Variante da Pobra de San Xiao

A variante da Pobra de San Xiao é unha variante ferroviaria de 7 km de lonxitude situada na liña León - A Coruña, no treito entre Lugo e Sarria, que substitúe o antigo trazado que pasaba polo casco urbano da Pobra de San Xiao, no concello lugués de Láncara. Foi inaugurada en 2018.[1]

Historia editar

O 30 de novembro de 2006 o Ministerio de Fomento anunciou a adxudicación das obras da variante da Pobra de San Xiao á UTE Ferrovial Agromán y Obras Subterráneas, por un total de 90.436.727 euros.[2]

Entrou en servizo o 23 de abril de 2018.[1]

Trazado editar

A infraestrutura ten unha lonxitude de 7.206 metros de lonxitude pasando polos concellos do Corgo, O Páramo, Láncara e Sarria, que substitúe aos 8.417 metros do anterior trazado. A variante permitiu suprimir un total de 14 pasos a nivel do anterior trazado.[3]

A plataforma está construída para vía dobre pero actualmente está executada unha única vía, a esquerda. Ademais está sen electrificar, para dar continuidade ao resto da liña. Está previsto que no futuro funcione con vía dobre electrificada para levar os servizos de alta velocidade a Lugo.[3]

No trazado hai dous túneles[3]: As Cortes, de 520 metros de lonxitude, e Torrente, de 1.387 metros, executado en vía en placa e con saída de emerxencia. Tamén ten catro viadutos[3]: dous de vigas prefabricadas, de 329,5 e 145,5 metros, e dous de taboleiro de formigón, de 639 e 590 metros. Hai catro pasos inferiores e un paso superior sobre a estrada LU-546.[3]

Ten unha velocidade máxima comercial de 160 km/h, superando os 80–95 km/h do antigo trazado e permitindo unha mellora nos tempos de viaxe.[1]

Características técnicas editar

Número de vías 1
Lonxitude total 7.206 m
Lonxitude total en túnel 1.907 m
Lonxitude total en viaduto 1.695 m
Ancho de plataforma 13,3 m
Velocidade máxima 160 km/h
Sinalización ASFA convencional

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Adif pone en servicio la variante de A Pobra de San Xiao". El Progreso (en castelán). 23 de abril de 2018. Consultado o 17 de febreiro de 2019. 
  2. "Toda una década para construir la variante de Pobra de San Xiao". El Correo Gallego (en castelán). 13 de outubro de 2016. Consultado o 31 de maio de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Adif pone en servicio la variante de La Puebla de San Julián (A Pobra de San Xiao), en la provincia de Lugo". Adif (en castelán). 23 de abril de 2018. Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2019. Consultado o 17 de febreiro de 2019. 

Véxase tamén editar