Wikipedia:Artigo destacado/abril 2012

Os Boston Celtics son un equipo profesional estadounidense de baloncesto con sede en Boston, Massachusetts, que xoga na División Atlántico da Conferencia Leste na National Basketball Association (NBA). Os Celtics fundados en 1946, propiedade de Wycliffe Grousbeck e adestrados por Doc Rivers, con dezasete campionatos son o equipo da NBA con máis títulos.

A época de maior dominación "celtic" na historia da competición foi de 1957 a 1969, cando conseguiron once campionatos en trece anos, oito deles de xeito consecutivo, o que aínda é a meirande racha de títulos consecutivos gañados por calquera franquía do deporte profesional norteamericano. Actualmente xogan os seus encontros coma local no TD Garden.

Os Celtics dominaron a liga ou desempeñaron un importante papel nos playoffs dende a década de 1950 até os anos 1980. Con todo, despois da morte da segunda elección do Draft Len Bias, en 1986 e de Reggie Lewis en 1993, o equipo caeu nun declive constante, só chegando aos playoffs en catro ocasións dende 1996 até 2007. Mais a franquía volveu recentemente ao cumio da liga, cando Kevin Garnett e Ray Allen se uniron a Paul Pierce durante o 2007, acadando de novo, o 17 de xuño de 2008, o seu decimo sétimo campionato ao derrotar a Los Angeles Lakers por 4-2 nas Finais. Catro Celtics, Bob Cousy, Bill Russell, Dave Cowens e Larry Bird gañaron o premio ao Xogador Máis Valioso da NBA, cun rexistro total de 10 premios en toda a súa historia, o máximo da NBA.