O tecido vascular ou tecido condutor é un tipo de tecido vexetal complexo, formado por varias clases de células e compoñentes, a través docal se transportan líquidos (zumes bruto e elaborado) polo interior da planta, que se encontra nas plantas vasculares (pteridófitas e espermatófitas). Os compoñentes primarios do tecido vascular son o xilema e o floema. O xilema é un sistema que transporta a través da planta auga e sales minerales disoltos (zume bruto). O floema transporta nutrientes xa elaborados polas células ou orixinados na fotosíntese (zume elaborado). Tamén están asociados ao tecido vasular certos meristemas: o cámbium vascular. Todos os tecidos vasculares dunha planta constitúen o sistema de tecidos vasculares ou sistema vascular.[1]

Sección do corte dun talo de apio, mostrando o tecido vascular, que inclúe o floema e o xilema.
Detalle da vascularización ou nervación nunha folla de Rubus fruticosus.

As células do tecido vascular son usualmente longas e delgadas. Dado que o xilema e o floema actúan como o sistema de transporte de auga, minerais e nutrientes na planta, non é de estrañar que a súa forma sexa similar a tubos. As diferentes células do floema están conectadas entre si polos extremos, como se fosen seccións dun tubo. A medida que a planta medra diferénciase novo tecido vascular nos extremos de crecemento da planta. O tecido novo alíñase co tecido vascular existente, mantendo a conexión a través da planta. O tecido vascular disponse en longos feixes vasculares, que constan de xilema e floema e de células de soporte e protección. No talo e as raíces, o xilema está cara á parte máis interior do talo e o floema máis cara a exterior. Nos talos de dicotiledóneas Asteriidae, pode haber floema tamén cara ao interior. Nalgunhas plantas, entre os tecidos vasculares hai tubos laticíferos.

Entre o xilema e o floema hai un meristema denominado cámbium vascular. As células deste tecido divídense diferenciándose en xilema e floema adicionais. Este crecemento incrementa o diámetro da planta. Mentres o cámbium vascular produza novas células, a planta continuará crecendo cada vez máis robusta. Nas árbores e outras plantas leñosas, o cámbium vascular permite a expansión do tecido vascular que produce madeira.

Nas follas os feixes vasculares están situados no mesofilo esponxoso. O xilema está orientado mirando á cara adaxial da folla (xeralmente na parte de arriba ou face da folla). Esta é a razón pola que os áfidos que parasitan as plantas se encontran na cara inferior das follas (envés), onde se encontra o floema que transporta os azucres producidospola planta, e ademais está máis preto da superficie.

Plantas vasculares

editar
Artigo principal: Plantas vasculares.

A presenza de tecidos vasculares serve para clasificar as plantas en dous grandes grupos: plantas vasculares ou traqueófitas, que son as pteridófitas e espermatófitas, e plantas non vasculares, que son as briófitas. Os tecidos vasculares consérvanse moitas veces nos fósiles e o que mellor se conserva é o xilema, por ter predes máis grosas, polo que é o xilema o que máis se usa para dentificar plantas vasculares fósiles.[2]

As briófitas (musgos, hepáticas e antocerotas) son plantas moi pequenas que poden absorber auga por todo o seu corpo e non necesitan nin teñen tecidos vasculares e carecen practicamente de diferenciación celular. Non obstante, hai algunhas especies de hepáticas e musgos nas que poden aparecer cordóns de células centrais parenquimáticas cunha incipiente especialización que facilitan o transporte de auga, aínda que non constitúen un verdadeiro tecido vascular.

Canto maior é o corpo dunha planta, máis células e máis partes aéreas teña, máis necesarios son os tecidos vasculares que transporten con rapidez a auga e os nutrientes entre as distintas partes da planta, polo que no decurso da evolución das plantas apareceron tecidos especializados na condución chamados tecidos vasculares ou condutores. Estes encóntranse xa nas pteridófitas e anxiospermas. Na evolución das pteridófitas e ximnospermas obsérvase un aumento da sección dos elementos condutores e a aparición de punteaduras nos tabiques transversais que conectan as células condutoras (traqueidas), e nas máis evolucionadas (Pteridium, Ephedra) desaparecen os tabiques transversais e aparecen as traqueas. Estas células eran de paredes grosas, polo que servían á vez para a condución e o sostén. Posteriormente, nas anxiospermas apareceron tecidos especializados só no sostén como o esclerénquima e as traqueas condutoras chegaron ao seu máximo desenvolvemento.[1]

Xilema

editar
Artigo principal: Xilema.
 
Traqueidas con puntuacións areoladas de Abies concolor.

O xilema transporta o zume bruto: auga e sales minerais. Diferénciase inicialmente a partir do procámbium e despois do cámbium vascular. Consta de varios tipos de células, unhas vivas e outras mortas, como células parenquimáticas, células de sostén e elementos condutores. As células condutoras son alongadas, lignificadas e ocas. Poden ser traqueidas que se conectan unhas con outras por medio de puntuacións, ou traqueas, formadas por elementos dos vasos unidos en columna que teñen a súa parede común totalmente perforada. Aínda que as traqueas ou vasos están formadas por elementos dos vasos perforados, cada certa distancia hai elementos non perforados que presentan punteaduras parecidas ás das traqueidas. As paredes secundarias das traqueas teñen engrosamentos característicos.[2]

Floema

editar
Artigo principal: Floema.

O floema transporta o zume elaborado: azucres fotosintéticos alimenticios e outras moléculas orgánicas disoltas. Diferénciase do procámbium e do cámbium vascular. Está constituído por elementos cribosos condutores, parénquima e células de sostén. As células do floema poden ser células cribosas, menos especializadas, ou elementos dos tubos cribosos, máis especializados. Estas células teñen protoplasto e están conectadas por medio de placas cribosas. As células cribosas teñen placas cribosas pouco especializadas, son longas e delgadas con extremos afiados e superpóñense polos seus extremos. Os elementos dos tubos cribosos teñen algunhas partes das áreas cribosas máis especializadas que outras, e as placas poden estar en posición moi inclinada ou practicamente transversal, e dispóñense unhas sobre outras formando os tubos cribosos.[2]

  1. 1,0 1,1 D. v. Denfer, F. Ehrendorfer, A. Bresinsky, H. Ziegler.Tratado de Botánica. Strassburger. 7ª edición. Editorial Marín. 1986. Páxinas 126-131. ISBN 84-7102-990-1.
  2. 2,0 2,1 2,2 Katherine Esau. Anatomía Vegetal. Omega. Barcelona. (1976). Páxinas 250-253, 296-305. ISBN 84-282-0169-2.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar