Xaneiro na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de xaneiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro, refrán popular galego.

Divisións editar

As sortes son os primeiros doce días do mes de xaneiro e prognostican o que vai acontecer durante cada mes do ano. Así, o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro etc. As resortes son os doce días seguintes, do 13 ó 24, e serven para ratificar ou contradicir ó prognóstico que anunciaron as sortes. Hai quen di[quen?] que hai que fiarse máis do que din as resortes.

Ramón Piñeiro recolleu en Láncara o costume de colocar, o primeiro día de xaneiro, doce areas de sal sobre unha pedra e prognosticar, segundo a humidade que desprenda cada unha delas, a chuvia que caerá durante o mes correspondente.

Os pechos son os días 25 a 28 de xaneiro, e anuncian do mesmo xeito o tempo das estacións (primavera, verán, outono e inverno, respectivamente)

Crenzas e supersticións editar

A lúa de xaneiro, chamada lúa morta, é a mellor para mata-lo porco. A lúa crecente seguinte será a adecuada para salgalo se se quere que medre a carne na artesa, e no minguante seguinte para afumalo e curalo, se non se quere que críe vermes (Rodríguez López:128; Eladio Rodríguez, s. v. lúa). Nunca debe matarse con lúa chea porque o touciño se aluaría.

Tampouco se poden podar as viñas en xaneiro, segundo outros, porque a lúa morta deste mes as deixaría aterecidas coa xiada (Eladio Rodríguez, s. v. lúa).

Santo Amaro, o 15 de xaneiro, é avogoso contra a reuma. En Castro Caldelas é en tal ocasión cando se proban os chourizos novos. Nesa mesma vila celébrase a Festa dos Fachós o 19 de xaneiro a véspera de San Sebastián.

Chámase fogo novo ó que se prende o día de Aninovo, utilizando a tal fin o da noite anterior (Eladio Rodríguez, s. v. fogo [1]).

Literatura popular editar

Locucións editar

  • Andar á xaneira, Andar de xaneira/ de xaneiro: en sentido recto, estar unha gata en celo. Por extensión, dise dos mozos que andan pola noite buscando aventuras amorosas, como os gatos en celo.
  • Andar ás celeiras coma as gatas xaneiras.
  • Andar como os gatos en xaneiro.

Refraneiro editar

 
A verdura en xaneiro sabe a carneiro
  • A auga de xaneiro mata ó usureiro [2][3].
  • A ferreña de xaneiro non vai ao palleiro.
  • A ferreña de xaneiro non vai ao poleiro.
  • A galiña nada no xaneiro pon o ovo no colmeiro.
  • A galiña no xaneiro pon no colmeiro.
  • A madeira da túa casa, en xaneiro has de cortala.
  • A perdiz no xaneiro caga pró escopeteiro.
  • A pescada en xaneiro val por carneiro [4].
  • A raia en xaneiro sabe a carneiro.
  • A verdura en xaneiro sabe a carneiro.
  • As patacas de xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro.
  • As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán [5].
  • As verzas por xaneiro saben a carneiro.
  • Auga de xaneiro astra a sega ten tempero [2][6].
  • Auga de xaneiro, cada pinga val diñeiro [2].
  • Auga de xaneiro, todo o ano ten tempereiro [2].
  • Auga en febreiro, millor que en xaneiro [2].
  • Cando as ras cantan no xaneiro, sinal de fame en todo o eido.
  • Cando non chove en xaneiro, non hai bo prado nin bo lameiro [7].
  • Cantos días pasen de xaneiro, tantos allos perde o alleiro [8].
  • Coa lúa de xaneiro, vese a formiga no carreiro.
  • Dazasete de xaneiro, San Antonio verdadeiro; día trece de San Xoán, San Antonio mentirán [9].
  • Dazasete de xaneiro, Santo Antón lacoeiro [10].
  • De xaneiro a xaneiro, come carneiro.
  • Día de Santa Inés chuvia unha soa vez [11].
  • Dios nos libre do polvo de xaneiro e do lodo de agosto [12].
  • En abril, augas mil, e en xaneiro come carneiro.
  • En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo galo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro [13]
  • En xaneiro a faneca sabe a carneiro [14].
  • En xaneiro, a lebre co cu no lameiro.
  • En xaneiro a raia val carneiro [14].
  • En xaneiro, a vella saca as madeixas ó turreiro.
  • En xaneiro, a verza é carneiro.
  • En xaneiro, abrígate con dúas capas e un sombreiro.
  • En xaneiro bota ó obreiro, antes na sebe ca na parede, non polo día senón pola pedra que está fría.
  • En xaneiro busca a lebre co cu no bulleiro.
  • En xaneiro, camiseiro.
  • En xaneiro media arca e medio palleiro e o porco enteiro.
  • En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
  • En xaneiro, mete obreiro, antes na sebe que na parede.
  • En xaneiro, mete obreiro [8].
  • En xaneiro, namoreime, en febreiro, caseime ... e amoleime.
  • En xaneiro, nin galgo leboreiro nin falcón perdigueiro.
  • En xaneiro, pon o alleiro [8].
  • En xaneiro sabe o polbo a carneiro [14][15].
 
En xaneiro, sete lobos no carreiro
  • En xaneiro, sete lobos no carreiro.
  • En xaneiro, sete lobos polo carreiro.
  • En xaneiro, trompos ó fumeiro.
  • En xaneiro, vaite ó outeiro: se ves verdegar, ponte a chorar; se ves terrexar, ponte a cantar.
  • En xaneiro, verza vella val carneiro [16].
  • En xaneiro visita o outeiro: si ves verdegar ponte a chorar, si ves terrexar, ponte a cantar.
  • En xaneiro xa a abella pon os pés no salgueiro.
  • En xaneiro, xéase a auga no caldeiro.
  • En xaneiro xiadeiro non ha faguer a ovella máis pisada ca no rigueiro [12].
  • Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro.
  • Eu son o pito cairés, que naceu polo xaneiro; se o raposo me non come, hei de cantar no poleiro [17].
  • Eu son o pito do cairo, que nacin no mes de xaneiro, se o raposo non me come, he de cantar no poleiro.
  • Gato do mes de xaneiro vale un carneiro.
  • Inda non veu xaneiro pra poñe-lo pé diante do compañeiro.
  • Lúa, a de xaneiro, amor, o primeiro.
  • Lúa, a de xaneiro; e cariño, o primeiro.
  • Lúa de xaneiro non tèn aparceiro.
  • Lúa de xaneiro non ten compañeiro, senón a de agosto, que lle dá no rosto.
  • Moita chuvia en xaneiro, mala anada no cabaceiro [18].
  • Nadal, mollado; e xaneiro, ben xiado [19].
  • No menguante de xaneiro corta o teu madeiro.
  • No mes de xaneiro rube ao outeiro, si ves verdexar ponte a chorar, si ves negrexar; ponte a beilar [20].
  • No mes de xaneiro sobe ó outeiro. Se ves verdear ponte a chorar, se ves estercar ponte a cantar.
  • No mes de xaneiro, súbete ao outeiro; se ves os teus campos verdexar, ponte a chorar; se terrexar, ponte a cantar [21][22].
  • No mes de xaneiro súbete ó outeiro, se ves terrexar bótate a cantar, e se ves verdexar, bótate a chorar.
  • No xaneiro busca a lebre co cu no bulleiro.
  • No xaneiro pon o sombreiro.
  • Non hai amor coma o primeiro nin lúa coma a de xaneiro.
  • Non hai amor firme coma o primeiro nin lúa coma a de xaneiro.
  • Non hai lúa coma a de xaneiro nin amor coma o primeiro, senón a de agosto, que lle dá no rostro.
  • Non hai lúa coma a de xaneiro nin amor coma o primeiro.
  • O año de xaneiro é o millor carneiro.
  • O besugo en xaneiro viste coma un cabaleiro.
  • O boi e o leitón, en xaneiro crían riñón [23].
  • O día de san Sebastián ceiba as moscas Satanás.
  • O madeiro pra túa casa, córtao no xaneiro.
  • O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.
  • O pito de xaneiro, coa súa nai sobe ó poleiro [17].
  • O polo de xaneiro, no San Xoan xa está comedeiro [24].
  • O polo de xaneiro polo san Xoán está comedeiro.
  • O polo de xaneiro vale carneiro.
  • O polo de xaneiro, polo San Xoán está comedeiro.
  • O polo en xaneiro, coa sua nai sobe ó poleiro [24].
  • O que en xaneiro non cava os terróns, en agosto queima os collóns.
  • O que queira comer morriña, coma carneiro en xaneiro e en maio galiña.
  • O que queira comer morriña, coma en xaneiro carneiro i en maio galiña.
  • O que sexa meu amigo verdadeiro, véñame ver o vinte de xaneiro.
 
Dazasete de xaneiro, Santo Antón lacoeiro
  • O Santo Antón verdadeiro é o dazasete de xaneiro.
  • O sol de xaneiro non ten compañeiro.
  • O vinte e un de xaneiro, unha hora por enteiro.
  • Obreiro en xaneiro, pan che comerá e obra non fará.
  • Ollomol de xaneiro vale un carneiro [25].
  • Os amores de xaneiro son os que enfrían primeiro.
  • Os pitos de xanerio, pouquiños van ó poleiro [17].
  • Para a túa casa o madeiro córtao no xaneiro.
  • Picoreiro súbete ó picouto, e se no mes de xaneiro veres verdegar, bótate a chorar, e se os ves queimados, ponte a bailar.
  • Pito de xaneiro non vai coa sua nai ó poleiro.
  • Pito de xaneiro, vai coa súa nai ó poleiro [8].
  • Poda en xaneiro, vindima no sombreiro [26].
  • Polo aninovo púxome a pita un ovo, e polos Reis xa tiña seis [27]'
  • Polo de xaneiro, cada pruma val diñeiro [24].
  • Polo río abaixo vai un pexegueiro que bota pexegos no mes de xaneiro.
  • Polo santo Amaro andan os trompos polo tellado [28]
  • Polo San Antón, xa a galiña pon [29][30].
  • Polo santo Antón xa a galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
  • Polo san Martiño, trompos ó camiño, e polo santo Amaro, trompos ó tellado.
  • Polo san Sebastián coida o teu fabal.
  • Polo san Sebastián coñez o día o pailán [31]
  • Polo san Sebastián laranxiñas na man.
  • Polo san Sebastián medra o día o paso dun can.
  • Polo san Vicente perde o inverno un dente [32].
  • Polo san Vicente ten o día unha hora máis, metá pola mañán, metá polo serán.
  • Polo san Vicente perde o inverno un dente.
  • Polo san Vicente toda a auga é semente.
  • Por santo Amaro, trompos ó faiado.
  • Por santo Amaro, trompos ó tellado.
  • Por santo Antón, a galiña pon.
  • Por santo Antón, trompos ó caixón.
  • Por san Sebaschán, a laranxa na man.
  • Por san Sebastián algueira o pailán.
  • Por san Vicente da Roda medra o día unha hora.
  • Por san Vicente pon os nabos da semente.
  • Por san Vicente, unha hora de creciente.
  • Por san Xulián medra o día un pasiño de can [33]
  • Por san Xullán adianta o día o paso dun can.
  • Porca de xaneiro vai ca súa mai ó fumeiro.
  • Porco de xaneiro vai ca súa mai ó fumeiro.
  • Prá túa casa, o madeiro cortado sempre no xaneiro.
  • Pra túa casa, o madeiro córtao no xaneiro.
  • Queimemo-lo loureiro no mes de xaneiro.
  • Quen colle a aceitona antes de xaneiro, deixa o aceite no oliveiro.
  • Quen labra no xaneiro labra para o ano enteiro.
  • Quen ora en xaneiro, ora para o ano enteiro.
  • Raia en xaneiro sabe como o carneiro [34].
  • Raia pescada en xaneiro sabe a carneiro.
  • San Antonio de xaneiro, se fai sol, bota as pipas ó canteiro, e se chove bótaas ó fumeiro [12][35].
  • San Martiño, trompos ó camiño; San Amaro, trompos ó faiado [12].
  • San Sebastián, vinte de xaneiro, cando ceiba a mosca do demo.
  • San Vicente do inverno bota unha brasa ós regueiros.
  • San Vicente pequeniño é un santo chirifeiro, que nos dá a nosa festa o vinte e dous de xaneiro.
  • San Xulián garda o viño e garda o pan [36]
  • San Xullán, garda viño e pan.
  • Santo Antón vello e tristeiro, convida ás rapazas ao rezadeiro[37].
 
Se chove no día de San Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro; e se está claro, pipas ó canteiro
  • Se chove día de Santo Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro, i si está claro, pipas ó canteiro.
  • Se chove en Santo Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro, se non, pipas ó canteiro.
  • Se chove no día de San Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro; e se está claro, pipas ó canteiro [38].
  • Se en xaneiro tose o neno, non teñas medo; se tose no mes da sega, pode ir pra terra.
  • Se queres ter bo alleiro, pon o allo no xaneiro.
  • Se se soubera o que sabe a galiña no xaneiro, non quedaba unha no galiñeiro.
  • Se trona en xaneiro, sobe as cubas ó fumeiro [39].
  • Seco xaneiro, abundancia no graneiro.
  • Si se soupera o que sabe a galiña no xaneiro, non quedaba unha no galiñeiro [30].
  • Sol de xaneiro, porco ó bulleiro [40].
  • Tanto dirán “Heilas, heilas”, que veñan nas quendas xaneiras.
  • Tódolos días que pasan de xaneiro son allos que perde de da-lo alleiro.
  • Un bo día de xaneiro é un lobo no quinteiro.
  • Un día bo en xaneiro, mao no eido.
  • Verzas en xaneiro saben coma carneiro.
  • Xaneiro, alleiro [41].
  • Xaneiro añeiro, e febreiro cabriteiro [42].
  • Xaneiro arde verdadeiro.
  • Xaneiro é oveiro.
  • Xaneiro frío ou templado, pásao arroupado.
  • Xaneiro muliñeiro, nin boa meda nin bo palleiro.
  • Xaneiro piardeiro [43].
  • Xaneiro quente trae o demo no ventre.
  • Xaneiro verceiro, nin boa meda nin bo palleiro.
  • Xaneiro, xeadeiro; febreiro, grileiro.
  • Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estes meses cas súas mulas co seu carro.
  • Xaneiro, xiadeiro.
  • Xaneiro xiadeiro, febreiro escarabanadeiro, marzo amoroso, abril chuvioso, maio ventoso, San Xoán caloroso, que fai o ano formoso.
  • Xaneiro xiado e abril mollado enchen o faiado.

Cantigueiro editar

 
Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ dá castañas en agosto,/ uvas brancas no xaneiro
  • Ano novo aí nos vén,/ Dios nolo traia con ben,/ Dios nos dea tantas ovellas/ como no ceo hai estrellas [44].
  • Ano novo con ben veñas,/ como o sol entre as estrelas,/ os cabritos coas cabras/ e os años coas ovellas [45].
  • Chamácheme pito cairo/ Porque nacín en xaneiro;/ Déixame chegar a maio,/ xa cantarei no poleiro [46].
  • Chamáchesme pita choca/ porque nacín en xaneiro;/ inda tu non é-lo galo/ que canta no meu poleiro [47].
  • Chamáchesme pito cairo/ porque nacín no xaneiro,/ tu no has de se-lo galo/ que cante no meu poleiro [48].
  • Chamáchesme pito louco/ alá no mes de xaneiro;/ se me a raposa non come/ hei cantar no teu poleiro.
  • Chamásteme pito cairo / porque nascín en xaneiro; / se non me come o raposo / inda che hei d’ir ó poleiro.
  • De ise outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro/ que dá peras no San Xoán,/ uvas blancas no xaneiro [49].
  • Do outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro/ que dá castañas e noces/ i aceitunas no xaneiro [50].
  • Meu divino san Vicente,/ olliños de lagarteiro,/ moito me alegras, meu santo,/ o vintedous de xaneiro.
  • Meu santiño San Antón,/ San Antón o cacholeiro,/ caséime por San Antón,/ volvín á casa solteiro.[51].
  • Miña rosa do canizo,/ meu caravel do fumeiro,/ tanto tes no mes de maio/ como no mes de xaneiro [52].
  • Naquela banda do río,/ ten meu pai un castiñeiro,/ bota castañas no outono/ uvas no mes de xaneiro.
  • Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ dá castañas en agosto,/ uvas brancas no xaneiro.
  • No alto de aquela serra/ ten meu pai unha tapada/ que dá uvas no xaneiro/ e llas non queima a xiada [53].
  • Polo mar abaixo, polo mar arriba,/ polo mar abaixo vai unha sardiña,/ vai unha sardiña, vai un pexegueiro/ que leva pexegos no mes de xaneiro [54].
  • San Vicente de Marantes/ é un santo moi galanteiro/ quere que lle fagan a festa/ o vintedous de xaneiro [55].
  • ¡Vállame dios! o arado/ cal si labra dianteiro,/ tanto ten no mes de maio,/ como no mes de xaneiro.

Os Reises editar

  • Ano novo aí nos vén,/ Dios nolo traia con ben,/ Dios nos dea tantas ovellas/ como no ceo hai estrellas [56].
  • Ano novo con ben veñas,/ como o sol entre as estrelas,/ os cabritos coas cabras/ e os años coas ovellas [57].
  • Aquí non nos deron/nin miga de cousa/De hoxe nun ano estean/debaixo da lousa.
  • Cantámosche os Reises/ guedella de cabra/ cantámosche os Reises/ non nos deche nada.
  • Cantámoslle os Reis/ guedellos de cabra;/ cantámoslle os Reis/ e non diches nada.
  • De lexos chegamos/ os que aquí estamos/ se nos dan licencia/ os Reises cantamos.
  • Deannos os Reises,/ señores, por Dios,/ deannos os Reises/ e queden con Dios.
  • Díanno-los reises/ un vaso de viño,/ algo do fumeiro/ i os ovos do niño [58].
  • Díanno-los reises:/ figos, chourizos e viño/ e tamén algún diñeiro/ para merca-lo pantrigo [59].
  • Díano-los reises/ anque sean poucos:/ un touciño e medio/ i a mitai do outro [60].
  • Esta casa está faiada,/ faiadiña de loureiro;/ que por moitos anos vivan/ os señores que están dentro [61].
  • Moitos anos viva/ a ama da casa/ pois no aguinaldo/ nunca foi escasa.
  • Os señores desta casa/ están todos na cociña;/ hoxe, que é día de Reises,/ hannos dar unha carniña [62].
  • Pandeira de catro esquinas/ ben pudera ser de seis/ ben pudera esta meniña/ conmigo canta-los Reis [63].
  • Pra leva-los reises/ traguemos un saco,/ diánno-los cartos/ pra mercar tabaco</ref> Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 136. No orixinal: levalos, diannolos.</ref>.
  • Pra leva-los reises/ veña ise fardel,/ levades ben cousas,/ podendes comer [64].
  • San José e mais María/ ambos van para Belén,/ iles van cantar os reises,/ cantémolos nós tamén [65].
  • Traemos a bota/ para levar o viño/ pa levar os ovos/ ó noso cestiño.
  • Veña logo o aguinaldo/ que nos queremos marchar,/ que temos que ir a outras casas/ tamén os reises cantar [66].
  • Veña logo unha copiña,/ que a noite está de xiada;/ escorrentémo-lo frío/ i en honor do Neno vaia [67].
  • Veña o aguinaldo logo,/ figos, viño e lacós:/ somos bos de conformar,/ non somos nada lapós [66].
  • Veñan pra eiquí tres duriños,/ que nesta casa hai fartura/ e nós comemos no ano/ moitas veces bica dura [66].

Notas editar

  1. Indica que tal costume se segue "en varias comarcas gallegas", pero non concreta cales. Engade que esta cerimonia "se realizaba y aún se realiza con cierta solemnidad en las casas que mantienen viva la tradición
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  3. No orixinal: i-auga (ERG).
  4. Lino Lema Bouzas, 2.
  5. Fontán é lugar de Sada. San Sebastián é o 20 de xaneiro.
  6. No orixinal: hastr'a, tèn (ERG).
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro.
  9. Elixio Rivas Quintas (1978). San Antón verdadeiro é San Antón Abade, o lacoeiro e protector dos animais; e San Antón mentirán é San Antonio de Padua, o de Lisboa, o casamenteiro.
  10. O libro do porco, 36.
  11. É dicir, choverá todo o día. Santa Inés celébrase o 21 de xaneiro. Fonte: Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: dia, Sta. Ines, sòla.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Elixio Rivas Quintas (1978).
  13. Son as fases da vida do lobo.
  14. 14,0 14,1 14,2 Lino Lema Bouzas, 4.
  15. Clodio González Pérez, 142.
  16. Esta preferencia polas verzas de xaneiro obedece a que os fríos deste mes, as xeadas das noites de xaneiro, curten as verzas e fannas máis saborosas. Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro. No orixinal: berza.
  17. 17,0 17,1 17,2 Eladio Rodríguez González, s. v. pito.
  18. Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia.
  19. Eladio Rodríguez González, s. v. Nadal.
  20. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  21. Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro. No orixinal: ó outeiro, velos.
  22. Xosé Luís Franco Grande (1972).
  23. O libro do porco, 38.
  24. 24,0 24,1 24,2 Eladio Rodríguez González, s. v. polo.
  25. Lino Lema Bouzas, 7.
  26. Refraneiro do viño, 54.
  27. Eladio Rodríguez González, s. v. pita.
  28. Santo Amaro, 15 de xaneiro.
  29. Juan Antonio Saco y Arce: Literatura popular de Galicia, 1881. Ed. De J. L. Saco, Ourense.
  30. 30,0 30,1 Eladio Rodríguez González, s. v. galiña.
  31. Alude ó crecemento dos días que a esas alturas a o nota calquera.
  32. San Vicente, 22 de xaneiro.
  33. San Xián ou Xulián, 9 de xaneiro.
  34. Lino Lema Bouzas, 8.
  35. O canteiro son os madeiros sobre os que se colocan os bocois nas adegas.
  36. Porque aínda queda moito inverno por diante. Este Xulián ten que ser San Xián de Antioquía, que se celebra o 9 de xaneiro; hai outro San Xián, o 28 de agosto, ó que non pode referirse o refrán.
  37. Eladio Rodríguez González.
  38. Refraneiro do viño, 36.
  39. Refraneiro do viño, 36. No orixinal: sube.
  40. O libro do porco, 41. Bulleiro é terra chea de lama.
  41. ¿Erro por añeiro?
  42. Eladio Rodríguez González, s. v. ''xaneiro.
  43. Lino Lema Bouzas, 9.
  44. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Ano vello.
  45. Gran Enciclopedia Galega, s. v. año.
  46. Real Academia Galega, s. v. cairo. No orixinal: chamacheme, por que, janeiro, deixame, mayo, ja.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa, 1973, 62. No orixinal: tú, no-élo.
  48. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 62. No orixinal: tú, selo)
  49. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 68.
  50. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 72.
  51. O libro do porco, 46. San Antón cacholeiro –outras veces lacoeiro- recibe este nome porque coida do porco na súa confraría.
  52. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 101.
  53. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108.
  54. Fermín Bouza Brey (1929), 189. No orixinal: pol-o.
  55. San Vicente de Marantes é unha parroquia do concello de Santiago de Compostela.
  56. Gran Enciclopedia Galega, tomo III, s. v. Ano vello.
  57. Gran Enciclopedia Galega, tomo III, s. v. año.
  58. Dada a época na que se cantan os reises, ese algo do fumeiro son chourizos e castañas. Fonte: Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 70. No orixinal: díannolos.
  59. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 70. No orixinal: díannolos, mercalo.
  60. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 70. No orixinal: díanolos.
  61. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 76.
  62. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 126. No orixinal: de esta.
  63. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 128. No orixinal: cantalos.
  64. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 136. No orixinal: levalos.
  65. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 141. No orixinal: e máis.
  66. 66,0 66,1 66,2 Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 161.
  67. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 161. No orixinal: escorrentemolo, neno.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar