Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2021

Aleksandr Vasilevich Kolchak (en ruso: Александр Васильевич Колчак), nado en San Petersburgo o 4 de novembroxul./ 16 de novembro de 1874greg.e finado en Irkutsk o 7 de febreiro de 1920, foi un mariñeiro, militar e explorador do Ártico ruso, caudillo do movemento antibolxevique coñecido como Movemento branco durante a guerra civil rusa, que dirixiu en Siberia un goberno oposto ao de Lenin desde novembro de 1918 ata febreiro de 1920.

Kolchak comezou a súa carreira como oficial, oceanógrafo e hidrólogo da Armada Imperial Rusa e foi membro e logo comandante de varias exploracións polares auspiciadas pola Academia de Ciencias de Rusia. A illa Kolchak, situada no mar de Kara, foi bautizada na súa honra. Durante a guerra ruso-xaponesa (1904-1905) distinguiuse no sitio de Port Arthur cando unha mina lanzada desde o destrutor ao seu mando afundiu o cruceiro xaponés Takasago. Despois da guerra foi un dos renovadores da frota rusa e participou na creación do Estado Maior da Armada, o equivalente da Stavka. Durante os primeiros anos do século XX, alternou os seus estudos científicos e exploracións coas súas tarefas de modernización da Mariña rusa no Estado Maior.

Unha vez comenzada a primeira guerra mundial, tomou parte en diversas accións en defensa do Báltico, a cuxa frota estaba asignado como capitán do buque insignia. En 1916, grazas aos seus actos de heroísmo e habilidades, converteuse no máis novo vicealmirante da Armada Imperial de todos os tempos e obtivo o mando da frota do mar Negro, onde se distinguiu de novo ao lograr controlar este e asegurar os transportes aos exércitos que combatían no Cáucaso. Despois da Revolución de Febreiro de 1917, apoiou ao Goberno provisional ruso, confiando en que axudaría a reforzar a moral e continuaría as operacións militares contra os Imperios Centrais ata a vitoria. A radicalización da situación política fíxolle, porén, abandonar o seu mando a finais do verán.

Debido á Revolución de Outubro e a firma do tratado de paz con Alemaña, aceptou converterse en ministro de Guerra do goberno ruso antibolxevique con sede en Omsk. En novembro de 1918, os social-revolucionarios foron expulsados do goberno antibolxevique de Omsk nun golpe de Estado e Kolchak foi elixido «gobernante supremo» de Rusia.