Thomas Fuller

aritmético afroamericano

Thomas Fuller, nado en 1710 e finado en decembro de 1790, tamén coñecido como "Tom o Negro" e "A Calculadora de Virxinia", foi un escravo africano coñecido polas súas habilidades na matemática.[1]

Infotaula de personaThomas Fuller
Biografía
Nacemento1710 Editar o valor em Wikidata
África Occidental Editar o valor em Wikidata
Morte1790 Editar o valor em Wikidata (79/80 anos)
Virxinia, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Grupo étnicoAfroamericano Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióncalculadora humana (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Fuller-20226

Traxectoria editar

Naceu en África, nalgún lugar dos actuais Liberia e Benín. Fuller foi feito escravo e levado a América en 1724, con 14 anos. Foi propiedade de Presley e Elizabeth Cox, de Alexandria (Virxinia). Fuller era analfabeto. Os Cox tiñan 16 escravos, mais semellaba que o seu favorito era Fuller. De feito, este mostroulles gratitude por non o venderen.[2]

Falábase das súas habilidades por toda a Costa Leste. Mesmo se utilizaron para demostrar que a raza negra non era mentalmente inferior á branca.

Probas documentais editar

En 1777 William Hartshorne, cuáquero e home de negocios de Filadelfia, mudouse coa súa numerosa familia a Alexandria. Ao saber de Fuller e do seu talento, decidiu visitalo, xunto con outros tres compañeiros cuáqueros seus, tamén de Pensilvania. Expuxéronlle algunhas cuestións para satisfaceren a súa curiosidade. Daquela, Fuller tiña xa arredor de 70 anos.

  • En primeiro lugar, preguntáronlle cantos segundos había nun ano e medio, ao que respondeu, tras uns dous minutos, 47.304.000.
  • En segundo lugar, preguntáronlle cantos segundos viviu un home de 70 anos, 17 días e 12 horas vellas. Despois dun minuto e medio, a súa resposta foi 2.210.500.800. Un dos homes, quen facía os cálculos en papel, afirmou que a cifra era demasiado alta. Fuller indicoulle a este que esquecera os anos bisestos. Efectivamente, cando estes foron engadidos, as contas coincidiron.[3]

Malia a precisión das respostas de Fuller, Hartshorne e Samuel Coates, un dos seus compañeiros, coidaban que as súas habilidades mentais foran outrora superiores:[3]

Tiña o cabelo cano e mostraba marcas da febleza dunha persoa anciá. Traballara arreo nunha granxa durante toda a súa vida, mais nunca tivera excesos coa bebida. Falaba con moito respecto da súa ama e en particular das obrigas que tiña con ela por recusar vendelo, malia que lle ofreceron moito diñeiro por el. Un dos homes, Mr. Coates, laiouse de que Fuller non recibise unha educación acorde ao seu xenio. Fuller, quen o escoitara, retrucou: «Non, meu señor, mellor así, pois moitos dos homes instruídos son tamén grandes paspáns».

Hartshorne e os seus acompañantes regresaron a Filadelfia e axiña acudiron ao Dr. Benjamin Rush, daquela un destacado abolicionista. Rush envioulle unha carta coas notas deles á Abolitionist Society of Pennsylvania, que a transmitiu á súa vez á London Abolitionist Society. Así, xa a unha avanzada idade, «Tom o Negro» foi recoñecido a ambos lados do océano Atlántico.[4]

Recoñecemento editar

Na sepultura de Thomas Fuller figura este epitafio:

«Aquí xace "Tom o Negro", aritmético autodidacta, académico inculto! -- Se chegase a ter as mesmas oportunidades cós seus iguais, nin a Royal Society of London, nin a Académie des Sciences de París, nin sequera o mesmísimo Newton, terían por que sentiren vergoña de recoñecelo como compañeiro na ciencia».[4]

Notas editar

  1. Ball, Walter William Rouse (1974) [1940]. "XIII. Calculating Prodigies". En Coxeter, Harold Scott MacDonald. Mathmatical Recreations & Essays (en inglés) (12º ed.). Toronto: University of Toronto Press. pp. 360–387. ISBN 9781442656529. 
  2. Pejsa, Jane H. (12 de febreiro de 1980). "A wizard in any age". The Christian Science Monitor (en inglés). ISSN 2573-3850. Consultado o 21 de febreiro de 2023. 
  3. 3,0 3,1 Coates, Samuel; Hartshorne, William (30 de xaneiro de 1789). Mathew Carey, ed. "Account of a wonderful talent for arithmetical calculation, in an African slave, living in Virginia". The American Museum (en inglés) (Filadelfia) 5: 62–63. LCCN 02025071. 
  4. 4,0 4,1 Pejsa, Jane H. (12 de febreiro de 1980). "A wizard in any age". The Christian Science Monitor (en inglés). ISSN 2573-3850. Consultado o 21 de febreiro de 2023. 

Ligazóns externas editar