Wilhelm Grimm
Wilhelm Karl Grimm, nado en Hanau o 24 de febreiro de 1786, e finado en Berlín o 16 de decembro de 1859, foi un lingüista, literato e mitólogo alemán.
A súa vida e obra estiveron fortemente ligadas ás do seu irmán maior, Jacob, polo que é frecuente escoitar falar dos Irmáns Grimm en conxunto.
Biografía
editarWilhelm Grimm pasou a súa infancia na localidade de Steinau an der Strasse, onde o seu pai fora trasladado como funcionario, e acudiu, xunto co seu irmán Jacob, ao Friedrichsgymnasium, unha escola de ensino medio en Kassel. Posteriormente inscribiuse na Universidade de Marburgo, na cal estudou dereito con Friedrich Carl von Savigny. Despois de terminar os seus estudos volveu vivir coa súa nai en Kassel. Durante longo tempo foille difícil atopar emprego debido a problemas relacionados coa asma e un padecemento cardíaco. Dende 1806, dedicouse a recoller xunto co seu irmán Jacob contos e historias populares coñecidas en alemán como Märchen (contos de fadas), as cales adaptaron e publicaron. En 1809, someteuse a un tratamento en Halle co renombrado médico Reil. Grazas a isto, tivo a oportunidade de coñecer ao compositor alemán Johann Friedrich Reichardt, quen o recibiu hospitalariamente. Xunto con Clemens Brentano viaxou a Berlín, onde viviron en casa de Achim von Arnim. De regreso a Kassel, coñeceu a Goethe, quen o eloxiou polos seus «esforzos a favor dunha cultura durante moito tempo esquecida».
De 1814 a 1829, Wilhelm Grimm foi secretario da biblioteca de Kassel. En 1825 casou con Henrietta Dorothea Wild. En 1831 converteuse en bibliotecario na Universidade de Gotinga, onde catro anos despois obtivo unha cátedra. Debido á súa participación na redacción da carta de protesta dos sete de Gotinga foi destituído do seu cargo e expulsado de Hannover, xunto co seu irmán, polo rei Ernesto Augusto I de Hannover en 1837. O rei de Prusia Friedrich Wilhelm IV convidou os irmáns Grimm en 1842 a Berlín, lugar onde se estableceron. Ese mesmo ano convertéronse en membros da Academia de Ciencias de Prusia. Wilhelm Grimm impartiu clases até a súa morte durante 18 anos na Universidade Humboldt de Berlín, lugar onde traballou xunto ao seu irmán no seu Deutsches Wörterbuch ('Dicionario alemán'). Á parte do traballo en conxunto con Jacob, centrou as súas investigacións na poesía medieval, nas sagas heroicas alemás e nas runas.
Wilhelm e Jacob Grimm son pais dos estudos da antigüidade xermánica, a lingüística xermánica e a filoloxía alemá. Ambos son famosos pola súa colección Kinder- und Hausmärchen ('Contos de nenos e do fogar') publicada en dous tomos entre 1812 e 1815. En 1839, Wilhelm publicou a obra do seu amigo Achim von Arnim; tamén publicou cantases daneses antigos, baladas e contos populares.En xaneiro de 1860, a Academia de Berlín anunciou:
O día 16 do pasado mes morreu Wilhelm Grimm, membro da Academia, quen soubo, como estudoso da lingua alemá e recompilador de sagas e poesías alemás, pór o seu nome en alto. O pobo alemán está habituado a pensar en el e nomealo xunto ó seu irmán Jacob. Poucos homes son tan queridos e venerados como os irmáns Grimm, quen se afanaron e traballaron en conxunto durante medio século.
Os seus restos foron depositados no Antigo Cemiterio de San Mateo no distrito de Schöneberg en Berlín.
Obra científica
editarO traballo científico máis importante de Jacob Grimm é a Gramática alemá (1819-1837), considerada como a orixe da filoloxía xermánica.[1][2] A segunda edición (1822) contén a lei de Grimm da mutación sonora, que supón unha axuda para a reconstrución das linguas mortas. Entre as súas outras obras están Sobre os antigos Meistergesang (menestrais) alemáns (1811), Mitoloxía alemá (1835) e Historia da lingua alemá (1848). Algunhas das obras de Wilhelm Grimm, que inclúen edicións e discusións críticas sobre literatura e folclore medievais alemáns, son Antigas cancións de xesta danesas (1811), Lendas heroicas alemás (1829), A canción de Roldán (1838) e O antigo idioma alemán (1851). Os irmáns Grimm publicaron en 1854 o primeiro volume do monumental Deutsches Wörterbuch, o dicionario alemán de referencia, de 32 volumes concluído en 1954, eles traballaron nel desde 1852 a 1861.
Recompilación de contos do folclore alemán
editarA vida e obra dos irmáns Grimm transcendeu na cultura popular grazas aos seus libros con recompilacións de contos, obras que recollen unha serie de historias que se contaban tradicionalmente aos nenos nas zonas de fala alemá. Por encarga de Friedrich Carl von Savigny, os irmáns Jacob e Wilhem Grimm percorreron distintas áreas alemanfalantes para coñecer e recompilar historias do folclore popular, as cales foron publicadas posteriormente en dous libros que transcenderon no tempo, unha das fontes máis valiosas foi a contacontos Dorothea Viehmann, quen achegou varias das historias que os irmáns Grimm publicaron.[3]
Jacob foi quen máis se comprometera coa difusión de tales obras, fomentando a publicación dalgúns dos contos recompilados en xornais e almanaques para nenos, o que facilitou a súa apropiación polo público infantil, mentres Wilhem encargouse de axustes estilísticos que fixeron máis agradables as obras aos pequenos lectores. As obras editáronse varias veces, o que significou cambios importantes no seu contido, destacando a eliminación de apartes considerados demasiado crueis, como a mutilación das irmás da cincenta en devandita obra.[3]
Contos de Fadas
editarEntre os denominados "contos de fadas" atópanse as seguintes obras destacadas:[4][5]
- Hansel e Gretel
- O amadísimo Rolando
- Contos completos I
- Contos completos II
- Contos completos III
- Contos completos IV
- Brancaneves e o sete enanitos
- Contos tradicionais
- O anano saltarico
- O lobo e o sete cabritos
- O rei dos ladróns e outros contos
- A casiña de azucre
- Os músicos de Bremen
- Rapunzel
- Xoán sen medo
- Brancaneves
- Carapuchiña Vermella
Notas
editar- ↑ "Wilhelm Grimm". Consultado o 16 de diciembre de 2016.
- ↑ "Cuentos de Grimm, 125 Cuentos de Hadas de los Hermanos Grimm en español, con Ebook gratuito y con ilustraciones enseñanzas consejos o moralejas". Consultado o 16 de diciembre de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 "Hermanos Grimm, los coleccionistas de cuentos" (en castelán). 2019-01-10. Consultado o 2022-05-03.
- ↑ "Jacob Ludwig Karl Grimm - EcuRed". Consultado o 2022-05-03.
- ↑ Grimm, Jacob (2018). Cuentos de los hermanos Grimm. ISBN 978-84-15618-70-6. OCLC 1029569885. Consultado o 2022-05-03.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Wilhelm Grimm |
Ligazóns externas
editar- Dicionario dos Irmáns Grimm Arquivado 04 de marzo de 2014 en Wayback Machine. (en alemán)