Tempo and Mode in Evolution

Tempo and Mode in Evolution (Tempo e modo en Evolución) é un libro publicado en 1944 por George Gaylord Simpson, que foi unha contribución pioneira á síntese evolutiva moderna, que integraba os feitos da paleontoloxía cos da xenética e a selección natural.

Simpson argumentou no libro que a microevolución da xenética de poboacións era dabondo por si mesma para explicar os padróns da macroevolución observada na paleontoloxía. Simpson tamén subliñou a distinción entre tempo (no sentido de ritmo[1]) e modo. "O tempo" comprende "os ritmos evolutivos … as súas aceleracións e deceleracións, as condicións de evolucións excepcionalmente lentas ou rápidas, e fenómenos suxerentes de inercia e momento," mentres que o "modo" comprende "o estudo do camiño, maneira ou padrón da evolución, un estudo no cal o tempo é un factor básico, pero isto comprende considerablemente máis cousas que o tempo."[2]

Neste libro Simpson intentou facer varias xeneralizacións:

  • O tempo ou ritmo da evolución pode dar información sobre o seu modo.
  • No rexistro fósil atópanse varios ritmos: horotélico (ritmo medio), braditélico (ritmo lento) e taquitélico (ritmo rápido).
  • Os feitos da paleontoloxía son consistentes coa teoría xenética da selección natural. Ademais, teorías como a ortoxénese, o lamarckismo, as presións de mutación e as macromutacións ou son falsas ou xogan un pequeno ou nulo papel.
  • A maioría da evolución —"nove décimas partes"— ocorre pola transformación filética estable de liñaxes completas (anaxénese). Isto contrasta coa interpretación da especiación de Ernst Mayr por medio división ou separación de poboacións, especialmente nas especiacións alopátrica e peripátrica.
  • A falta de probas da existencia de transicións evolutivas no rexistro fósil explícase mellor por, primeiro, a escaseza do rexistro fósil, e, segundo, como consecuencia da evolución cuántica (que é a responsable da "orixe das unidades taxonómicas de categoría relativamente alta, como familias, ordes e clases"). A evolución cuántica elaborouse sobre a teoría de Sewall Wright da deriva xenética aleatoria.

Tempo and Mode fíxole gañar a Simpson a Medalla Daniel Giraud Elliot da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos en 1944.[3] Quince anos despois da súa publicación, a Academia encargou a elaboración dun libro titulado Tempo and Mode in Evolution: Genetics and Paleontology 50 Years After Simpson editado por Walter M. Fitch e Francisco J. Ayala. Esta obra inclúe contribucións de Ayala, Stephen Jay Gould e W. Ford Doolittle.

Stephen Jay Gould consideraba que Simpson fora bastante pesimista en cuanto á síntese evolutiva: "Eu argumento que Simpson era excesivamente pesimista e que a crenza do modernismo na unificación reducionista (a visión convencional dos intelectuais occidentais da década de 1920 ata a década de 1950) debe ser suplantada por un compromiso posmodernista co pluralismo e múltiplos níveis de causalidade".[4]

  1. Tempo en inglés refírese ao ritmo ou compás en música, significado que tamén ten en galego, e por analoxía úsase tamén noutros contextos.
  2. *Simpson, G. G. (1944) Tempo and Mode in Evolution. Nova York: Columbia Univ. Press.
  3. "Daniel Giraud Elliot Medal". National Academy of Sciences. Consultado o 16 de febreiro de 2011. 
  4. Gould, Stephen Jay (1995). Tempo and Mode in the Macroevolutionary Reconstruction of Darwinism (en inglês). [S.l.]: National Academies Press (US). pp. 122, 124

Bibliografía

editar

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar