Veinteañistas, veintenos ou exaltados era a denominación que recibían durante o Trienio Liberal (1820-1823) os liberais españois de tendencia máis radical, por oposición aos doceañistas, tamén liberais, pero de tendencia máis moderada.[1]

Os veinteañistas consideraban que a Constitución española de 1812 (denominada de Cádiz ou a Pepa) quedara obsoleta e precisaba de certas reformas nun sentido máis progresista ou cara á “esquerda”, co que debería redactarse unha nova constitución, que fose a do ano vinte (cousa que non conseguiron). A denominación de exaltados facía referencia á súa suposta radicalidade revolucionaria, así como a cuestións máis temperamentais propias do contexto cultural e vital do romanticismo.

Entre os máis destacados veinteañistas estaban o coronel Rafael del Riego, o coronel Antonio Quiroga -que tiña a mesma idade ca Riego e protagonizou con el a rebelión de Cabezas de San Juan, que procedía dunha familia galega moi considerada-[2], Francisco Javier de Istúriz, Espoz y Mina, Juan Romeu Alpuente, José María Calatrava, Álvaro Flórez Estrada, Juan Álvarez Mendizábal,[3] Evaristo Fernández de San Miguel, Antonio Alcalá Galiano,[4] etc.

Características editar

A base social dos veinteañistas eran as clases medias urbanas e gran parte da oficialidade do exército, proveniente da Guerra de Independencia (que superara a estrutura estamental do exército dando paso a unha xeración de oficiais de moi distinta orixe social),[5] que fora desmobilizado e represaliado durante a primeira parte do reinado de Fernando VII.

Caracterizábanse pola proposta de solucións radicais que conducisen á desaparición do Antigo Réxime. Os veinteañistas obtiveron especial importancia no inicio do Trienio liberal, cando adquiriron protagonismo os máis novos e primeiros impulsores da revolución de 1820, así como no seu final, cando as eleccións de 1822 levaron ao cargo de presidente do Congreso ao propio Rafael del Riego (nas Cortes anteriores eran minoritarios). Tralos sucesos de xullo dese mesmo ano na Praza Maior de Madrid, en que a Milicia Nacional conseguiu frear militarmente á sublevación da Garda Real, o rei quedou apartado do exercicio efectivo das súas funcións, e os veinteañistas puideron impor a formación dun goberno afín, presidido por Evaristo San Miguel. Até entón quedaran marxinados do poder executivo, exercido continuadamente por doceañistas.

En materia política os liberais exaltados consideraban a monarquía como un órgano unicamente destinado á realización de funcións executivas. Concibían a revolución liberal como un proceso inacabado, que debería seguir avanzando, e se non podía de momento cambiarse a constitución, mantiñan que os aspectos máis transformadores da do 12 deberían aplicarse na súa totalidade, e profundarse con medidas lexislativas: transformación da propiedade nun sentido plenamente capitalista (desamortización, desvinculación, desaparición de señoríos e morgados). En materia relixiosa destacaba a súa tendencia anticlerical coa disolución da Inquisición e a Compañía de Xesús. En materia de ensino propúxose a estruturación en tres niveis (primaria, secundaria e universitaria). No territorial, produciuse unha división estatal en 52 provincias.

Década Ominosa editar

Coa volta ao absolutismo, debida á intervención francesa (os Cen Mil Fillos de San Luís), no período denominado Década Ominosa (1823-1833), os veinteañistas sufriron a represión política (execución de Riego) e o exilio, e protagonizaron intentos de reverter a situación política mediante conspiracións (carbonarios) e pronunciamentos militares (Torrijos, Mariana Pineda).

Tras volver do exilio á morte de Fernando VII (1833), os veinteañistas organizáronse no reinado de Isabel II co nome de progresistas, denominación que se debe a Salustiano Olózaga (1836).[4]

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Comellas, José Luis (1981). Del antiguo al nuevo régimen: hasta la muerte de Fernando VII. Colección: Historia general de España y América (en castelán) 12. Madrid: RIALP. ISBN 9788432121197. 
  • Lafuente, Modesto (1865). Historia general de España (en castelán). Tomo XXVII. Madrid: Imprenta del Banco Industrial y Mercantil. 
  • Lafuente, Modesto (1866). Historia general de España: Edad moderna (en castelán). Tomo XXIX. Madrid: Imprenta del Banco Industrial y Mercantil. 
  • Lara, María; Lara, Laura (2018). Breviario de historia de España: Desde Atapuerca hasta la era de la globalización (ebook) (en castelán). Madrid: EDAF. ISBN 978-84-414-3878-1. 
  • Paredes Alonso, Francisco Javier (coord.), ed. (2008). Historia contemporánea de España: Siglo XIX (en castelán). Barcelona: Ariel. ISBN 978-84-344-6755-2. 
  • Ruiz Jiménez, Marta (2004). "Una aproximación ao discurso liberal exaltado durante o trienio liberal". Spagna contemporanea (26): 25–42. ISSN 1121-7480. 

Outros artigos editar