Arandeira americana

especie de planta
(Redirección desde «Vaccinium corymbosum»)

A arandeira americana[1] ou arandeira azul (Vaccinium corymbosum) é unha planta do xénero Vaccinium, que tamén inclúe moitos arbustos bravos produtores de bagas comestíbeis redondas e con vértices brillantes (froitas do bosque). Cómpre non confundilo coa arandeira rubia (Vaccinium macrocarpon). Os froitos, que nacen en acios, son brancos ao comezo e a medida que van madurecendo tórnanse vermellos-purpúreos para se converter en azuis cando fican completamente maduros. Polo seu doce sabor utilízanse para elaborar xeleas, marmeladas, viños, pasteis e diversos pratos doces. É unha especie norteamericana que non medra en Europa (a especie europea que medra brava en Galiza é a arandeira brava (Vaccinium myrtillus)), aínda que si se cultiva.

Hábitat editar

Esta especie é orixinaria dos Estados Unidos, que tamén é o meirande produtor e consumidor de arandos azuis no mundo.

Os froitos das plantas bravas, máis miúdos e caros que os das cultivadas, son apreciados polo seu sabor e cor intensa.

Xeneralidades editar

O froito da arandeira americana é unha baga pequena, de cor azul, de aí a denominación "blueberry", en inglés aínda que tanto para o arando azul americano coma para o vermello a denominación xenérica nesa lingua é huckleberry. A arandeira é unha froiteira de aspecto arbustivo, pertencente á familia botánica das Ericáceas, dentro da cal se atopan tamén importantes especies ornamentais, como as azaleas e os rododendros; e bravas coma as uces. Existen distintas especies de arandeiras. A maior extensión cuberta por esta froiteira corresponde á arandeira baixa, que medra brava en rexións frías de América do Norte, de onde é orixinaria. A arandeira alta e a arandeira rubia ollo de coello a son cultivadas comercialmente.

A arandeira americana silvestre posúe un sabor e textura superiores malia seren os seus froitos de menor tamaño que os ofrecidos comercialmente.

Descrición editar

As raíces da arandeira americana teñen un aspecto fibroso e distribúense superficialmente, o que as volve dependentes dunha provisión constante de humidade. En condicións naturais as raíces están asociadas con fungos micorrizas específicos, cos que manteñen unha relación de mutuo beneficio (simbiótica).

Entre as raíces e a parte aérea atópase a coroa, que ten a capacidade de emitir rebentos.

A altura da arandeira baixa non supera o medio (1/2) metro. En troques, a arandeira alta en condición de cultivo pode acadar alturas de até 2,5 m. A arandeira ollo de coello medraría aínda máis, porén é contida coa poda.

As xemas vexetativas, das cales se orixinan as follas, e mailas xemas frutíferas, que producen as flores, distribúense de xeito separado ao longo das pólas, a diferenza doutras froiteiras.

As follas son simples, de forma ovada a lanceolada, e caducas, adquirindo unha tonalidade avermellada polo outono.

As flores posúen corola branca ou rosada, reuníndose en acios.

O froito, o arando, é unha baga case esférica, que dependendo da especie e cultivar, pode variar en tamaño de 0,7 a 1,5 cm de diámetro, e en cor dende azul claro até negro. A epiderme do froito está cuberta por secrecións cerosas, que lle dan unha terminación moi atractiva, como no caso das ameixas.

Cultivo editar

Os arando americanos eran apañados e usados na cociña nativa norteamericana en áreas onde a arandeira americana medraba brava.[2] Tamén é a especie de arandeira máis común comercializada hoxe en día nos Estados Unidos.

Cultívase tamén coma planta ornamental en xardíns naturais e proxectos de paisaxismo que fomentan a vida silvestre.[3] O pH do solo debe ser moi acedo (de 4.5 a 5.5), polo que se dá ben nos solos galegos. En hábitats naturais é alimento de paxaros, osos e pequenos mamíferos.

Fóra do seu hábitat natural en América do Norte, Vaccinium corymbosum naturalizouse na Columbia Británica e no estado de Washington.[4] Noutros continentes tense naturalizado no Xapón, Nova Zelandia Gran Bretaña, Lituania, e os Países Baixos.

Variedades de cultivo editar

Cultivares editar

Algúns cultivares comúns aparecen a seguir, agrupados dende comezos da colleita:[5]

Temperáns
  • Duke
  • Patriot      
  • Reka
  • Spartan
Media estación
  • Bluecrop      
  • Blueray
  • KaBluey
  • Northland
Serodios
  • Aurora
  • Darrow
  • Elliott
  • Jersey

Os cultivares Duke[6] e Spartan[7] gañaron o premio Award of Garden Merit da Royal Horticultural Society.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Entrada nº 52. Xusto A. Rodríguez Río (coordinación) (2004). Servizo de Normalización Lingüística da USC, ed. Termos esenciais de botánica (PDF). p. 22. 
  2. University of Michigan: Dearborn — Native American Ethnobotany (Vaccinium corymbosum) Arquivado 29 de maio de 2013 en Wayback Machine.. Consultado o 23/3/2013.
  3. Hort.uconn.edu: Vaccinium corymbosum; Landscape use section Arquivado 27 de marzo de 2013 en Wayback Machine.. Consultado o 23/3/2013.
  4. GRIN Arquivado 22 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.. Consultado o 23/3/2013
  5. Hort.uconn.edu: Vaccinium corymbosum; Cultivars/varieties section Arquivado 27 de marzo de 2013 en Wayback Machine.. Consultado o 23/3/2013
  6. "RHS Plant Selector - Vaccinium corymbosum 'Duke'". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 16 de xullo de 2013. 
  7. "RHS Plant Selector - Vaccinium corymbosum 'Spartan'". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 16 de xullo de 2013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar