Abrir o menú principal

O voitre de Rüppell (Gyps rueppelli[2] ou ás veces Gyps rueppellii[3]) é un voitre grande que pode encontrarse normalmente na rexión do Sahel de África central e oriental. A súa poboación actual é de 30 000 individuos, pero está decrecendo debido á perda do seu hábitat, envelenamentos accidentais e outros factores.[3] Non debe confundirse co voitre Gyps fulvus. O voitre de Rüppell foi nomeado en honra de Eduard Rüppell, un explorador alemán do século XIX, coleccionista e zoólogo.[4] O voitre de Rüppell é considerado a ave que voa máis alto, xa que se confirmou que nun voo esta ave chegou a unha altitude de 11 300 m sobre o nivel do mar.[5]

DistribuciónEditar

A súa área de distribución esténdese pola rexión de Sahel de África, onde se pode encontrar en praderías, montañas e bosques. Antes considerábase común neses hábitats, pero agora está experimentando un forte dceclive, especialmente na parte oeste da súa área.[2] Son aves relativamente lentas, que voan a 35 km/h, pero durante 6 a 7 horas ao día e cobren distancias de 150 km desde o niño para atopar comida. Como ave errante foi detectada na península Ibérica principalmente na zona próxima ao estreito de Xibraltar;[6] a súa presenza en Galicia é rarísima e só hai dous rexistros del.[7]

DescriciónEditar

Cranio
Cabeza dun adulto


Estes grandes voitres, que superan en tamaño o emparentado Gyps africanus, co cal conviven con frecuencia. Os adultos teñen unha lonxitude de 85 a 103 cm,[8][9] cunha envergadura alar de 2,26 a 2,6 m, e un peso que vai de 6,4 a 9 kg.[8][10][11] Ambos os sexos teñen aparencia similar: marrón con pintas ou negro por arriba cunha barriga marrón abrancazada e delgada, cunha penuxe branca sucia que cobre a cabeza e pescozo. A base do pescozo ten un colar branco, o ollo é amarelo ou ámbar, e ten unha mancha no boche marrón escura. A cabeza non ten plumas, o cal é unha adaptación ao costume de meter o pescozo dentro da prea para comer, o que facilita a alimentación e evita que se ensuciasen as plumas se as tivese.[12] Son normalmente silenciosos, pero vocalizan no niño e cando loitan por un posto para comer nas carcasas, chiando moito. Voan comunmente a altitudes de miles de metros. Teñen unha variante especializada da subunidade alfaD da hemoglobina; esta proteína ten unha grande afinidade polo oxíxeno, o que permite que a especie absorba oxíxeno eficientemente malia a baixa presión parcial deste gas na alta troposfera.[13] Confirmouse que un voitre de Rüppell foi absorbido por un motor de propulsión a chorro dun avión que voaba sobre Abidjan en 1973 a unha altitude de 11 300 m.[5]

ComportamentoEditar

SocialEditar

Son moi sociais, pousándose, nidificando e xuntándose para alimentarse en grandes bandadas.

AlimentaciónEditar

O voitre de Rüppell ten varias adaptacións á súa dieta e teñen unha alimentación especializada entre os voitres do Vello Mundo africanos. Teñen unha constitución especialmente poderosa e, unha vez que se consumiron as partes máis moles e apetecibles dunha carcasa, son eles os que continúan comendo o que quede dos coiros e mesmo os ósos, fartándose tanto que ás veces a penas poden voar. Na lingua teñen unhas espiñas dirixidas cara atrás que lles axudan a separar a carne do óso. Malia o seu tamaño, potencia e adaptacións, non son os voitres máis dominantes na área onde viven, papel que se considera que desempeña o aínda meirande Torgos tracheliotos.[14]

ReproduciónEditar

Ovo
Cría


Esta especie de voitre considérase monógama, e forma parellas reprodutoras para toda a vida. Despois do cortexo a parella traballa conxuntamente para construír o niño utilizando ramiñas, herba e follas que recollen no campo ou rouban doutros niños.[15] Constrúen os niños en barrancos, e en áreas clave de nidación forman grandes colonias reprodutoras con centos de parellas. Ambos os sexos comparten a incubación do ovo durante 55 días. Unha vez que eclosiona o polo, ambos os proxenitores aliméntano e cóidano durante 150 días, momento en que empluma.[16] As crías seguen dependendo dos pais despois de emplumar, e non se fan independentes ata a seguinte tempada reprodutora. Durante este tempo aprenden como atopar e competir pola comida.

StatusEditar

Como estimou inicialmente a IUCN durante 1988, as poboacións de voitre de Rüppell diminuíron. A especie situouse na súa Lista Vermella co status de "case ameazada" desde 2007 e a IUCN predí que a poboación da especie continuará minguando.[17] Desde 2012 a 2014 o voitre de Rüppell púxose na lista de especies en perigo, pero en 2015 a especie foi reavaliada e pasada á lista de especies en perigo crítico.[18]

O voitre de Rüppell está listado actualmente no Apéndice II do CITES, que regula o comercio internacional de animais e plantas.[18] Con esta designación o voitre de Rüppell é definido como especie que non está nun risco inmediato de extinción, aínda que a poboación actual podería verse ameazada sen unha coidadosa regulación do seu comercio.[19]

Desde 1992, o voitre de Rüppell foi detectado como ave errante en España e Portugal, con rexistros anuais desde 1997, principalmente na área de Cádiz e estreito de Xibraltar, pero tamén máis ao norte,[6] incluso hai dous rexistros deste voitre en Galicia e Asturias, onde, por tanto, é unha especie rarísima.[7]

AmeazasEditar

As poboacións de voitre de Rüppell están a experimentar un declive en toda a súa área. Esta diminución pode atribuírse á perda do hábitat relacionado co uso humano da terra, envelenamentos, uso humano de partes do voitre como medicina ou outros usos,[20] perda de sitios de nidación, e diminución da dispoñibilidade de fontes de alimento.[21] O envelenamento considérase que é a peor das ameazas para todas as poboacións de voitres de África, aínda que eles non son a quen van directamente dirixidos os velenos. Nos casos nos que os leóns ou hienas matan gando, ás veces a xente pon o veleno carbofurano en carcasas como represalia contra os depredadores, pero os voitres tamén van comer desas carcasas.[22] Ditas carcasas poden atraer a centos de voitres porque estas especies identifican a comida pola vista. Unha avaliación de cen episodios de envelenamento atopou que cada un deles causara a morte de 37 a 600 individuos.[23]

A matanza de voitres de Rüppell para usalos como medicina contribuíu tamén bastante ao rápido declive das súas poboacións. En moitas culturas africanas, os voitres son utilizados para a medicina e a maxia relacionda con supersticións de que son animais clarividentes e poden utilizarse para incrementar a intelixencia dos nenos.[22] O establecemento de áreas de vida salvaxe protexidas pénsase que é un camiño efectivo para protexer o voitre de Rüppell da extinción. O voitre de Rüppell reprodúcese e aniña en barrancos do norte e sur de Kenya e en Tanzania. Estes lugares de reprodución e nidación xuntan un gran número de exemplares que crían a súa proxenie e procuran o seu alimento nas áreas que os rodean.[24] Considerando que a taxa de detección de voitres de Rüppell era máis baixa nas áreas protexidas que fóra delas, ampliar a protección deses sitios clave de reprodución podería axudar ás súas poboacións.[22]

NotasEditar

  1. IUCN Red List 2015.
  2. 2,0 2,1 "Rüppell's Vulture (Gyps rueppelli) - BirdLife species factsheet". www.birdlife.org. Consultado o 2016-02-29. 
  3. 3,0 3,1 "Bird Life Species Factsheet — Rueppell's Vulture Gyps rueppellii". Bird Life International website. Bird Life International. 2010. Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2009. Consultado o 2010-06-10. Identificación 85-97 cm. Voitre de mediano tamaño. 
  4. Beolens, Bo; Watkins, Michael (2003). Whose Bird? Men and Women Commemorated in the Common Names of Birds. London: Christopher Helm. p. 294. 
  5. 5,0 5,1 Laybourne, Roxie C. (December 1974). "Collision between a Vulture and an Aircraft at an Altitude of 37,000 Feet" (PDF). The Wilson Bulletin (Wilson Ornithological Society) 86 (4): 461–462. ISSN 0043-5643. JSTOR 4160546. OCLC 46381512. 
  6. 6,0 6,1 Gutiérrez, Ricard (2003) Occurrence of Rüppell's Griffon Vulture in Europe Dutch Birding 2595): 289-303
  7. 7,0 7,1 BirdersCove. La web de las rarezas en Galicia Gyps reupelli en Galicia
  8. 8,0 8,1 "Birdlife.org". Birdlife.org. Consultado o 2011-05-31. 
  9. Field Guide to the Birds of East Africa: Kenya, Tanzania, Uganda, Rwanda, Burundi by Stevenson & Fanshawe. Elsevier Science (2001), ISBN 978-0856610790
  10. Sinclair, Ian; Phil Hockey (2005). Sasol: The Larger Illustrated Guide to Birds of Southern Africa. Illustrated by Norman Arlott and Peter Hayman (2nd ed.). Cape Town: Struik Publishers. ISBN 978-1-77007-243-5. Consultado o July 27, 2013. 
  11. Raptors of the World by Ferguson-Lees, Christie, Franklin, Mead & Burton. Houghton Mifflin (2001), ISBN 0-618-12762-3
  12. "Ruppell's griffon vulture". Smithsonian's National Zoo (en inglés). Consultado o 2018-02-18. 
  13. Weber, RE; Hiebl, I; Braunitzer, G. (April 1988). "High altitude and hemoglobin function in the vultures Gyps rueppellii and Aegypius monachus". Biological Chemistry Hoppe-Seyler (De Gruyter) 369 (4): 233–40. ISSN 0177-3593. PMID 3401328. doi:10.1515/bchm3.1988.369.1.233. 
  14. [1]
  15. "Ruppell’s Griffon Vulture Facts - National Zoo". nationalzoo.si.edu. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2016. Consultado o 2016-02-29. 
  16. "Rueppell’s griffon videos, photos and facts - Gyps rueppellii". ARKive (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2016. Consultado o 2016-02-29. 
  17. "Gyps rueppellii". IUCN Red List of Threatened Species Version 2010.1. International Union for Conservation of Nature and Natural Resources. 2010. Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2010. Consultado o 2010-06-09. Este voitre de vida longa experimentou unha redución moderadamente rápida da súa poboación inicial que é probable que continúe. Por estas razóns é listado como Case ameazado. 
  18. 18,0 18,1 "Gyps rueppelli (Rueppell's Griffon, Rüppell's Griffon Vulture, Ruppell's Vulture, Rüppell's Vulture)". www.iucnredlist.org. Consultado o 2016-02-29. 
  19. "The CITES Appendices | CITES". cites.org. Consultado o 2016-02-29. 
  20. Thiollay, Jean-Marc (2006-04-01). "The decline of raptors in West Africa: long-term assessment and the role of protected areas". Ibis (en inglés) 148 (2): 240–254. ISSN 1474-919X. doi:10.1111/j.1474-919X.2006.00531.x. 
  21. Virani, Munir Z.; Kendall, Corinne; Njoroge, Peter; Thomsett, Simon (2011-02-01). "Major declines in the abundance of vultures and other scavenging raptors in and around the Masai Mara ecosystem, Kenya". Biological Conservation 144 (2): 746–752. doi:10.1016/j.biocon.2010.10.024. 
  22. 22,0 22,1 22,2 Ogada, Darcy L. (2014-08-01). "The power of poison: pesticide poisoning of Africa's wildlife". Annals of the New York Academy of Sciences (en inglés) 1322 (1): 1–20. ISSN 1749-6632. PMID 24716788. doi:10.1111/nyas.12405. 
  23. Ogada, Darcy; Shaw, Phil; Beyers, Rene L.; Buij, Ralph; Murn, Campbell; Thiollay, Jean Marc; Beale, Colin M.; Holdo, Ricardo M.; Pomeroy, Derek (2015-06-01). "Another Continental Vulture Crisis: Africa's Vultures Collapsing toward Extinction". Conservation Letters (en inglés) 9: 89–97. ISSN 1755-263X. doi:10.1111/conl.12182. 
  24. Virani, Munir Z.; Monadjem, Ara; Thomsett, Simon; Kendall, Corinne (2012-09-01). "Seasonal variation in breeding Rüppell’s Vultures Gyps rueppellii at Kwenia, southern Kenya and implications for conservation". Bird Conservation International 22 (03): 260–269. ISSN 1474-0001. doi:10.1017/S0959270911000505. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar