Wikipedia:Primeira malla de artigos da Galipedia

A malla é un antigo traballo agrícola que en moitos casos, e mentres non houbo maquinaria para realizala, se facía en comunidade xa que era un labor moi pesado, e que era moito máis sinxelo de facer coa colaboración dos veciños e familiares. Na Galipedia tamén temos moita palla que separar do gran, pero é un traballo pesado e pouco agradecido, mais que se o facemos entre moitos pode facerse de forma máis rápida e menos laboriosa.

A idea editar

A idea é reducir a gran cantidade de artigos con problemas de diferente tipo que se atopan na Categoría:Wikipedia:Atención. Este traballo é lento e penoso, e non dá a satisfación de traballar no que máis nos interesa, pero hai que facelo. Hai que facelo porque non está ben que a Galipedia teña eses artigos con problemas e ademais se non nos poñemos con isto a cousa irá medrando cada vez máis ata que remate por comernos!

O que se propón é que durante unha semana todos os que queiramos deixemos as nosas tarefas secundarias (a revisión dos cambios recentes e as reversións de vandalismos está claro que non se poden abandonar porque podería colarse calquera cousa); é dicir, amañar e crear artigos dos nosos intereses/obxectivos ou das nosas tarefas individuais, e que nos adiquemos só a amañar os artigos desta categoría para tentar reducila o máximo posible. Pero tampouco pasa nada se cada un só participa un día, unha hora ou media, estamos demostrando que moitos poucos fan un moito e como queremos que eses artigos se amañen xa faremos a Segunda malla de artigos da Galipedia para o ano que vén!!

Pero non deberiamos quedarnos só dentro da Galipedia: durante a semana previa a esta malla habería que anunciar esta actividade entre os nosos achegados, nas redes sociais de Facebook e Twitter, e onde poidamos, para achegar a toda a xente posible, de dentro e de fóra da Galipedia. Tódalas máns son benvidas e esta podería ser tamén unha forma de dar a coñecer o proxecto e de que máis xente nos coñeza.

E lembrade: moitos poucos fan un moito.

O traballo editar

Na categoría Atención hai artigos con diferentes problemas: algúns son relevantes pero demasiado curtos, outros pode que non sexan relevantes e habería que borralos, outros teñen problemas de estrutura e redacción... hai un pouco de todo. Os máis urxentes serían os de Categoría:Atención desde xullo de 2013 que son un bo lote, e os máis antigos, os da Categoría:Atención desde agosto de 2007. Son 372 artigos os que hai que amañar e logo un par de cousas pequenas en dúas categorías, isto entre todos non é nada.

Tamén hai artigos para tódolos niveis: os novatos poden adicarse a ampliar os artigos que son curtos de máis, dende as súas propias fontes ou traducindo os artigos das outras wikipedias. Outra tarefa sinxela sería facer a revisión ortográfica, problema que teñen algúns destes artigos, tarefa que pode simplificarse con distintas ferramentas. Tamén é unha tarefa sinxela revisar as traducións ou posibles autotraducións que tamén están nesta categoría. Os usuarios máis avanzados poden adicarse a dar o formato ós artigos que carecen del e das outras tarefas máis complicadas. O que hai que facer é ir buscando nos artigos da categoría os que teñen o nivel que se axeita ás nosas capacidades.

Hai unha categoría con tódolos artigos con estes problemas >>aquí<<, por se queredes rebuscar entre todos os que hai.

Esta Primeira malla de artigos da Galipedia ten lugar entre o luns 20 de xaneiro e o domingo 26, ámbolos dous incluídos.

Organización! editar

Aínda que os artigos son bastantes sempre podería darse o caso de que varios usuarios se puxesen a editar o mesmo artigo ó mesmo tempo. Para evitar isto a solución é sinxela: cando un usuario decida meterlle o dente a un dos artigos o primeiro que debe facer é poñerlle o modelo Modelo:Enuso e gravar. Dende ese momento o resto da xente saberá que ese artigo está collido por outro compañeiro e que ten que coller outro distinto. Hai que traballar, pero facer dúas veces o mesmo non, grazas! :)

Tamén é moi recomendable que os usuarios máis avanzados concentren o seu traballo en amañar os artigos máis complexos e longos, así deixaremos o traballo máis sinxelo para os usuarios máis novos.

Evolución do número de artigos na categoría Atención editar

Para esta Primeira malla de artigos da Galipedia o obxectivo é alcanzable, pero duro de roer, pero se alguén quere facer propostas ou ve algunha forma de coordinar ou facilitar o traballo, ten a páxina de conversa para contalo, coma sempre :).

Todo o que estea interesado nesta actividade pode participar, cantos máis mellor! Tampouco hai necesidade de apuntarse en ningún sitio, o que fai falta é xente que choie! :), pero os que queiran poden apuntarse nesta lista, por se fose necesario coordinar algunha parte do traballo ou outras cousas.

Os resultados editar

Como se pode ver na gráfica da evolución dos artigos da categoría Atención, nunha semana baixou o número de artigos con problemas nuns 100 artigos! Foi unha estupenda tarefa feita en comunidade, parabéns a todos polo traballo! E agora que xa estamos todos familiarizados con este choio..., non nos esquezamos del, rematou a malla pero non se remataron os artigos con "Atención" ;) Saúdos, --Elisardojm (conversa) 27 de xaneiro de 2014 ás 09:29 (UTC)[responder]

Véxase tamén editar

Outros artigos editar