Wikipedia:Artigo destacado/xaneiro 2019

O ukiyo-e (浮世絵 AFI[u.ki.jo.e], "pintura[s] do mundo flotante") é un xénero de arte xaponesa que floreceu entre os séculos XVII e XIX. Os seus artistas produciron impresións xilográficas e pinturas de mulleres, actores de kabuki e loitadores de sumo, escenas históricas ou de contos populares, escenas de viaxes e paisaxes, flora e fauna ou escenas eróticas. As primeiras obras que acadaron o éxito popular foron as pinturas e impresións monocromáticas de mulleres fermosas de Moronobu nos anos 1670. A impresión en cor introduciuse posteriormente de forma gradual, inicialmente engadida a man para pedidos especiais. Na década de 1740 outros artistas como Masanobu usaron múltiples pranchas de madeira para estampar zonas de cor.

Os especialistas en arte xaponesa outórganlle gran valor ós retratos de mulleres fermosas e de actores que produciron a finais do século XVII algúns dos considerados mestres deste xénero, como Kiyonaga, Utamaro e Sharaku. No século XIX seguíronlles outros dous dos considerados mestres do xénero, que destacaron polas súas paisaxes: Hokusai, autor da Grande onda de Kanagawa, unha das obras de arte xaponesa máis coñecidas; e Hiroshige, célebre pola súa serie das Cincuenta e tres estacións de Tōkaidō. O ukiyo-e foi un dos principais elementos na formación da percepción occidental da arte xaponesa a finais do século XIX, especialmente grazas as paisaxes de Hokusai e Hiroshige. Dende a década de 1870 o xaponismo pasou a ser unha tendencia prominente e tivo unha grande influencia nos primeiros impresionistas como Degas, Manet e Monet, así como en postimpresionistas como van Gogh e artistas de Art Nouveau como Toulouse-Lautrec.