ACUDE

organización de Culleredo

ACUDE é un movemento veciñal que pretende impulsar un proceso de renovación política en Culleredo. O movemento comezou a xerarse en agosto de 2014, cando se reuniron no Burgo representantes do Partido da Terra e de Piratas de Galicia, a fin de buscar unha alianza de cara ás eleccións municipais de 2015 e de crear o soporte preciso para un movemento plural con listas abertas baseado na participación cidadá[1].

ACUDE
Tipoorganización
Data de fundación2014
SedeCulleredo
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Ideoloxía editar

O proxecto parte de persoas que non ocupan nin ocuparon cargos públicos e refuga da estrutura piramidal e xerárquica, de modo que cada persoa que se participa en ACUDE ten a mesma capacidade de decisión que o resto. Por outra banda, estabelécese a defensa dos dereitos das persoas como algo básico, sen lle restar a importancia que merecen os dereitos dos animais. ACUDE procura, por tanto, a igualdade entre os individuos.

Como un movemento plural, componse de persoas que a priori parten de diferentes posicionamentos ideolóxicos, se ben existen os seguintes puntos básicos comúns:

  • Democracia directa: é dicir, os veciños e veciñas votarán as decisións que lles afectan directamente.
  • Máis transparencia: apostan pola transparencia como elemento fundamental. De feito, ACUDE publica os seus gastos e contas.
  • Máis dereitos: cando o permita a lexislación, intentarán dotar os cidadáns e cidadás de máis dereitos, a comezar "polo dereito a decidir e polo dereito á participación real e efectiva na vida política".
  • Política do pobo e para o pobo: enténdese que ao aplicar o modelo de democracia directa o poder recaerá no pobo, de xeito que todas as decisións aprobadas en principio responderán ao ben común, se ben esas decisións non poden ser contrarias á Declaración Universal dos Dereitos Humanos e á Declaración Universal dos Dereitos dos Animais

Igualmente, búscase a descentralización das diferentes zonas ou parroquias.

Eleccións municipais de 2015 editar

Se ben ACUDE naceu coa intención de participar nas eleccións municipais de 2015, finalmente os integrantes do colectivo decidiron retirar a candidatura.

A partir de finais de xaneiro de 2015, integrantes da Asociación Círculo Podemos de Culleredo comezaron a colaborar con ACUDE e, froito desta circunstancia, xurdiu a vontade de concorreren ambas as formacións nunha candidatura común, iniciativa que comezou a tomar forma durante os últimos días de febreiro. No entanto, graves incidentes provocaron a ruptura da alianza a principios de abril[2]

Poucos días despois de ser anunciada esta ruptura, diversos medios de comunicación publicaban a existencia dunha rolda de negociacións entre a Asemblea Cidadá de Cambre, a Asemblea Cidadá de Carral, Alternativa dos Veciños de Oleiros e ACUDE (tamén se citaba á Marea Veciñal de Culleredo)[3][4] destinadas á consecución dun hipotético pacto de cara a obter deputados provinciais na Deputación da Coruña. Porén, ACUDE desmentiu esta información[5].

Por outra banda, debido a un erro de tramitación, ACUDE ve imposibilitada a opción de concorrer ás municipais como coalición e, por iso, opta por presentarse como Piratas de Galicia[6]. Non obstante, na Xunta Electoral Central non constaba como tal o representante desta formación, de modo que, para evitar problemas de última hora, a candidatura inscríbese como Partido da Terra-Terra de Culleredo[7].

No entanto, tratábase da única candidatura incompleta en Culleredo e, alén diso, a oposición comezou a difundir rumores respecto a un suposto afán nepotista, pois colaboraban no proxecto tres persoas que eran irmás e outras dúas que gardaban entre si o mesmo grado de parentesco. Se ben ACUDE nunca considerou inmoral esta circunstancia, decidiu retirar a candidatura para evitar que se levantasen suspicacias e animou (sen éxito) a todas as outras candidaturas que presentaban parentes nas listas (polo xeral, parellas sentimentais e primos) a que seguisen o mesmo camiño. Así o expresan nun comunicado, no cal se comprometen a seguir traballando por Culleredo malia non estaren presentes nas urnas[8].

Notas editar

  1. "Acta fundacional". 6 de agosto de 2014. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2014. Consultado o 22 de decembro de 2018. 
  2. "ACUDE rompe coa asociación de Podemos en Culleredo". 
  3. "Artigo en La Opinión". 
  4. El Entorno Metropolitano. "Artigo". Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2015. 
  5. Galicia Confidencial. "Artigo". 
  6. "Comunicado de ACUDE". 
  7. "Comunicado de ACUDE". 
  8. "Comunicado de ACUDE". 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar