Wikipedia:Sobre Galicia/xullo 2019

Seis poemas galegos é un poemario do poeta e dramaturgo español Federico García Lorca (1898–1936), unha escolma de seis poemas en galego, unha homenaxe á paisaxe e a lingua de Galicia. Escritos entre 1932 e 1934, foron publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editorial Nós (fundada en 1927 por Ánxel Casal), edición príncipe prologada en castelán por Eduardo Blanco Amor. Admirador de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, así como dos poetas medievais galegos Martín Codax e Mendinho, e dos portugueses Luís de Camões ou Gil Vicente, os poemas xorden por mor das viaxes realizadas por Lorca a Galicia dende 1931.

Coa miña chegada a Galicia, elas [as «forzas formidables» de Compostela e a paisaxe] apoderáronse de min de tal xeito que tamén me sentín poeta da alta herba, da choiva alta e pausada. Sentinme poeta galego, e unha imperiosa necesidade de facer versos, o seu cantar obrigoume a estudar a Galicia e o seu dialecto ou idioma, para o marabilloso é igual.  Federico García Lorca, declaracións en Buenos Aires, outubro de 1933.