Na Mitoloxía grega Tecmesa foi unha princesa da Tróade, filla do rei frixio Teleutante (ou Teleutas ou Teutras). Os frixios foron aliados de Príamo durante a guerra de Troia[1] e, de feito, Príamo estaba casado (en segundas nupcias) con Hécuba, filla do rei frixio Dimante.

Tecmesa e o seu fillo Eurísaces, ante Áiax (Asmus Jakob Carstens, 1791)

Nas primeiras fases da Guerra de Troia os aqueos realizaron diversas expedicións de rapina nas terras próximas a Troia apoderándose de riquezas, cabalos e prisioneiros, que convertían en escravos. Tecmesa foi unha das prisioneiras capturadas nestas operacións, concretamente por Áiax o Grande, que a retivo consigo como concubina.

Áiax e Tecmesa tiveron un fillo, Eurísaces.

Cando Aquiles morre, as súas armas, fabricadas polo deus Hefesto, son obxecto de discusión entre Áiax e Odiseo[2], e finalmente son entregadas a este último. Áiax montou en cólera e Ateneaaproveitou o momento para volvelo tolo. O que fixo nese estado avergonzouno tanto, unha vez recuperado o sentido, que prefiriu suicidarse antes de comparecer ante os seus compañeiros.

Nas tradicións recollidas polos diferentes mitógrafos, o personaxe de Tecmesa ten moi pouca relevancia e apenas a mencionan. Polo contrario, xoga un importante papel na traxedia Áiax do dramaturgo Sófocles. Nesta obra evidénciase unha relación sentimental entre amo e escrava[3] que intenta por tódolos medios evitar o suicidio do heroe, infrutuosamente, e, cando este se produce, evita que os gregos ultraxen o cadáver como pretendían, por tratarse dun suicida. Foi ela quen cubriu o corpo coa súa túnica e protexeuno ata que chegou Teucro, o medio irmán de Áiax, e esixiu a Agamenón uns ritos funerarios dignos. O motivo de Tecmesa cubrindo o cadáver de Áiax queda reflictido nunha copa ática de figuras vermellas do pintor de Brigos (490-480 a. C.), que se expón no Museo Getty de Os Ánxeles[4].

Pero a verdade é que na Ilíada non se cita a súa presenza en ningún momento. O feito de que só sexa citada por Sófocles (e autores posteriores) fai pensar que non sexa máis que un personaxe inventado por Sófocles para achegar dramatismo á súa traxedia, con características tomadas de Briseida (concubina de Aquiles) ou de Andrómaca (esposa de Heitor).

Pasado o momento da morte de Áiax, ningunha fonte recolle qué puido pasar posteriormente con ela[5].

Notas editar

  1. Ilíada II, 862.
  2. A nai de Aquiles, a nereida Tetis, decidiu que as armas foran entregadas ó grego máis valente, e só Áiax e Odiseo se consideran merecentes dese título.
  3. A autora da introdución ás Traxedias de Sófocles (ed. Gredos, ed. 2021), Carmen Morenilla, afirma que Áiax tiña a intención de casar con ela ó regreso a Grecia, e incide no tratamento que se lle dá como esposa nesta obra (px. 27).
  4. Esteban Santos, fig. 5.
  5. Grimal, s. v. Tecmesa.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Esteban Santos, Alicia: "De princesas a esclavas en Troya (Heroínas de la mitología griega III)", en Cuadernos de Filología Clásica nº 17 (2007), 45-75.
  • Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940.  (en castelán)
  • Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574.  (en castelán)