Na historia do Xapón, o termo shōgun (将軍, lit. «comandante do exército») refírese a un rango militar e título histórico concedido directamente polo emperador. A verba shōgun é a abreviación de seii taishōgun (征夷大将軍, lit. «gran xeneral que acouga os bárbaros"),[1] nomeamento que até 1192 fora temporal[2] e era empregado para referirse ó xeneral que comandaba o exército enviado a combater os emishi, que habitaban no norte do país.

Minamoto no Yoritomo, primeiro shōgun do shogunato Kamakura.

Durante o século XII e até o ano 1868,[3] o shogun constituíuse como o gobernante de facto de todo o país, aínda que, teoricamente, o emperador era o lexítimo gobernante e dispoñía de autoridade no shogun para gobernar no seu nome.[4] Durante este tempo, o emperador viuse obrigado a delegar completamente calquera atribución ou autoridade civil, militar, diplomática e xudicial a quen tivese este título.[5]

Durante os primeiros contactos con Occidente e mesmo nalgúns países asiáticos, como na China, o shōgun era considerado como o «rei do Xapón», e descoñecíase a existencia de dúas estruturas de autoridade.[6] Actualmente, algúns escritores e historiadores describiron o shogun con apelativos como «ditador militar»[7] ou «xeneralísimo»[8] coa finalidade de explicar as súas funcións a un público non familiarizado coa historia do país.

Ó longo da historia do Xapón existiron tres shogunatos. O primeiro estabeleceuno en 1192 Minamoto no Yoritomo, coñecido como shogunato Kamakura. Este goberno só foi controlado por tres membros do clan Minamoto, xa que o poder usurpouno o clan Hōjō, que baixo o título de rexentes nomeaban a shoguns marioneta, nenos e mozos que non ben cumpriran os vinte anos. O segundo shogunato é coñecido como Ashikaga e foi fundado en 1338 por Ashikaga Takauji. Durante este shogunato, quince membros do clan Ashikaga mantivéronse no poder até que un prominente militar do período Azuchi-Momoyama chamado Oda Nobunaga derrocou o shogun en 1573.[9] O derradeiro foi o shogunato Tokugawa, instituído oficialmente por Ieyasu Tokugawa en 1603[10] e que rematou en 1868 despois da renuncia ó cargo de Tokugawa Yoshinobu,[11] cando o emperador Meiji recuperou o seu papel protagonista na política do país e a figura do shogun foi abolida.

  1. Izuka & Sinclaire, 2001:13.
  2. Turnbull, 2006a:40.
  3. About.com. "what is a Shogun?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2017. Consultado o 20 de xaneiro de 2009. 
  4. Maki, 2008:30.
  5. Kuno, 2007:245.
  6. Fernandes Pinto, Ana. "Japanese elites as seen by jesuit missionaries" (en inglés). Consultado o 9 de febreiro de 2009. 
  7. Gaskin & Cebrian, 2005:11.
  8. Johnson, 2000:741.
  9. Hall, 1988:230.
  10. Bryant, 1995:80.
  11. Turnbull, 1996:153.