21 Días co Galego

21 Días co Galego é unha campaña de dinamización lingüística que puxo en andamento o IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013. Os seus obxectivos son perfeccionar a competencia do alumnado e promover a reflexión individual sobre os propios usos lingüísticos.[1]

Logotipo de 21 Días co Galego.

Iniciouna a profesora Pilar Ponte Patiño con alumnado da ESO e do Bacharelato. O alumnado que participa adquire o compromiso de vivir tres semanas usando a lingua galega en todos os ámbitos, reflexionando sobre o que esa práctica significa. Ao rematar conta nun vídeo a súa experiencia nas últimas 24 horas.[2] En 2015 recibiu o premio de innovación educativa en normalización lingüística convocado pola Consellería de Educación.[3]

En 2016 sumouse o profesor Carlos Medrano con alumnado do colexio Fogar de Santa Margarida da Coruña. Participan escritoras/es, artistas, músicas/os como apoio. Entre elas/es Agustín Fernández Paz, Mercedes Peón, Elena Gallego, Leilía e Roberto Vilar.[2]

Presentación da campaña en 2019.

En 2019, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coordinado por Pilar Ponte, estendeuse ao IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, ao IES Daviña Rei de Monforte de Lemos, ao IES Otero Pedrayo de Ourense e ao IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e cambiou o nome a 21 días co galego e máis[4] chegando en 2021 a 3738 participantes.[5]

Notas editar

  1. "21 días co galego na Pobra do Caramiñal". Consello da Cultura Galega. 19 de febreiro de 2013. Consultado o 31 de maio de 2018. 
  2. 2,0 2,1 F. Freixanes, Víctor (29 de abril de 2018). "21 días co galego". La Voz de Galicia. Consultado o 31 de maio de 2018. 
  3. "El IES recibe un premio de innovación educativa por su proyecto “21 días co galego”". Diario de Arousa. 23 de abril de 2015. Consultado o 31 de maio de 2018. 
  4. Marcos Pérez Pena (15 de xaneiro de 2019). "Trátase de sacar o galego das aulas, de levalo aos patios e á vida cotiá". Praza Pública. Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 
  5. "Preto de 4000 rapaces de dez centros de ensino comenzan o reto de falar en galego da man de '21 Días co Galego e +'". www.lingua.gal. Consultado o 2021-02-23. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar