Thomas Simon
Thomas Simon, nado en Londres en 1618[1] e finado probablemente na mesma cidade en 1665, foi un medallista e deseñador e gravador de moedas inglés, cunha carreira vinculada á Real Casa da Moeda de Londres, na que ocupou o cargo de gravador xefe entre os anos 1645 e 1660.[2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1623 ![]() Londres, Reino Unido ![]() |
Morte | 1665 ![]() Londres, Reino Unido ![]() |
Actividade | |
Lugar de traballo | Londres ![]() |
Ocupación | gravador, medallista ![]() |
Familia | |
Irmáns | Abraham Simon ![]() |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Encyclopædia Britannica ![]() |
En ocasións, traballaba como gravador sobre deseños creados polo seu irmán Abraham.[3][4][5] Nas súas obras adoitaba inscribir, a modo de marca de artista, as iniciais T. S, ou as abreviaturas THO ou SIMON F.[6]
Traxectoria
editarSimon era fillo de Anne Germain e de Peter Simon, unha familia procedente de Guernsey.[7][8]
En setembro de 1635 ingresou como aprendiz na Royal Mint, sita daquela na Torre de Londres, ás ordes do entón gravador xefe, Edward Green, e alí tamén recibiu as ensinanzas de Nicholas Briot.[7][8][9] En agosto de 1642, no marco da guerra civil inglesa, cando Simon estaba a piques de rematar a súa etapa de aprendiz, a Casa da Moeda, que estaba baixo o control do rei, foi tomada polo Parlamento, para satisfacción tanto de Green como de Simon.[10]
En 1645, á morte de Green, o Parlamento nomeou a Simon e a Edward Wade gravadores xefes de forma conxunta, con autorización para gravar non só as moedas senón tamén todas as armas e os selos reais.[8][13] Pola súa banda, Carlos I (1625-1649), que loitaba na guerra desde fóra de Londres, nomeou en paralelo a Thomas Rawlins para o mesmo posto. Durante o resto da guerra civil, a ceca mantivo a produción de moedas coa efixie do rei, e nesa época Simon dedicouse principalmente ao gravado de cuños para medallas, e en menor medida para moedas. Cando a finais de 1648 Edward Wade faleceu, Simon seguiu interinamente en solitario,[9] e a partir do 21 de abril de 1649 foi confirmado no seu cargo como único gravador xefe, pouco despois da execución de Carlos I.[10]
O Parlamento tiña moito interese pola cuñaxe das novas moedas da Commonwealth de Inglaterra. Simon delegou a súa elaboración nos gravadores axudantes e as primeiras cuñaxes leváronse a cabo pola antiga técnica do martelo, mais o Parlamento encomendoulle a Simon que se reunise co enxeñeiro francés Peter Blondeau para organizaren novas emisións xa mecanizadas e cun mellor acabamento, á maneira das cuñaxes que se estaban a levar a cabo na Monnaie de Paris.[10]
Simon gravou o primeiro Gran Selo da Commonwealth de Inglaterra, en 1651,[8][13] e cando Oliver Cromwell se converteu en Lord Protector en 1653, a creación do novo selo recaeu novamente en Simon.[10] En 1651 consignóuselle un salario de 13 libras, 6 xilins e 8 peniques anuais como pagamento pola súa exclusividade para a creación de todas as medallas oficiais e de servizo público, á parte das 30 libras que percibía pola súa actividade como gravador xefe de moedas e de selos reais. Entre 1654 e 1656 creou, entre outros moitos, os grandes selos de Escocia e de Irlanda, así como os selos para os consellos inglés, escocés e irlandés, para os tribunais ingleses e para o almirantado.[8][13]
En 1656, Cromwell determinou o deseño e a cuñaxe de probas de novas moedas de ouro e de prata, e para iso contou con Simon como gravador e con Blondeau como enxeñeiro. Estas cuñaxes en proba, malia luciren a data de 1656, non se produciron ata 1657 e consideráronse un éxito, o que motivou que se encargase unha emisión ordinaria en 1658 para a súa posta en circulación. Mais logo do pasamento de Cromwell en setembro de 1658, a Commonwealth volveu ao antigo método de cuñaxe a martelo. Blondeau regresou a Francia e Simon ficou como gravador da Royal Mint.[10][17][18] Simon foi contratado tamén para modelar o rostro da efixie de Oliver Cromwell levada no seu cortexo fúnebre o 23 de novembro de 1658.[8][19]
Cando Carlos II (1660-1685) regresou a Londres en maio de 1660 desde o seu exilio nos Países Baixos, a continuidade no cargo de Simon non estaba garantida, xa que Carlos I nomeara a Rawlins como gravador xefe e Carlos II recoñecera tal nomeamento. Con todo, malia este recoñecemento, Simon non foi relevado como gravador e continuou ocupándose das novas moedas, xa a nome de Carlos II,[20] aínda que renunciando ás innovacións técnicas que caracterizaran as cuñaxes dos anos anteriores e retomando a cuñaxe a martelo.[10][17]
Nesta etapa da restauración, o 31 de maio de 1661 Simon foi nomeado como un dos gravadores das armas, os escudos e os selos do rei, e o 2 de xuño de 1661 foi ascendido a gravador xefe encargado destes labores, cun salario de 50 libras anuais. Nestes anos seguiu coa preparación de selos privados do rei, e tamén outros como o da Orde da Xarreteira, o do Consello de Gales, o da Royal Society ou o Gran Selo de Xamaica.[8][19]
En maio de 1661 o rei ordenoulle a Simon a reintrodución da cuñaxe mecanizada na Real Casa da Moeda e, con tal m otivo, o 8 de novembro foi enviado a Francia para contratar novamente a Blondeau. Durante a estadía de Simon en Francia, Carlos II invitou os irmáns John e Joseph Roettier, dos Países Baixos, para que axudasen na preparación dos novos cuños, o que xerou friccións con Simon cando este regresou. Ante esta situación, o monarca convocou o 7 de febreiro de 1662 a Simon e os irmáns Roettier a prepararen modelos de moedas a partir dos cales elixiría posteriormente os gravadores para as novas emisións ao seu nome.[17][22] Os Roettier resultaron gañadores deste privilexio, o que implicou que Simons deixase de traballar na Casa da Moeda.[10][8][23]
Con todo, cando a principios de 1663 o rei solicitou que se fixesen modificacións sobre os cuños propostos polos Roettier, Simon aproveitou a ocasión para preparar unha nova proposta. Para tal efecto elaborou cuños para o anverso e o reverso cos que cuñou en proba unha moeda dunha coroa que incorporaba as modificacións requiridas polo rei, e que no canto incluía unha súplica: "Thomas Simon roga humildemente á Súa Maxestade que compare esta peza de proba coa neerlandesa e, se está mellor debuxada e repuxada, máis elegantemente ordenada e máis exactamente gravada, que a releve". Esta moeda é coñecida como a Petition Crown ("coroa da petición").[8][24][25][26] E cos mesmos cuños preparou unha nova cuñaxe —coñecida como Reddite Crown ("coroa Reddite"), en cuxo canto se lía REDDITE QUÆ CÆSARIS CÆSAR ("Dádelle ao César o que é do César").[27] Malia todo, o monarca non atendeu a curiosa solicitude se Simon.[10]
Perdida xa para Simon a súa condición de gravador xefe da Royal Mint, continuou traballando na ceca como gravador secundario de selos ao servizo do rei, ata a súa morte en 1665, probablemente producida por mor da epidemia de peste que tivo lugar ese ano.[7][10] No seu testamento deixou instrucións para que fose soterrado na igrexa de St. Clement Danes, en Londres, parroquia na que residía desde había moito tempo.[8][26]
Vida persoal
editarThomas Simon casou con Elizabeth Fautrart, dunha familia de Guernsey, con quen tivo varios fillos.[4][26]
No seu testamento, Simon deixoulle ao seu fillo Samuel a granxa da que era propietario en Shorne, preto de Gravesend, Kent, e tamén os seus debuxos e as súas pinturas e medallas. Ao seu sobriño William —fillo do seu defunto irmán Nathaniel— deixoulle os seus punzóns e outras ferramentas de gravado. Pola súa banda, a viúva de Simon solicitoulle ao rei cara a 1669 a cantidade de 2.164 libras en concepto de pagamentos atrasados que se lle debían ao seu marido.[4][26]
Notas
editar- ↑ Aínda que durante un tempo houbo opinións diversas acerca do lugar e a data de nacemento de Simon (Londres ou Yorkshire; 1618 ou ca. 1623), Wetmore demostra documentalmente que naceu en Londres en 1618 e foi bautizado o 26 de abril dese ano. Véxase Whetmore, S. A. H. (1960). Páxinas 159-160.
- ↑ Chisholm, H. ed. (1911).
- ↑ Forrer, L. (1912). Páxinas 519, 531.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Wroth, W. W. (1885). Páxinas 267.
- ↑ Chisholm, H. ed. (1911). "Simon, Abraham". En Encyclopædia Britannica. Vol. 25 (11ª ed.). Cambridge University Press. Páxina 124.
- ↑ Forrer, L. (1912). Páxina 532.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Forrer, L. (1912). Páxina 519.
- ↑ 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 Wroth, W. W. (1885). Páxinas 266.
- ↑ 9,0 9,1 Craig, J. (1953). Páxina 151.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 10,8 Sharples, J. "Thomas Simon, Engraver (1618-1665)". Museums Victoria Collections.
- ↑ "Oliver Cromwell, Commemorating the Victory at the Battle of Dunbar [obverse, 1650]". National Gallery of Art (NGA.gov).
- ↑ "Parliament Assembled in One House [reverse, 1650]". National Gallery of Art (NGA.gov).
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Forrer, L. (1912). Páxina 520.
- ↑ Cassel, J. (1865). Cassell's illustrated history of England. Vol. III. Cassell Petter & Galpin, Londres. Páxina 312.
- ↑ "1 Broad - Oliver Cromwell". Numista.com
- ↑ "½ Crown - Oliver Cromwell". Numista.com
- ↑ 17,0 17,1 17,2 "Thomas Simon". Numista.com
- ↑ Tonner, R. "Coins of the English Commonwealth 1649 - 1660 ". Australian Numismatic Society.
- ↑ 19,0 19,1 Forrer, L. (1912). Páxina 521.
- ↑ Craig, J. (1953). Páxina 155.
- ↑ "1 Broad - Charles II Pattern". Numista.com
- ↑ Craig, J. (1953). Páxina 158.
- ↑ Forrer, L. (1912). Páxinas 521-522.
- ↑ 24,0 24,1 "1 Crown - Charles II Pattern 'Petition' Crown". Numista.com
- ↑ "Edge-lettered Petition Crown wows". En Numismatic News. 12 de marzo de 2018.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 26,3 Forrer, L. (1912). Páxina 522.
- ↑ Reynolds, G. (2018). "The Most Famous Coins or Patterns in the History of Britain: The Petition Crown & Reddite Crown". En Coin Week. 3 de xaneiro.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Thomas Simon |
Bibliografía
editar- Allen, D. (1938). "Warrants and sketches of Thomas Simon". En British Numismatic Journal. Vol. 23. Páxinas 439-448.
- Chisholm, H. ed. (1911). "Simon, Thomas". En Encyclopædia Britannica. Vol. 25 (11ª ed.). Cambridge University Press. Páxina 131.
- Craig, J. (1953). The Mint: A History of the London Mint from A.D. 287 to 1948. Cambridge University Press. ISBN 978-0521170772
- Farquhar, H. (1932). "Thomas Simon, one of our chief engravers". En Numismatic Chronicle. Vol XII. Páxinas 274-310.
- Farquhar, H. (1936). "New light on Thomas Simon". En Numismatic Chronicle. Vol. 16. Páxinas 210-234.
- Forrer, L. (1912). "Simon, Tomas". En Biographical Dictionary of Medallists. Spink and Son, Londres. Vol. 5. Páxinas 519-532.
- Hocking, W. J. (1909). "Simmon's dies in the Royal Mint Museum [...]". En Numismatic Chronicle. Vol. 9. Páxinas 56-118.
- Hugh, C. (ed.) (1911). "Simon, Thomas". En Encyclopædia Britannica. Vol. 25 (11ª ed.). Cambridge University Press. Páxina 131
- Lessen, M (1981). "The Cromwell Dunbar medals by Simon". En British Numismatic Journal. Vol. 51. Páxinas 112-127.
- Lessen, M. (1982). "The Cromwell Funeral Medal by Simon". En British Numismatic Journal. Vol. 52. Páxinas 151-157.
- Lessen, M. (1995). "Simon's mill gold coins and medals of Charles II, 1660-62". En British Numismatic Journal. Vol. 65. Páxinas 151-168.
- Lessen, M. (2005). "Notes on Simon's pattern (petition) crown of Charles II". En British Numismatic Journal. Vol. 75. Páxinas 91-112
- Nathanson, A. J. (1975). Thomas Simon His Life and Work. Seaby Publications, Londres. ISBN 978-0900652394
- H. E. Pagan (1988). "Presidential Address: the career of Thomas Simon". En British Numismatic Journal. Vol. 58. Páxinas 179-189.
- Stride, H. G. (1961). "Some facts regarding the Petition Crown of Thomas Simon". En Seaby's Coin and Medal Bulletin. Maio. Páxina 184.
- Vertue, G. (1780). Medals, coins, great seals, and other works of Thomas Simon. J. Nichols, Londres.
- Whetmore, S. A. H. (1960). "Some Further Notes On Thomas Simon". En British Numismatic Journal. 30. Páxinas 159-173.
- Wroth, W. W. (1885). "Simon, Thomas (1623?-1665)". En Dictionary of National Biography, 1885-1900. Páxinas 265-267.
Outros artigos
editarPredecesor: Edward Green |
Gravador xefe da Casa da Moeda de Londres (Royal Mint) 1645 - 1660 |
Sucesor: Thomas Rawlings |