Wikipedia:Artigo destacado/outubro 2020

O cazador de papaventos (en inglés: The Kite Runner) é a primeira novela do escritor afgán Khaled Hosseini (na imaxe). Publicada en 2003 por Riverhead Books, conta a historia de Amir, un rapaz do distrito Wazir Akbar Khan de Cabul, cuxo mellor amigo é Hassan. A historia está ambientada nun contexto de conflitos e eventos tumultuosos, dende a caída da monarquía de Afganistán por mor da intervención militar soviética, o éxodo de refuxiados cara a Paquistán e os Estados Unidos, e o alzamento do réxime talibán. Segundo Hosseini, é unha historia da relación entre un pai e o seu fillo que enfatiza os aspectos familiares da narrativa, un elemento que continuou a empregar nos seus traballos posteriores.

Converteuse nun dos mellor vendidos despois de ser impreso en formato de peto e popularizouse en clubs de lectura. Durante dous anos, foi o libro número un entre os mellor vendidos segundo The New York Times, con máis de sete millóns de copias vendidas nos Estados Unidos de América. As críticas foron polo xeral positivas, aínda que algunhas partes do argumento xeraron unha significativa controversia en Afganistán. Logo da publicación creáronse numerosas adaptacións da obra, incluíndo o filme de 2007 The Kite Runner, representacións teatrais e unha novela gráfica.