Abrir o menú principal

Vombátidos

(Redirixido desde "Vombatidae")
Vombátidos
Vombatidae
uombats

Rango fósil: mioceno - actualidade
Vombatus ursinus
Vombatus ursinus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Infraclase: Marsupialia
Superorde: Australidelphia
Orde: Diprotodontia
Suborde: Vombatiformes
Familia: Vombatidae
Burnett, 1829
Sinonimia
  • Phascolomyidae Goldfuss, 1820 [1]
Esqueleto dun uombat.

A dos vombátidos (Vombatidae) é unha familia de mamíferos marsupiais da orde dos diprotodontes e suborde dos vombatiformes,[1] coñecidos como uombats (ou wombats, na bibliografía internacional).

Na actualidade sobreviven tres especies destes animais que viven nos bosques das montañas de Australia (incluída Tasmania), onde escavan grandes tobos: o uombat común, ou uombat propiamente dito, o único do xénero Vombatus, o uombat de fociño peludo do norte e o uombat de fociño peludo do sur, ambos os dous pertencentes ao xénero Lasiorhinus.

CaracterísticasEditar

Os uombats teñen a aparencia dun pequeno oso musculado coas patas moi curtas.

A coloración da súa pel pode ser beixe, parda, negra ou gris. As tres especies que siguen con vida miden até 1,20 m de longo e 70 cm de alto, e pesan entre os 20 e os 35 kg.

Como todos os marsupiais, teñen unha bolsa ventral, que contén un só par de mamas. Este marsupio ten tamén a vantaxe, para un escavador de tobos, de que se pode pechar para que a terra non entre nel.

Ademais teñen un escudo, unha placa ósea nas nádegas, debaixo da pel; cando un depredador os persegue, pechan a entrada do seu tobo con este escudo posterior.

A fórmula dentaria dos vombátidos é 1.0.1.4 / 1.0.1.4.

BioloxíaEditar

NutriciónEditar

Os uombats son fitófagos, alimentándose de herbas, raíces, fungos e cascas de árbore e arbustos. Os seus dentes incisivos (similares aos dos roedores), son de crecemento continuo, a diferenza doutros marsupiais.

Teñen un metabolismo extraordinariamente lento: tardan ao redor de 14 días en completar a dixestión, o que os axuda a vivir nos seus ambientes áridos.[2]

Ademais, non adoitan moverse con rapidez; porén, son animais raudos e áxiles que, en caso necesario, poden facilmente superar a un home en carreira (poden alcanzar até os 40 km/h e manteren esa velocidade durante 90 segundos).[3] Aínda que son animais principalmente crepusculares e nocturnos, aventúranse tamén a buscar alimento durante o día, cando vai frío ou o día e moi nuboso.

ReproduciónEditar

O período de xestación adoita durar uns 20 ou 21 días. Despois do parto, as crías viven no ben desenvolvido marsupio seis ou sete meses; aos 15 meses de idade son destetados. Alcanzan a idade reprodutiva aos 18 meses.[4][5]

CostumesEditar

Os uombats escavan extensos tobos cos seus dentes incisivos e as súas poderosas garras.
Ocupan territorios ao redor dos seus tobos, que defenden contra os intrusos. No uombat común, este territorio pode cubrir até 23 hectáreas, mentres que os dos das dúas especies de uombats de fociño peludo só abarcan 4 hectáreas.[2]

A súa principal defensa contra un depredador baixo terra é esmagalo contra o teito do túnel até que o invasor deixa de respirar.

Non se deixan ver tan facilmente como outros animais, pero si adoitan deixaren pegadas visíbeis do seu paso, como as súas típicas bostas cúbicas.

TaxonomíaEditar

DescriciónEditar

A familia foi descrita en 1829 polo botánico e zoólogo británico Gilbert Thomas Burnett no seu traballo publicado en Quart. J. Lit. Sci. Art., 1829: 351.[1]

EtimoloxíaEditar

O termo Vombatidae está formado pola raíz do nome do xénero tipo, Vombatus e o segundo elemento do latín científico -ĭdae, propio dos nomes das familias de animais. Literalmente: 'os parecuidos ao uombat'.

Pola súa parte, o Vombatus deriva do termo inglés wombat, que provén da lingua eora falada pola comunidade aborixe que vivía na rexión de Sydney.[6]

ClasificaciónEditar

Familia Vombatidae Burnett, 1829

Xéneros extintosEditar

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 Vombatidae no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 David W. MacDonald, ed. (1984): The Encyclopedia of Mammals. New York: Facts on File. ISBN 978-0-8719-6871-5, pp. 876–877.
  3. Humble, Gary (1 de xuño de 2006). "The Uncommon Wombat". Scribbly Gum. Australian Broadcasting Corporation. Consultado o 30 de abril de 2016. 
  4. Watson, A. "Vombatus ursinus". Animal Diversity Web. University of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 30 de abril de 2016. 
  5. Green, E; Myers, P (2006). "Lasiorhinus latifrons". Animal Diversity Web. University of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 30 de abril de 2016. 
  6. Butler, Susan (2009). The Dinkum Dictionary: The Origins of Australian Words. Text Publishing. p. 266. ISBN 1-921799-10-2. 
  7. Vombatus no WoRMS.
  8. Lasiorhinus no WoRMS.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Grzimek, B., Schlager, N. & Olendorf, D (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale.
  • McKenna, Malcolm C.; Bell, Susan K., eds. (1997). Classification of mammals – above the species level. New York: Columbia University Press. ISBN 978-0-2311-1012-9.
  • Rowland, P. & Strahan, R., eds. (1995): The Mammals of Australia. Washington, DC: Smithsonian Institution Press.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas: Saunders College Publishing.
  • Vaughan, T. A.; J. M. Ryan & N. J. Czaplewski (2000): Mammalogy. Fourth Edition. Philadelphia, Pennsylvania: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder D. M. (editores) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 2 vol. 3ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-4.

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar