Pato canelo

(Redirección desde «Tadorna ferruginea»)
Pato canelo

Parella de patos canelos
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Tadorna
Especie: Tadorna ferruginea
(Pallas, 1764)
Sinonimia

Casarca ferruginea
Anas ferruginea
Casarca rutila

O pato canelo[2] ou pato ferruxento[3] (Tadorna ferruginea) é unha ave da familia dos anátidos. É unha ave acuática facilmente distinguible de 58 a 70 cm de lonxitude cunha envergadura alar de 110 a 135 cm. Ten unha plumaxe corporal marrón alararanxada cunha cabeza máis clara, mentres que a cola e as plumas de voo das ás son negras, o que contrasta coas cobertoiras das ás brancas. É unha ave migratoria, que inverna no subcontinente indio e se reproduce no sur de Europa e Asia central, aínda que hai pequenas poboacións residentes no norte de África. En Galicia é unha ave visitante irregular que aparece sobre todo como invernante.[3]. Ten unha chamada alta como unha bocina.

Ovos de Tadorna ferruginea no MHNT

Habita en corpos de auga do interior como lagos, encoros e ríos. Macho e femia establecen uns lazos de parella duradeiros e o niño pode estar situado bastante lonxe da auga, nunha greta ou burato nun cantil, árbore ou sitio similar. Fan unha posta duns oito ovos que son incubados só pola femia durante catro semanas. Os xoves son coidados por ambos os proxenitores e empluman oito semanas despois da eclosión.

En Asia central e oriental as súas poboacións son estables ou en aumento, pero en Europa xeralmente están en declive. En conxunto, ten unha ampla área de distribución e unha poboación total grande, e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza estimou o seu status de conservación como "pouco preocupante".

Taxonomía editar

 
No lago Chilika, Mangalajodi, Odisha, India

Tadorna ferruginea forma parte do xénero Tadorna da familia Anatidae. A ave oi descrita en 1764 polo zoólogo e botánico alemán Peter Simon Pallas, que a denominou Anas ferruginea, pero despois foi transferida ao xénero Tadorna.[4][5][6] Porén, algunhas autoridades sitúana no xénero Casarca, xunto co pato surafricano Tadorna cana, o australiano T. tadornoides e o neozelandés T. variegata. As análises filoxenéticas mostran que está relacionado máis estreitamente co Tadorna surafricano. En catividade, o pato canelo hibrida con outros anátidos membros do xénero Tadorna, e con varios do xénero Anas e co Alopochen aegyptiaca. Non se recoñece ningunha subespecie.[7]

O nome do xénero Tadorna vén do nome francés do animal, "tadorne",[8] que parece deriva dunha raíz celta que significa 'pato manchado'. O nome da especie ferruginea en latín significa 'ferruxento, oxidado' e refírese á cor da plumaxe.[9]

Descrición editar

Alcanza unha lonxitude de 58 a 70 cm e unha envergadura alar de 110 a 135 cm. O macho ten unha plumaxe marrón alaranxada e unha cabeza e pescozo máis claros da mesma cor, separados do corpo por un estreito colar negro. A rabadilla, plumas de voo, cobertoiras da cola e plumas da cola son negras e ten plumas de espello verdes iridiscentes na superficie interna das ás. As cobertoiras das ás superiores e inferiores son brancas, característica especialmente visible en voo, pero apenas visible en terra. O bico é negro e as patas grises escuras. A femia é similar pero ten unha cabeza e pescozo bastante máis claros e carece de colar negro, e en ambos os sexos a coloración é variable e difumínse a medida que as plumas son máis vellas. Estas aves mudan a finais da estación reprodutora e o macho perde o seu colar negro, pero hai unha muda parcial adicional entre decembro e abril que restaura o colar. Os xuvenís son similares ás femias, pero de ton máis escuro ou marrón.[10]

A chamada é unha serie de notas como de bocina nasais e altas, e é posible diferenciar as emitidas polo macho e pola femia. As chamadas fanse desde terra ou en voo e os sons varían de acordo coas circunstancias nas que se emiten.[10]

Distribución e hábitat editar

A principal área de reprodución da ave é o suroeste de Europa e a través de Asia xntral ata o lago Baikal, Mongolia, e oeste da China, aínda que tamén hai unhas poucas poboacións residentes desta especie no noroeste de África e Etiopía.[11] As poboacións do leste son principalmente migratorias e invernan no subcontinente indio.[12] Esta especie colonizou a illa de Fuerteventura nas Canarias, e o primeiro rexistro de reprodución alí é de 1994, chegando a formar unha poboación de case 50 parellas en 2008.[13] O pato canelo é un visitante invernal común da India, onde chega en outubro e parte en abril. O seu típico hábitat de reprodución son as grandes zonas húmidas e ríos con chairas de barro e praias de grava, e encóntrase en grandes cantidades en lagos e encoros. Reprodúcese en lagos situados a grande altura e pantanos en Jammu e Caxemira.[12] Fóra da estación reprodutora prefire ríos de terras baixas, ríos moi lentos, lagoas, pradeiras inundadas, marismas e albufeiras salobres.[14]

Aínda que se fixo bastante escaso no sueste de Europa e sur de España, é aínda común ao longo de gran parte do seu rango asiático. Parece que é esta poboacióna que orixina aves errantes que chegan tan ao oeste como Islandia, Gran Bretaña e Irlanda. Porén, como a poboación europea está declinando, é probable que a maioría das aparicións de exemplares no oeste de Europa das últimas décadas son aves escapadas da catividade ou que se fixeron silvestres despois de escapar. Aínda que esta ave se observa na natureza de cando en vez no leste de Norteamérica, non se atoparon probas de que estes sexan auténticos casos de aves errantes.[1] Os patos canelos que se volveron silvestres conseguiron reproducirse con éxito en varios países europeos. En Suíza é considerada unha especie invasora que ameaza e despraza aves nativas. Malia as accións que se tomaron para reducir a súa cantidade, a poboación de pato canelo en Suíza incrementouse de 211 a 1250 individuos no período que vai de 2006 a 2016.[15]

O pato canelo frecuenta principalmente lugares abertos en corpos de auga do interior, como lagos, encoros e ríos. Raramente se ve en áreas forestais, pero si en augas salobres e albufeiras salinas. Aínda que é máis común en terras baixas, tamén mora en altitudes máis elevadas e en Asia central é unha das poucas aves acuáticas, xunto co Anser indicus`, que se encontra en lagos a 5 000 m de altura.[16]

Comportamento editar

 
En Slimbridge, Gloucestershire
 
Pato canelo voando sobre un lago
Tadorna ferruginea

É unha especie principalmente nocturna.[14] É omnívora e aliméntase de herbas, brotes de plantas, gran e plantas acuáticas así como invertebrados acuáticos e terrestres. En terra come na follaxe, en inverno busca comida co bico en augas pouco profundas e a maiores profundidades mete medio corpo na auga boca abaixo mentres nada, pero non se mergulla.[16]

Encóntrase normalmente en parellas ou pequenos grupos e raramente forma grandes bandadas. Porén, os grupos que se xuntan para mudar e invernar en determinados lagos ou ríos lentos poden ser moi grandes. Observáronse grupos de catro mil aves na presa Koshi e na Reserva de vida silvestre de Koshi Tappu no Nepal, e dunhas dez mil no lago Gölü en Turquía.[16]

Chegan aos seus principais lugares de reprodución en Asia central en marzo e abril. Hai un forte lazo de parella entre o macho e a femia e crese que se emparellan para toda a vida. Nos seus cuarteis de reprodución, as aves son moi agresivas coas da súa propia especie ou doutras especies. As femias en especial achéganse aos intrusos coa cabeza baixa e o pescozo estirado, proferindo chamadas de enfado. Se o intruso se mantén firme, a femia volve a polo macho e corre arredor del, incitándoo a que ataque, cousa que el pode que faga ou non.[10] O apareamento ten lugar na auga despois dun breve ritual de cortexo que implica estirar o pescozo, baixar a cabeza e subir a cola.[16] O sitio de nidificación está con frecuencia lonxe da auga situado nun burato nunha árbore ou edificio en ruínas, unha greta nun cantil, entre dunas de area ou aproveitando un burato escavado por outro animal. O niño constrúeo a femia usndo plumas e penuxe e algo de herba.[10]

Fan unha posta duns oito ovos (varía de seis a doce) entre finais de abril e principios de xuño. Os ovos teñen un brillo apagado e son de cor crema, medindo de media 68 × 47 mm. A incubación dos ovos faina a femia mentres o macho vixía nas proximidades. Os ovos fan eclosión uns 28 días despois e ambos os pais coidan das crías, as cales empluman 55 días despois.[16] Despois de se repoduciren, os adultos mudan, perdendo a capacidade de voar durante un mes. Antes de mudar trasládanse a un corpo de auga grande onde poidan evitar máis doadamente a predación nese período en que non poden escapar voando.[14] A familia pode permanecer xunta durante un tempo; a migración outonal empeza arredor de setembro e os xoves poden madurar ao segundo ano. Os exemplates do norte de África crían unhas cinco semanas antes, e o seu éxito reprodutor é maior nos veráns húmidos.[16]

Conservación editar

Os budistas consideran que este pato é sagrado e isto deulle certa protección en Asia central e oriental, onde a poboación se cre que é estable ou mesmo aumenta. A Reserva de grúas de pescozo negro de Pembo no Tíbet é unha importante área de invernada de patos canelos, onde goza de protección. En Europa, as poboacións están xeralmente en declive conforme as zonas húmidas son drenadas e as aves cazadas. Non obstante, son menos vulnerables que algunhas outras aves acuáticas debido á súa adaptabilidade a novos hábitats, como os encoros.[16]

O pato canelo ten unha área de distribución moi ampla e unha poboación total estimada de 170 000 a 225 000 individuos. A tendencia da poboación global non está clara, xa que algunhas poboacións locais están aumentando mentres que outras están diminuíndo. Esta ave non cumpre todos os criterios necesarios para que sexa considerada ameazada, e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza avaliou o seu status de conservación como "pouco preocupante".[1] É unha das especies ás que se lle aplica o Acordo para a Conservación das Aves Acuáticas Migratorias Africano-euroasiático (AEWA).[17]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Tadorna ferruginea". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Mayr, Ernst; Cottrell, G. William (1979). Check-list of Birds of the World. Volume 1 (2nd ed.). Cambridge, Massachusetts: Museum of Comparative Zoology. p. 450. 
  5. Sherborn, C. Davies (1905). "The new species of birds in Vroeg's catalogue, 1764". Smithsonian Miscellaneous Collections 47: 332–341 [339 No. 258].  Inclúe un transcrito do texto de 1764.
  6. Rookmaaker, L.C.; Pieters, F.F.J.M. (2000). "Birds in the sales catalogue of Adriaan Vroeg (1764) described by Pallas and Vosmaer". Contributions to Zoology 69 (4): 271–277. 
  7. Carboneras, C.; Kirwan, G.M. (2014). "Ruddy Shelduck (Tadorna ferruginea)". Handbook of the Birds of the World Alive. Lynx Edicions, Barcelona. Consultado o 20 October 2015. 
  8. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 377. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  9. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 159. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 3: Hawks to Ducks. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 227–231. 
  11. Bouglouan, Nicole. "Ruddy Shelduck: Tadorna ferruginea". oiseaux-birds.com. Consultado o 21 October 2015. 
  12. 12,0 12,1 Stockley, C.H. (1923). "Some notes on Indian game birds". The Journal of the Bombay Natural History Society 29: 278–279. 
  13. Garcia del Rey, Eduardo; Rodriguez-Lorenzo, Juan Antonio (2010). "Breeding status of the Ruddy Shelduck Tadorna ferruginea at Fuerteventura, Canary Islands: natural colonisation of two habitat types on an oceanic island". Ostrich 81 (2): 93–96. doi:10.2989/00306525.2010.488376. 
  14. 14,0 14,1 14,2 "Ruddy Shelduck: Tadorna ferruginea". BirdLife International. 2015. Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2015. Consultado o 24 October 2015. 
  15. Müller, Werner (2 April 2017). "Rechtzeitig handeln.". Ornis: 12–14. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2018. Consultado o 10 de agosto de 2019. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 Kear, Janet (2005). Ducks, Geese and Swans: General chapters, species accounts (Anhima to Salvadorina). Oxford University Press. pp. 420–430. ISBN 978-0-19-861008-3. 
  17. "AEWA Species". Agreement on the Conservation of African-Eurasian Migratory Waterbirds. Consultado o 22 October 2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar