferentes graos):

  • Aballoado, achispado, aforador, afumado, alegre, alustrado, bébedo, bebido, borracheiro, borrachel, borrachento, borrachín, caneco, chiquiteiro, chispo, dipsómano, ebrio, embriagado, mamado, peneco, peneque, tomado.

E, por outra banda, as formas de referirse á borracheira:

  • Asturiana, bebedeira, bebedela, borrachea, cagallón, calcada, candonga, candorga, carena, carpanta, carrada, chea, chispa, coello, cogorza, curda, ebriedade, embriaguez, filomena, gaita, galumera, jesusa, larada, lona, lorbaga, lupanda, merda, merluza, mona, pea, pedo, pelica, petenera, raposa, talanguera, talanquera, taranqueira, tallada, temulencia, toalla, tralla, tranca, trompa, trusca, turca.

Léxico relacionado

editar

As palabras borracho e borracha, así como borracheira dan pé a denominacións doutras realidades, relacionadas directa ou indirectamente co seu significado recto.

Así, borracho dá nome a:

  • Distintos froitos, como a variedade de pexego de polpa de cor do viño tinto (pexego borracho).
  • Diferentes especies de peixes do xénero Trigla (T. lucerna, T. cuculus, T. gurnardus, T. hirundo), tamén coñecidos como escachos ou escachos vermellos. O nome vénlles da súa coloración avermellada [1].

Pola súa banda, borracha dá nome a:

  • Bota para o viño.
  • Distintos moluscos gasterópodos mariños, como a Aplysia punctata, semellante a unha lesma de gran tamaño (tamén se chaman lesmas de mar), que deitan unha tinta de cor violácea escura.
  • O peixe tamén denominado choupa (Spondyliosoma cantharus), chamado así polas manchas que presenta no seu corpo, que semellan ás que deixa o viño tinto na roupa.
  • O xogo infantil buxaina.

Co nome de borrachiños desígnanse:

  • Os froitos do érbedo (denominación recollida no leste de Lugo e concellos galegofalantes de Asturias, como Navia ou Coaña, e do Bierzo; en Santander: borrachos). O seu consumo, en ben maduros, producen síntomas similares á borracheira.
  • Uns biscoitos ou chulas feitas con pan mollado en viño ou xerez, salferidas de azucre. Cómense como sobremesa.

O nome de borracheira designa unha planta gramínea, máis coñecida como xoio (Lolium temulentum, en castelán cizaña), que crece entre os campos de trigo ou cebada e produce unha espiga cuns grans ricos en temulina, substancia que, mesturada coa fariña, fai que o pan feito con ese cereal contaminado con estoutra gramínea produza vértixes e alteracións que poden lembrar ás dunha borracheira.

Locucións

editar
 
Borracho coma un pelexo.
  • Andar/estar/ir na mula: estar bébedo [2].
  • Andar feito unha cuba: estar completamente borracho [3].
  • Bébedo coma un congro, máis bébedo que un congro: moi bébedo.
  • Beber máis que unha toupeira: beber moito, non darse cheo nunca. A frase deriva da imposibilidade real de inundar unha toupeira, por máis auga que se lle bote.
  • Borracho coma un pelexo: dise de quen está totalmente borracho [4].
  • Cargar dianteiro: ir bébedo.
  • Cargar o carro: embebedarse (Cando me viches onte cargara o carro e por iso ía así) [2].
  • Coller unha mosca: emborracharse.
  • Comprar unha mula: emborracharse.
  • Dormir a mona: dormir a borracheira [5].
  • Estar borracho coma un pelexo.
  • Estar coma unha cuba: estar completamente bébedo [3].
  • Ir co ela: ir borracho, andar a tumbos, non terse en pé [6].
  • Ir contento: haber bebido pouco, o suficiente para perder a inhibición [6].
  • Levar boa carrada: ir bébedo (Olla como vai ese, leva boa carrada) [2].
  • Pesarlle a un a cabeza máis cos pés: non terse en pé como consecuencia do estado de embriaguez.
  • Pillar unha merluza: castelanismo por coller unha borracheira.
  • Pillar unha mona: embebedarse [5].
  • Se corres como bebes, imos ás lebres: advertencia a quen bebe moito e deprisa.
  • Ser un borrachelas: dado á bebida, aínda que sen chegar a ser un borracho habitual.
  • Ter a lingua grosa: estar bébedo e mostrar dificultades na fala.

Refraneiro

editar
 
No restaurante La Mie Henri de Toulouse-Lautrec 1891
  • A auga non emborracha, nin enferma, nin entrampa [7].
  • A auga non enferma nin embebeda [7].
  • A beber viño nunca me gañou veciño.
  • A muller e o viño sacan o home de tino [8].
  • A xente ve o que bebo, mais non ve a sede que teño [9].
  • A xogueta e a bebedela botan as casas por terra.
  • Alegre, alegrete, arranca-carrascos e tente-bonete [10]
  • Bebamos hastra que máis non poidamos [9].
  • Bebamos hastra que non nos vexamos [9].
  • Beber, beber, hastra máis non poder [9].
  • Beber hastra non ver [9].
  • Ben boa é a auga que non custa nada e non emborracha [7].
  • Borracheira de auga non emborracha [11].
  • Cando o borracho ronca, o viño no barril apousa.
  • Debaixo dunha mala capa, hai ás veces un bo bebedor [12].
  • Debaixo dunha mala capa hai un gran bebedor.
  • Deus te garde de amigo reconciliado, de can atado, de borracho irado e de home arroutado.
  • Muller que moito bebe, tarde paga o que debe [8].
  • Mulleres e viño sacan ó home do bo camiño [8].
  • Ninguién que beba viño chame borracho ó seu veciño [13].
  • Ninguién se emborracha co viño da súa casa [13].
  • Nosa Señora dos Arcos, avogada dos borrachos [14].
  • O amor e o viño sacan ao home de tino.
  • O borracho logo solta o que ten no papo.
  • O que se dá á bebida ben pouco estima a súa vida.
  • O viño das cepas vellas quenta as orellas'.
  • O viño do Ribeiro ten sona de paroleiro.
  • O viño ten tres propiedades: facer durmir, facer rir e as cores saír.
  • Por un amigo non é pecado que se emborrache un home honrado.
  • Quen bebe un pouco, bebe un pouco máis.
  • Quen é amigo do viño, de sí mismo é enemigo [13].
  • Por san Martiño cae máis auga do que o borracho bebe viño.
  • Un gotiño de augardente deixa o estómago quente e fai ó home forte e valente.
  • Viño do Ribeiro, falangueiro e trouleiro.
  • Viño en sopas non emborracha.
  • Viño tinto do Ribeiro, falangueiro e trouleiro.

Cantigueiro

editar
  • A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira [15].
  • A vida do carreteiro/ non hai vida como ela:/ a semana no carreto/ e o domingo na taberna.
  • A vida do carreteiro,/ non hai vida como ela,/ a semana no camiño,/ o domingo na taberna.
  • Eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ emborracheime na beira do mar,/ eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ e non me puiden desemborrachar [16].
  • Heiche de dar viño tinto,/ sopas de pan balorento,/ moza que falas comigo,/ mira que pérde-lo tempo [17].
  • O crego que che casou/ debía de estar borracho/ porque non che preguntou/ se eras femia ou eras macho [18].
  • O cuco canta no monte/ e na torre a cigoña,/ o paxariño na gaiola/ e o borracho na taberna.
  • O cura vendeu, vendeu,/ e non tiña que vender,/ vendeu o rabo da besta/ ¡borrachón! para beber.
  • O paxaro de María/ foime ás uvas ó bacelo,/ tod’os paxaros ten pruma,/ o de María ten pelo [19].
  • Para cantar e beilar,/ as nenas da Pelengrina;/ para beber a perrita,/ as borrachonas de Elviña [20].
  • Para zapateiros, Noia,/ para pescadas, o Son,/ para mozos ¡viva Boiro!/ para borrachos, Cespón [21].
  • Sempre suspirei, de moza,/ por un guapo labrador,/ agora tamén o teño/ borrachón e xogador.
  • Si tu vira-lo que eu vin/ na feira do Carballiño,/ vinte cinco xastres xuntos/ bebendo un neto de viño [22].
  • Viva O Maño, viva O Maño,/ que é terra de moito pan,/ o forno da miña sogra/ bota uvas polo vran [23].
  1. Carmo Ríos Panisse (1977).
  2. 2,0 2,1 2,2 Ramón Anxo Martíns Seixo 2013.
  3. 3,0 3,1 Eladio Rodríguez González, s. v. cuba.
  4. Eladio Rodríguez González, s. v. borracho.
  5. 5,0 5,1 Eladio Rodríguez González, s. v. mona.
  6. 6,0 6,1 Eladio Rodríguez González, s. v. ir.
  7. 7,0 7,1 7,2 Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  8. 8,0 8,1 8,2 Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Eladio Rodríguez González, s. v. beber.
  10. Son os graos da bebedela.
  11. Eladio Rodríguez González, s. v. borracheira.
  12. Eladio Rodríguez González, s. v. debaixo.
  13. 13,0 13,1 13,2 Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  14. Álvarez Blázquez recólleo como refrán na súa compilación do Refraneiro do Viño, sen explicación de qué "Nosa Señora dos Arcos" se trata.
  15. Saudade nº 4, xullo 1943, 29.
  16. Fermín Bouza Brey 1929, 177.
  17. Fermín Bouza Brey 1929, 181. No orixinal: valorento, perdel-o.
  18. Fermín Bouza Brey 1929, 186.
  19. Fermín Bouza Brey 1929, 197. No orixinal: âs uvas, ô bacelo, todo-os, tên pruma (pero ten pelo).
  20. O colector desta cantiga, Pérez Ballesteros, explica que "Pelengrina é unha parroquia do Burgo, próxima á Coruña"; actualmente, O Burgo é lugar e parroquia do concello limítrofe de Culleredo, e nin Pelengrina nin forma parecida figuran no Nomencátor. Elviña é parroquia próxima á Coruña. Segundo Eladio Rodríguez, a perrita é unha "copa de aguardiente de caña, que tomaban en La Coruña los pescadores y marineros en ayunas, para entonar el estómago, al salir a sus faenas. Esta costumbre antigua llamábase 'toma-la perrita', y desapareció en la primera veintena del actual siglo" (refírese ó século XX).
  21. Fermín Bouza Brey 1929, 172. No orixinal: Noya, Són.
  22. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: Si tu vira lo que vin/ na feyra do Carballiño,/ vinte cinco xastres juntos/ bebend'un neto de viño
  23. Fermín Bouza Brey 1929, 195.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • ANÓNIMO (X. M. Álvarez Blázquez): Refraneiro do viño. Ed. Castrelos. Col. O Moucho. Vigo 1974.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Universidade de Santiago (VERBA, anexo 27), Compostela 1985.
  • Ramón Anxo Martíns Seixo: "'Perdóolle o mal que me fai polo ben que me sabe'. Unha aproximación aos campos semánticos da comida e da bebida na fraseoloxía galega", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 463-486.
  • NOIA CAMPOS, Camiño, e outros: Diccionario de sinónimos da lingua galega. Galaxia, Vigo 1997.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
  • VARIOS: Diccionario normativo galego-castelán. Galaxia, Vigo 1992.
  • VARIOS: Diccionario Xerais da lingua. Xerais, Vigo 1988.