Wikipedia:Artigo destacado/marzo 2013

The Beatles foi unha banda de rock formada en Liverpool (Inglaterra), activa durante a década dos 60, e recoñecida como unha das máis comercialmente exitosas e criticamente aclamadas na historia da música popular. Formada en Liverpool, estivo constituída desde 1962 por John Lennon (guitarra rítmica, vocalista), Paul McCartney (baixo, vocalista), George Harrison (guitarra solista, vocalista) e Ringo Starr (batería, vocalista). Enraizada no skiffle e o rock and roll dos anos cincuenta, a banda traballou máis tarde con distintos xéneros musicais, que ían desde a balada pop ata o rock psicodélico, incorporando a miúdo elementos clásicos, entre outros, de forma innovadora nas súas cancións. A natureza da súa enorme popularidade, que emerxera primeiramente coa moda da «Beatlemanía», transformouse á vez que as súas composicións se volveron máis sofisticadas. Chegaron a ser percibidos como a encarnación dos ideais progresistas, estendendo a súa influencia nas revolucións sociais e culturais da década de 1960.