Pintura do Xapón

A pintura do Xapón (絵画?, kaiga, ou tamén gadō 画道) é aquela que se produciu no territorio de devandito país, ou por artistas nados no mesmo. É unha das máis antigas e refinadas artes nipoas, abranguendo unha ampla variedade de xéneros e estilos. A historia en xeral da arte xaponesa, do mesmo xeito que a historia da pintura do Xapón, é unha síntese extensa e unha competición constante entre a estética xaponesa e a adaptación de ideas importadas do estranxeiro. As primeiras referencias pictóricas do Xapón poden albiscarse nas cerámicas e murais pintados con deseños xeométricos sinxelos do período prehistórico Jōmon. No período Nara, a dinastía chinesa Tang influenciaría o estilo da pintura xaponesa relixiosa e da corte.

"Ameixeiras brancas en primavera" (c.1705-10), por Ogata Kōrin. A pintura está realizada baixo o estilo Yamato-e, empregando unha técnica de tempera seca que salienta a sinuosidade das liñas conseguindo un efecto de expansión do espazo que supera os límites propios da obra, e que é tipicamente xaponés. Os patróns e movementos das liñas influenciaron en gran medida a corrente artística do Modernismo.[1]

Porén, o verdadeiro desenvolvemento da pintura xaponesa ocorrería no período Heian, co xurdimento do estilo tradicionalista nipón chamado Yamato-e, no cal salienta a pintura sobre rolos de pergamiño coñecidos como (emaki), e entre as obras máis importantes consta a lenda de Genji Monogatari. Na época Kamakura prolongaríase a elaboración dos emakis, pero cun enfoque cara á pintura relixiosa, en especial as representacións de Buda Amitābha executadas pola seita Shingon. Posteriormente, na era Muromachi salientaríase a pintura monocromática en tinta, a cal posuía unha profunda influencia da cultura chinesa e que foi promovida principalmente polos monxes zen a través do estilo Sumi-e. No período Azuchi-Momoyama a pintura decorativa de palacios adquiriría unha gran xerarquía, exaltando o uso de láminas de ouro sobre superficies a grande escala. Esta tendencia pictórica foi patrocinada polos shōgun e foi categorizada como a arte oficial por excelencia desta clase social. Na era Edo floreceu a escola de pintura decorativa Rinpa que se centraba en temas tradicionais e impulsou o renacemento do estilo Yamato-e. Os seus principais expoñentes foron Ogata Kōrin, Tawaraya Sōtatsu e Honami Kōetsu.

A inicios do período Meiji a pintura xaponesa sufriu un cambio profundo debido a que o goberno xaponés promulgou unha campaña de occidentalización fomentando a pintura Eōga na que se promovía un enfoque na cultura europea. Esta tendencia perdeu forza a medida que xurdiu un xénero artístico oposto que buscaba recuperar as raíces culturais xaponesas que se debilitaran e que foi chamado Nihonga. A pesar das diferenzas estilísticas de ambos os movementos pictóricos, a finais da era Meiji os dous xéneros iniciaron un proceso de síntese.

Notas editar

  1. Piper (2004), p.296

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar