Wikipedia:Sobre Galicia/agosto 2023
Cuac FM é unha radio comunitaria que emite desde 1996 no 103.4 FM da Coruña e a través de Internet. Está xestionada pola asociación cultural Colectivo de Universitarios Activos, que dá nome á emisora; esta asociación foi declarada no ano 2021 de utilidade pública pola Xunta de Galicia.
A radio está situada nun edificio do Campus da Zapateira, da Universidade da Coruña, onde se atopa o estudio José Couso (ou estudio 1) e a redacción da emisora. Dende o 29 de xaneiro de 2011 está en funcionamento o estudio ou estudio 2 (estudio de gravación) Alexandre Bóveda. Desde 2015, a Escola de Radio e Asociacionismo da emisora sitúase no anexo do edificio. A súa a actual presidenta é Paula Alonso.
Desde a súa fundación foi canteira de numerosos comunicadores de prensa escrita, radio e televisión, tales como Hugh McGinley, Antón Lezcano, Txury Ferrer, Tomás Legido, Mariano Fernández, Víctor Grande, Estíbaliz Espinosa, Fernando Molezún, Teba Chacón, Javier Lojo, Isaac González, Álvaro Valiño ou Francisco Dotras. Os seus padriños de honra son o escritor e periodista Manuel Rivas e o tamén escritor e músico Xurxo Souto.